Compartimos o vídeo do acto de Graduación 2019 celebrado o pasado 20 de xuño:
Compartimos algunhas imaxes do acto de graduación que tivo lugar o 20 de xuño de 2019. As fotos son cortesía de Vilux Fotografía.
Clica na imaxe para consultar o nº18 da revista "Cousas do Castelao". Tamén a podes consultar en ISUU clicando aquí.
O martes 18 de xuño desenvolveuse a xa tradicional xincana na biblioteca, na súa oitava edición, para celebrar a fin deste curso demostrando que sabemos empregar os recursos que a biblioteca pon á nosa disposición.
En grupos de 5 ou 6, o alumnado de 1º de ESO tivo que resolver ata 8 probas consultando dicionarios, buscando obras de autores, localizando unha reportaxe nunha revista ou averiguando un rexistro bibliotecario… Tamén tiveron que resolver un tangram e memorizar uns versos. Podedes velos en plena acción nas fotos, onde tamén están, con cadanseu diploma, os gañadores de cada grupo.
O xoves 20 de xuño será a GRAN FINAL entre eses tres grupos gañadores.
Ánimo a todos!
O 14 de xuño o alumnado de 2ºESO participou nunha interesante actividade de fútbol organizada pola Fundación Celta de Vigo. Aquí vos deixamos algunhas fotos:
XII Xornada dos Clubs de Lectura
O pasado 7 de xuño celebrouse a XII Xornada dos Clubs de Lectura. Coma outros anos, o Club de Lectura “A pé de obra” do noso instituto estivo presente coa participación da súa coordinadora. Foi unha xornada moi interesante, onde se presentaron experiencias de distintos clubs de toda Galicia. Na conferencia inaugural, José Antonio Millán, autor dun informe sobre os Clubs de Lectura dos institutos galegos, destacou o excelente funcionamento dos mesmos e considerounos “una auténtica escuela de ciudadanos”, pois o alumnado que participa mellora as destrezas comunicativas, as habilidades de pensamento e en comportamento no ámbito da igualdade e diversidade, o que repercute de xeito moi positivo, ademais, nos logros académicos.
Animamos ao noso alumnado a participar no noso Club no curso 2019-20
Hoxe 11 de xuño visitounos Luís Ferreiro, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do poeta Celso Emilio. Ao longo deste encontro, que mantivo con alumnado de Lingua Galega e Literatura de 4º ESO A e C, desenvolveu un relatorio sobre Celso Emilio no País dos Ananos, con especial referencia ás vivencias que o autor de Longa noite de pedra experimentou no seu exilio venezolano e tamén a como se proxectaron na súa obra literaria. Á súa conclusión o alumnado tivo ocasión de dialogar sobre distintos aspectos da vida cotiá de Celso Emilio co seu fillo.
Un pracer escoitar e aprender sobre un dos poetas máis salientables da literatura galega contemporánea. A Fundación, ademais, doou á biblioteca do centro un exemplar dunha edición non venal do poema "Miña matria Galicia", que gañara o primeiro premio dos Xogos Florais de Buenos Aires en 1967 e un exemplar facsímile da publicación Adiante! A nosa gratitude por esta visita.
A UNESCO estableceu 2019 como o Ano Internacional da Táboa Periódica.
Neste contexto, a Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela, organizou un concurso de carteis sobre “A Táboa Periódica e Galicia”.
Tres alumnos deste centro, de 1º de bacharelato B, Álvaro Aira Guerrero, Emma López Prado e Xoel Moure Rivera animáronse a participar, cun cartel realizado sobre o sodio, contando coa colaboración dos profesores Marta Álvarez Pérez e Antonio Giráldez Lomba, sendo titorizados por Isabel Acuña Mata.
Con motivo da celebración do "Día Internacional das Matemáticas", o día 12 de Maio o Departamento de Matemáticas organizou unha "Xornada de M4T3M4T1C4S D1V3RT1D4S" con xogos de enxeño para todo o alumnado da ESO.
O 10 de maio o alumnado de 3º da ESO participou nun obradoiro teatral do PROGRAMA PROMULLER para promover a igualdade efectiva entre mozas e mozos.