Actividades 2021/2022

Sorteo do segundo trimestre entre os lectores da biblioteca

          No sorteo celebrado o luns posterior á entrega das notas do segundo trimestre, resultou gañador do VALE de 25€ para libros o alumno de 1º BAC E

Nicolás Rodríguez Álvarez

          Correspondíalle a el como lector a ficha de préstamo escollida por unha man inocente -como testemuñan as fotos- entre as depositadas na urna, dun libro que foi devolto no prazo establecido.

          Animádevos a seguir lendo e devolvendo os libros en tempo!!

Álbum: Curso 2021/2022 -> Sorteo 2 trimestre lectores biblioteca

Programa educativo EduReferentes

O alumnado de 3º ESO participou nas charlas impartidas por Elba Pedrosa e Ana María Castro Antonio, referentes galegas en distintos ámbitos laborais, o 18 de febreiro.

As referentes galegas dan a coñecer o seu ámbito laboral e a súa experiencia persoal para unha orientación vocacional libre de estereotipos de xénero.

Álbum: Curso 2021/2022 -> EduReferentes

Exposición 8M

Para conmemorar o 8M o alumnado de 4º ESO de Plástica e de 1º e 2º de Bacharelato de Debuxo Artístico participaron na elaboración dunha fermosa exposición que ten coma temática o tratamento do corpo feminino e a arte.

A continuación podedes ver unha escolma dos seus traballos.

Álbum: Curso 2021/2022 -> 8M

Obradoiro de xinecoloxía natural

O pasado 10 de marzo dentro das actividades programadas en conmemoración do 8M Nuria Pahino realizou un obradoiro de xinecoloxía natural co alumnado de 1º de bacharelato.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Nuria Pahino

Visita a Santiago de Compostela

O pasado xoves 10 de marzo o alumnado de 2º de bacharelato de Artes fixo unha visita ao Pórtico da Gloria, as cubertas e o entorno histórico da Catedral de Santiago. Tamén se achegaron ao Museo do Pobo Galego, de onde é a afamada escaleira de caracol que podedes ver nas fotos, e a facultade de Xeografía e Historia e a súa fermosa biblioteca.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Santiago

Charlas sobre saídas profesionais para 2º bacharelato

Nas últimas semanas visitáronnos varios profesionais das ramas de ADE, Economía, Enfermería, Enxeñería e Tradución para achegar os seus estudos ao alumnado de 2º de bacharelato.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Charlas 2º bac carreras

A regueifar polo 8M

Onte 8 de marzo, desde o obradoiro de regueifas do noso IES, queremos celebrar o Día Internacional das Mulleres e reivindicar un mundo igualitario e xusto. Aquí dous dos seus alumnos, Mateo e Iago vos deixan a súa regueifa.

 

 

Carlos Casares na Hora de Ler

          Carlos Casares faleceu un día coma hoxe hai xustamente vinte anos. A súa produción literaria en lingua galega é unha das máis destacadas tal e coma  testemuñan os relatos contidos en Vento ferido ou Os escuros soños de Clío  ou a súa ampla produción xornalística e ensaística alén de novelas imborrables como Os mortos daquel verán, Ilustrísima ou a póstuma O sol do verán.          

          Desde a Biblioteca aproveitamos a ocasión para homenaxear a Carlos Casares ofrecéndovos nesta HORA DE LER un dos seus fermosos relatos, pertencente ó seu primeiro libro, Vento ferido (1967), “A rapaza do circo”.

          Tamén podedes visitar a páxina da súa Fundación, que inclúe testemuños gráficos, documentos sonoros e unha chea de información que se actualiza constantemente. 

Feliz lectura!

Concurso: Ponlles cara!

          Desde a Biblioteca, convidamos a todo o alumnado a participar neste concurso aberto desde hoxe 7 de marzo ata o próximo día 18 para celebrarmos o Día Internacional de Muller.

          Cando se fala de Albert Einstein ou de Rafa Nadal, a calquera lle vén á cabeza a súa cara, mais non é sempre así cando se fala de mulleres protagonistas de feitos, pioneiros ou cotiáns, pero importantes, que non sempre asociamos nin co seu rostro nin co seu nome.

          Queremos contribuír á visibilización do traballo levado a cabo polas mulleres con esta actividade de establecer a relación entre feito, cara e identidade dalgunhas mulleres protagonistas da historia.

          Participa e poderás gañar un vale de 25€ para libros ou material escolar.

          Ponlles cara antes do 18 de marzo!

          Atrévete!

Álbum: Curso 2021/2022 -> Concurso: Ponlles cara!

Encontro con Marilar Aleixandre

Inaugurouse o pasado 21 de febreiro un novo club de lectura, que comparte obxectivos do xa existente e integrado por alumnado do noso centro. Trátase dunha versión específica do club "A pé de obra" orientado cara ao profesorado, pais e nais de alumnado, ex-alumnado e persoal non docente.
 
Para a súa estrea, tras a lectura da novela As malas mulleres, premio Blanco Amor de Novela 2021, gozamos dun coloquio coa súa autora, Marilar Aleixandre: escritora e académica da RAG que exerceu durante 13 anos a docencia no noso centro e que o dirixiu durante varios anos.
Álbum: Curso 2021/2022 -> Marilar Aleixandre
Distribuir contido