O 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca, instituído en 1997. A data foi escollida en recordo da destrución* da biblioteca nacional e universitaria de Bosnia e Herzegovina, coñecida como a Biblioteca de Saraxevo, durante a guerra dos Balcáns.
En 1992 o músico Vedran Smailovic tocou o violonchelo entre os cascallos da Biblioteca de Saraxevo
Por unha desas curiosas casualidades da historia, na mesma data sucedera moito antes outro feito tráxico: tamén foi un 24 de outubro (do ano 79) cando a furia do Vesubio sepultou a cidade de Pompeia e outras localidades adxacentes nunha das erupcións máis mortíferas e catastróficas da historia de Europa. Esa zona é hoxe lugar inexcusable de visita no circuíto cultural europeo.
Sexa como for, recordamos nesta data o importante papel das bibliotecas, onde gardamos ese extraordinario tesouro que son os libros.
O escritor arxentino Jorge Luis Borges (1899-1968) escribiu:
De los diversos instrumentos del hombre, el más asombroso es, sin duda, el libro. Los demás son extensiones de su cuerpo. El microscopio y el telescopio son extensiones de su vista; el teléfono es extensión de la voz; luego tenemos el arado y la espada, extensiones de su brazo. Pero el libro es otra cosa: el libro es una extensión de la memoria y de la imaginación.
En demasiadas ocasións, non lonxe no tempo nin no espazo por desgraza, os libros teñen sido censurados, prohibidos, queimados...
Festexemos as palabras, os libros e as bibliotecas neste 24 de outubro de 2024, Día da Biblioteca.
* Podedes ler sobre a destrución da Biblioteca de Saraxevo o texto que se xunta.
Este ano homenaxéase o 17 de Maio a Luísa Villalta. Para quen queira achegarse á súa figura ofrecemos aquí algúns recursos para usardes nesta Hora de Ler da semana das Letras Galegas.
Contamos cunha biografía musicada que comparte o CEIP Chans-Bembrive ou o seu poema "Estación" musicado por Sandra Tenreiro ou César Morán.
Tamén podemos afondar nalgún dos seus poemas da man de Xosé Mª Álvarez Cáccamo (xúntase abaixo PDF).
A Real Academia Galega fornece, amais da biografía recollida no primeiro enlace, moitas novas e vídeos sobre a autora, algúns moi breves e ilustrativos da súa vertente literaria e musical (Palabra de muller, 2'09'').
Máis lúdico, do equipo Bibliocuntis envían un xogo de versos e imaxes para emparellar do seu poemario Papagaio, que tamén xuntamos abaixo en PDF.
E non esquezades desfrutar da magnífica exposición que hai no vestíbulo con traballos do alumnado de Plástica sobre textos de Luísa Villalta.
Felices Letras Galegas !
Vimos desenvolvendo desde hai días unha chea de actividades sobre autores, libros e lecturas. Ninguén é alleo á festa do libro, ao Día do Libro.
Esta festa celébrase desde hai ben tempo en España e máis recentemente a nivel mundial como unha data de reivindicación da lectura e tamén dos dereitos de autor. Faise cadrar a efeméride coa curiosa coincidencia do falecemento na mesma data de ilustres escritores: Miguel de Cervantes, William Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega.
Para celebrar o Día do Libro realízanse moitas actividades: feiras, exposicións, conferencias, concursos, lecturas compartidas, a lectura ininterrompida do Quixote, solta de libros... No instituto levamos días con reunións sobre libros, facendo lecturas públicas, cun concurso de microrrelatos aberto a todo o alumnado e outras actividades.
Fóra do centro, entre os premios que se conceden por estas datas é de salientar o Premio Cervantes, que se entrega cada 23 de abril no paraninfo da Universidade de Alcalá de Henares e que este ano correspondeu a Luis Mateo Díez.
Convidámosvos nesta Hora de Ler a que desfrutedes da prosa deste insigne narrador, co breve fragmento titulado "El lobo".
Que vos guste!
Dende a Biblioteca Ramiro Fonte sumámenos á conmemoración do 8m, Día Internacional da muller.
Por iso propomos, para a hora de ler do xoves 7 de marzo (durante a 5ª sesión), unha escolma de textos narrativos, poéticos e xornalísticos que abordan este día dende diferentes perspectivas. Ademais, achegamos unha actividade máis lúdica para poñerlles cara a importantes mulleres da historia.
O día 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, recordando o nacemento, hai 187 anos, desta autora auroral das nosas Letras.
Por esa razón queremos dedicarlle a sesión da HORA DE LER deste xoves 22 de febreiro (día, por certo, do 85º aniversario do falecemento en Collioure de Antonio Machado, e ambos cantaron nalgún momento co mesmo ton: Unha vez tiven un cravo / cravado no corazón... / Mi cantar vuelve a plañir: "Aguda espina dorada / quién te pudiera sentir / en el corazón clavada").
Ofrecemos unha escolma de textos de Rosalía de Castro, así como unhas actividades e uns pasatempos sobre a figura e a obra da nosa escritora pioneira.
Aproveitade para visitardes a instalación do vestíbulo feita polos departamentos de Plástica e Lingua galega. Contemplade a Rosalía retratada e lede os seus versos viaxando polas augas imparables que a trae a nosa mocidade.
Sempre viva Rosalía!
O 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración recordando a data de nacemento do escritor de Rianxo que dá nome ao noso centro.
Nós homenaxeámolo sempre e especialmente nestes días; por iso propoñémosvos algunha lectura del para a Hora de Ler.
Hoxe 31 de outubro, ás 9:50, desenvolverase a segunda sesión da HORA DE LER.
Como andamos no tempo do Samaín, das historias de defuntos e pantasmas... recomendámosvos unha lectura que podedes facer compartida en voz alta entre todos na clase. Ademais é de Castelao, o autor que levamos como bandeira do noso centro.
Trátase de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete.
Que gocedes desta HORA DE LER!
Para celebrar as Letras Galegas propoñémosvos nesta Hora de Ler que busquedes información e atopedes o nome correspondente ás autoras (ou un título) deste "rosco".
Elas son mulleres que escribiron ou que escriben e poucas delas, polo de agora, foron homenaxeadas no Día das Letras Galegas. Pero todo vai andando nese camiño.
Non pases palabra!