Actividades 2021/2022

Divulgación científica. Bicentenario de Mendel

Neste ano 2022 cúmprense 200 anos do nacemento de Gregor Mendel, pai da xenética.

As investigadoras Paloma Morán e Diana Valverde da UVigo imparten uns obradoiros ao alumnado de 1º ESO sobre "a importancia da mosca da froita nos estudos xenéticos".

Álbum: Curso 2021/2022 -> Bicentenario Mendel

As Letras Galegas

Neste mes que acaba celebramos as Letras Galegas.

Durante dúas semanas puidemos ver no vestíbulo carteis informativos sobre a vida e a obra do poeta valdeorrés homenaxeado este ano, Florencio Delgado Gurriarán. Tamén acompañamos esa mostra cunha referencia a todos os autores aos que se lles dedicou a festa desde o seu inicio no ano 1963, centenario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro.

Os homenaxeados dos últimos dez anos foron retratados polo alumnado de 1º de bacharelato, baixo a dirección das súas profesoras de Lingua Galega, Helena e Vera.

O martes día 18 celebrouse no Paraninfo do instituto un acto no que alumnos de 1º de ESO recitaron varios poemas de Florencio Delgado Gurriarán e foron entregados os premios do concurso literario convocado polo departamento de Galego e o Equipo de Dinamización Lingüística. A parte musical correu a cargo do grupo de Pandeireteiras do IES Castelao.

Aínda poderemos ver axiña algunha outra mostra relacionada coa festa das Letras Galegas deste ano.

Estade atentos que vai pagar a pena!

¿Deben as prendas deportivas responder a cuestións distintas da optimización para o desempeño da actividade física?

Esta é unha das cuestións plantexadas polo Departamento de Educación Física para reflexión do alumnado de 4º ESO dentro do Proxecta de Igualdade.

Con este traballo, intentamos que o noso alumnado reflexione sobre o sexismo na vestimenta deportiva das mulleres. Dita vestimenta pode ser asociada a unha sexualización da muller ou a un contexto cultural. A base esencial non é a vestimenta en sí, senón a incapacidade de elixir libremente entre diferentes opcións. En países islámicos as deportistas teñen a obriga de levar burka. Nalgúns deportes teñen a obriga de levar determinadas prendas.

Women who made a difference

A continuación podedes ver os traballos feitos en 4º ESO A para o Proxecta de Igualdade desde o Departamento de Lingua Inglesa. A temática enmárcase dentro das mulleres que tiveron que loitar para poder desenvolver tarefas propias de homes segundo a sociedade da súa época.

Todas elas son mostra da superación e afouteza das mulleres ao longo da historia.

O corpo feminino modificado

Os Departamentos de Debuxo e Xeografía e Historia fixeron un traballo colaborativo de investigación sobre os diferentes accesorios empregados na vestimenta para modificar o corpo feminino ao longo da historia.

Podedes premer na seguinte ligazón para ver os traballos con detalle:

O corpo feminino modificado... Doe!

 

Álbum: Curso 2021/2022 -> O corpo feminino modificado

Programa Edu-referentes

Alumnas e alumnos de 3º ESO veñen de participar en sesións de mentorías de orientación vocacional individualizads. Nestas xornadas mulleres referentes en distintos ámbitos laborais e profesionais, axudaron a potenciar as habilidades e competencias persoais e laborais do alumnado e tamén informaron sobre distintas saídas profesionais así como as ferramentas necesarias que facilitan o seu proceso de orientación vocacional.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Programa Edureferentes

Charlas para nais e pais impartidas pola Asociación Érguete. "A familia como axente protector fronte ás adiccións".

Ao longo da semna do 23 ao 27 de maio as familias das alumnas e alumnos de ESO participaron nas charlas impartidas pola Asociación Érguete. Nelas incidiuse na importancia da comunicación coas fillas e fillos e en aunar esforzos desde todos os ámbitos para previr o consumo de sustancias prexudiciais para a saúde e todo tipo de adiccións.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Charlas familias Érguete

Graduación de bacharelato de adultos

O mércores 18 de maio no paraninfo Xela Arias do IES Castelao e en sesión vespertina (como non podía ser doutro xeito) realizouse, por primeira vez no noso centro, a entrega dos diplomas acreditativos da graduación en bacharelato ao alumnado da quenda de adultos. (Ler máis)

Álbum: Curso 2021/2022 -> Graduación adultos

Rafting en Arbo

O martes 24 de maio o alumnado de 1º de bacharelato participou na actividade de rafting organizada polo departamento de Educación Física a través de Arrepións en Arbo.

Aquí podedes ver unhas imaxes dos intrépidos navigantes.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Rafting

Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento

     O luns 23 de maio o departamento de Orientación, o equipo de Dinamización Lingüística e mais a Biblioteca Ramiro Fonte organizaron unha actividade para celebrar no instituto o Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento que se celebra o 21 de maio.  

     No segundo recreo, como mostra da diversidade presente no centro, escoitouse a música da gaita galega e un grupiño de rapaces foron lendo textos en diferentes linguas: fragmentos do Quixote -en ruso- ou d´O principiño -en romanés-, unha Cousa de Castelao en galego e mais en inglés, un poema brasileiro de Clarice Lispector, un poema francés de Verlaine traducido ao galego por Florencio Delgado Gurriarán (o homenaxeado este 17 de Maio) e unha cantiga de Martín Códax en árabe.

     Abofé que a mostra da diversidade foi grande! 

Álbum: Curso 2021/2022 -> Día da diversidade
Distribuir contido