Visitounos hoxe o profesor, poeta e tradutor Moncho Iglesias. Quen foi hai uns anos profesor do noso centro deixounos unha boa mostra, grazas a un recital poético plurilingüe, da importancia que ten non ignorar a loita do pobo palestino por sobrevivir nun contexto como o actual no que sofre novos e lacerantes golpes. Grazas, Moncho, pola túa visita e polo teu exemplo.
O noso alumnado xa está espallando a campaña nas rúas da contorna do instituto, coñecendo ás e aos comerciantes e visibilizando a lingua. En breve teremos exemplos concretos deste bo facer.
O vindeiro martes 5 de decembro contaremos coa visita de toda unha celebridade da literatura: Bernardo Atxaga.
O venres 24 de novembro o alumnado do grupo de regueifas, xunto a parte do alumnado de 2º ESO A e C acudiron ao IV Certame Escolar Provincial de Regueifas organizado pola Asociación Oral e apoiado pola Deputación de Pontevedra.
A sede foi unha vez máis a Asociación de Valadares, onde acudiron dez centros seleccionados entre todos os que participaron nos obradoiros de regueifa impartidos nos meses de outubro e novembro. Na primeira fase subiron dez alumnos e alumnas do noso centro a regueifar nas diferentes rondas. Na segunda fase, onde seleccionaron soamente a vinte regueifeiros e regueifas, pasaron Noelia e Mateo. E finalmente, na fase final onde só seleccionaron a catro persoas, conseguiu entrar Noelia, quen recibiu unha tableta como agasallo.