A nosa historia
A creación dos institutos de Ensinanzas Medias no século XIX (Lei Moyano de 1857) comenzou polas capitais de provincia. En Galicia, no ano 1842 constrúese en Lugo o primeiro instituto de Ensinaza Media, seguido do centros de Pontevedra, Santiago e Ourense no ano 1845. O último instituto capitalino, o IES Eusebio da Guarda na Coruña, empezaría a súa andadura no 1889.Estes complexos non só impartían docencia de bacharelato senón que exercían como unha delegación de ditos ministerios e polo tanto contaban cunhas instalacións aptas para todo tipo de actos solemnes. Vigo por non ser capital de provincia aínda debería agardar un longo período de tempo ata contar cunha instalación desta índole. Así, a mediados do século XIX a cidade só contaba con algúns colexios pertencentes a órdes relixiosas, así como outros de carácter seglar. Nos primeiros anos do século XX, a laboriosa cidade de Vigo, que con sesenta mil habitantes triplicaba a poboación de Pontevedra, viviu como inxusta esta situación de marxinación e a demanda dun centro de ensino medio fíxose unánime e clamorosa. Esa reivindicación, asumida polos alcaldes Gregorio Espino e o seu sucesor Mauro Alonso, dá por resultado que o goberno de Primo de Rivera, no consello de ministros do 17 de xuño de 1927, aprobe a creación do ansiado instituto.
A súa primeira ubicación foi un edificio propiedade dos maristas na Areosa alugado polo Concello á espera dunha sede definitiva. Así pois, no curso 1927-28, con 189 alumnos, comeza a súa andaina o instituto de Vigo. En 1932 o instituto instálase, tras a disolución da orde dos xesuítas, no seu terreo de Bellavista onde permanece ata 1936. Nesa data é desprazado pola autoridade militar que preferiu instalar naquelas dependencias un hospital de evacuación de feridos de guerra. Sen sede axeitada, improvísanse locais, como o da Escola de Artes e Oficios, que por resultaren inadecuados obrigan ao concello a procura urxente dunha solución definitiva.
O 25 de xuño de 1841 a localidade pontevedresa de Marín é testigo do nacemento de José Policarpo Sanz Souto, que tería un papel fundamental na construcción do definitivo emplazamento do IES Santa Irene. Como moitos outros galegos, de familia humilde, Policarpo Sanz tivo que emigrar a América en busca dunha mellor vida, conseguindo deste xeito unha boa fortuna. O seu casamento con Irene Ceballos Sánchez, filla dun banqueiro de Nova York, axuda notablemente a consolidar e incrementar a esa fortuna.
Anos mais tarde, o deterioro da saúde Policarpo Sanz fai que redacte o seu testamento o 1 de xuño de 1888. Finará o 9 de novembro de 1889 en París. Na lectura pública do seu testamento, foi vontade deixar parte dos seus bens á "Casa da Caridade" de Vigo e o resto correspondeulle en usufructo a súa esposa. No seu testamento establécese un fondo de dous millóns e medio de pesetas que debe dedicarse, entre otras cuestións, á construción dun “edificio de cantería a propósito para establecer en él un Colegio o Institución para primera y segunda enseñanza, capaz para doscientos o trescientos niños, o más, según sean las necesidades de la población de Vigo.
…La educación en ese colegio será completamente gratuita para todos los niños de familias pobres de la ciudad...
Ademais encarga expresamente que: “en la parte superior de la entrada principal se pondrá en letras de bronce: Instituto Santa Irene consagrado a la instrucción pública gratuita, fundado por José Policarpo Sanz e Irene Ceballos de Sanz”. Tamén dispuxo que Irene Ceballos dése nome ó novo centro de ensinanza. O falecemento de Irene Ceballos tivo lugar o 18 de agosto de 1935, momento no que o Concello de Vigo pasou a ser titular pleno do seu legado. As cinzas de ambos benefactores repousan nun pequeno mausoleo no camposanto de Pereiró.
Os desexos de Policarpo Sanz non se verían cumpridos inmediatamente polo comezo da guerra civil en xullo de 1936. Houbo que esperar dous anos despois de remate do conflicto bélico, ata o 12 de marzo de 1941, para que a corporación municipal, presidida por Luís Suárez Llanos, o primeiro alcalde designado polo réxime franquista, acorde a cesión da parcela do Carme para iniciar a construción do instituto. Dita parcela situáse no final da marxe esquerda da Gran Vía en dirección á Praza América e no inicio da estrada de Vincios, hoxe avenida de Castrelos. A parcela enlazaba co Museo de Castrelos, representando ambos edificios a culminación da filantropía de Irene Ceballos e Policarpo Sanz
O arquitecto Antonio Cominges Tapias redacta o proxecto e a casa Pérez Conde executa as obras. Trátase dun edificio con planta en forma de E, cunha entrada porticada á que se accede por unha escalinata. Sobre a entrada atópase unha terraza ornamentada cunha balaustrada de estilo neobarroco.
A fachada principal segue un esquema ecléctico e a ornamentación vertébrase no corpo central, coa súa poderosa torre que actúa como elemento emblemático e referencial. A torrre está inspirada no templo parisino de Saint-Sulpice, coa súa torre norte de estilo neoclásico e construído en 1780 por Jean-François Chalgrin.
A torre conta cun imponente reloxo de catro esferas, símbolo e referente na cidade de Vigo por ser aglutinador de miradas desde praza América o último día de cada ano, desde 1999. A peza orixinal foi deseñada por Evangelino Taboada, segundo moitos historiadores o mellor reloxeiro de Galicia. É un reloxo de catro esferas e pesa 1.500 kg. Actualmente foi reformado e posto en funcionamento o reloxo que da fronte a praza América.
O edificio contaba con magníficas instalacións (laboratorios, ximnasio, biblioteca, capela, cantina, paraninfo, etc.) e uns campos de recreo axardinados que ocupan o terreo do Carme. Noutras palabras, constrúese coa magnificencia que corresponde a un instituto de "capital de provincia". Por fin, Vigo sente enchida a súa vella aspiración ao tempo que corrixe esa sentida inxustiza comparativa.
O definitivo Santa Irene comeza a funcionar no curso 1945-46 baixo a dirección do profesor López Niño, pero é en setembro de 1946 cando o ministro de educación Ibáñez Martín preside unha inauguración solemne coa presenza da máis alta xerarquía civil, militar, eclesiástica e académica. Desde os inicios ata 1962 será un instituto mixto, estando reservada a ala dereita para as nenas e a zona esquerda para os nenos. Desa tradición arcaica perdura a ubicación dos baños masculino e femininos en cada pranta.
* * *
Nesta primeira etapa a contribución do Instituto Santa Irene foi enorme para a vida cultural da cidade. A mellora, cuantitativa e cualitativa, da escolarización foi manifesta, xa que facilitou a incorporación de "nenos" que na práctica tiñan vetado o bacharelato e tamén polo notable aumento do nivel científico e humanístico do ensino impartido, grazas á preparación do cadro de catedráticos e catedráticas que se incorpora á cidade. Cabe destacar desa primeira etapa a profesores como: Enrique López Niño, Anadón Frutos, Vicente Argomániz, Luís Curiel e Manuel Pazo, que foron os seus primeiros directores. A pesar de que boa parte do profesorado do centro era de aberto talante liberal, víase obrigado a gardalo celosamente dado que o ambiente xeral no instituto estaba determinado polo forte control do nacional-catolicismo imperante. Por outra parte, o instituto co seu paraninfo e cos seus extensos e ben coidados campos de recreo foi un espazo dedicado a todo tipo de actos culturais e deportivos. Por isto foi enorme a súa proxección sobre Vigo e, moi especialmente, sobre o emerxente barrio das Travesas, para o cal significou un equipamento cultural e de ocio de primeira orde. En 1962 comenza a impartir docencia o IES Santo Tomé de Freixeiro, pasando a ser o instituto feminino. Desde ese curso, o Santa Irene pasa a ser polo tanto o centro masculino.
Entre os anos 1972 a 1975, o instituto Santa Irene debe trasladarse a Coia (ao edificio que ocupa hoxe o IES Alexandre Bóveda naquel momento recen construído) para realizar unha remodelación do edificio, por certo bastante desafortunada, que actualizase as súas instalacións. É tamén a época na que a corporación do Alcalde Portanet, facendo oídos xordos á forte protesta do claustro de profesores e doutros sectores sociais, decide ocupar parte da finca do Carme para a construción do actual centro deportivo e deixa ao instituto (e ás Travesas) sen os seus campos de recreo e cuns antiestéticos muros de bloques na parte posterior do edificio, sendo así o único centro educativo que na actualidade non conta con instalacións deportivas nin zonas de esparexemento para o seu alumnado.
* * *
O regreso no curso 1976-77 á sede da Praza de América, inicia a etapa, digámolo así, democrática. Comeza con certa inestabilidade pola sucesión de direccións breves, Clementina González, Adrián Lobo e Manuel Fernández, ata que en 1986 accede á dirección Leónides de Carlos (que permanecerá nela ata a súa morte 16 anos despois) asistido por Méndez Ferrín como vicedirector, Manuel Rosales como secretario, e Antonio García Caamaño, Guillermo Touza e Alfonso García Suárez como xefes de estudos. No curso 1979/80 volve a ser mixto. Esa longa etapa de estabilidade, cun claustro de profesores de gran valía e un equipo de persoal administrativo e de servizos moi competente, axuda a consolidar unha forma de entender o ensino (chamado coloquialmente o “espírito” do Santa Irene) que permitiu ofrecer un servizo público de calidade que pon o acento na formación académica e humana do alumnado dende a tolerancia e a solidariedade.
Este labor educativo foi mantido polos directores Alfonso García Suárez, que incorpora a José María Martínez Blanco antiguo alumno do centro na vicedirección e a Juana Fernández Reiriz na xefatura de estudos de adultos e de José María Martínez Blanco que incorporou a Vicente de Becerra e Gil na vicedirección.
No ano 2015, Federico Bertólez Ruiz sucede na dirección a José María Martínez Blanco, quen, tras dous anos con problemas de saúde falece no ano 2015. O novo equipo directivo, formado por Francisco José García Sanz, como secretario, Ana María Díaz Amigo, na vicedirección, Talida María Pilar Ruíz del Arbol Fernández e María Elvira Rey Rodríguez, na xefatura de estudos, e Juana María Fernández Reiriz, na xefatura de estudos de adultos, introducen importantes cambios no centro e propoñen unha renovación que busca a eficiencia e o rigor na xestión administrativa.
No ano 2017, Patricia Mena Piñeiro sucede na dirección a Federico Bertólez Ruíz, acompañada de Xoán Xosé Mariño Pazo e Francisco José García Sanz, como secretarios, María Inmaculada Peniza González, na vicedirección, María Montserrat Iglesias López, na xefatura de estudos, e María Concepción Fernández Méndez, na xefatura de estudos de adultos.
No ano 2019, o centro pasa pola segunda gran reforma na súa historia, unha rehabilitación integral por valor de 1,2 millón de euros. Foi necesario mellorar a accesibilidade (ascensor e rampa de acceso polo soto), substitución da cuberta, incorporaración de luces LED con sensores de movemento, renovación dos baños en todas as prantas e acondicionamento do arquivo histórico, entre outras.
No ano 2021, Nuria Veiga Quicler sucede na dirección a Patricia Mena Piñeiro, acompañada de Arturo Fuentes Cid, na vicedirección, Abilio Rodríguez Toimil, como secretario, Javier Folgoso Novoa na xefatura de estudos, e Susana Ferreiro García, na xefatura de estudos de adultos.
As obras rematan no ano 2022 coa restauración do antigo reloxo da torre.
No ano 2023 o centro asume novamente, con profundo pesar e conmoción, o falecemento da súa directora Nuria Veiga Quicler. A comunidade educativa organiza unha sentida homenaxe no centro e planta unha árbore na rotonda central da fachada principal do edificio.
Na actualidade o instituto Santa Irene ten un equipo de 62 profesores e 10 PAS e imparte clase a preto de mil alumnos distribuídos en 12 grupos de ESO e 14 grupos de Bacharelato en dúas quendas de diúrno e adultos.
* * *
Neste período de 84 anos, miles de vigueses e viguesas foron educados na nosa institución e dela saíron uns, para formarse como avogados, biólogos, filósofos, xuíces, enxeñeiros, filólogos, médicos, físicos, matemáticos, catedráticos e profesores, investigadores, humanistas, artistas, escritores; outros, para incorporarse á vida laboral sen chegar a culminar estudos universitarios, pero todos eles formados como cidadáns cultos e membros activos da sociedade na que estaban a se inserir. Esta tarefa educativa vese altamente recompensada pola nosa cidade ao nomear Vigués Distinguido do ano 1997 ao Instituto Santa Irene, recollendo Leónides de Carlos o galardón que enche de orgullo e agradecemento ao equipo de profesionais que ten estado e seguirá a estar consagrado á instrución pública gratuíta nesta cidade de Vigo.
A.:Jose María Martínez Blanco, Carlos Ferro Pozo