Na Hora de Ler do xoves 20 de abril enviouse nas Caixas Viaxeiras un novo enigma deste Mes dos Libros. Trata arredor do DÍA DO LIBRO.
Tamén irá o cuestionario nas Caixas na Hora de Ler deste xoves 27 de abril e pódese ver aquí tamén. Entre os que entreguen algún dos enigmas destes meses de abril e maio debidamente cubertos sortearemos un vale de 25 € para libros ou material escolar, de debuxo..., coma sempre.
Animádevos a resolvelos!
Como cada 2 de abril, celébrase este Día en recordo de Hans Christian Andersen. Nós, desde a biblioteca, coincidindo coa Hora de Ler deste 13 de abril, convidámosvos a achegarvos a algúns títulos desta parcela da literatura (ou doutras) facendo unha busca de datos para responder ao cuestionario que se propón nas Caixas Viaxeiras e aquí mesmo.
Autores, títulos, personaxes... dese amplo mundo co que enchemos horas e horas de entretemento e aprendizaxe aparecen ao longo desas preguntas.
Anímate a contestalas!
Como cada ano, recordamos este día a Jules Verne, autor internacionalmente coñecido e recoñecido e moi vinculado á nosa cidade, tanto persoal como literariamente.
Aproveitamos esta HORA DE LER para conmemorar a súa figura.
Naceu un día coma hoxe, 8 de febreiro do ano 1828, na cidade francesa de Nantes e as súas inquedanzas viaxeiras e a súa curiosidade científica levárono a percorrer coa súa imaxinación lugares case nunca antes transitados: algúns continentes descoñecidos (Cinco semanas en globo), o espazo (Da Terra á Lúa), o interior da Terra (Viaxe ao centro da Terra) ou o fondo dos mares (Vinte mil leguas baixo dos mares), por exemplo. Pódelo acompañar gozando da lectura dalgunha das súas máis de sesenta novelas, que publicou ininterrompidamente ata súa morte, no ano 1905.
Para empezar, podes ler o capítulo que dedica á nosa ría cando o capitán Nemo se achega a ela en Vinte mil leguas baixo dos mares.
Podes tamén aproveitar para ler algún outro fragmento e ver traballos realizados por compañeiros do instituto doutros anos no proxecto "Viaxando con Verne" cando celebramos o 150º aniversario desa visita literaria.
Feliz HORA DE LER!
A proposta de grandes ilustradores de Galicia, estableceuse o Día da Ilustración en 2014 para promover esta área da cultura, cada ano dedicado a un artista, nesta ocasión a pintora Mª Antonia Dans.
A efeméride faise coincidir co aniversario do nacemento, o 30 de xaneiro de 1886, de Castelao, que dá nome ao noso centro, o único instituto de Galicia así chamado.
Por esta razón, estes días intentamos coñecer un pouco mellor a figura deste home grande e polifacético: debuxante, humorista e pintor pero tamén médico, político e escritor.
Na HORA DE LER deste martes 31 convidámosvos a ler un pequeno relato da súa obra Retrincos titulado "O retrato", e a comprendelo ben coa axuda dun breve cuestionario. Logo, animádevos a participar no concurso Ilustrando a Castelao, co que conmemoramos este ano a súa figura.
Se queredes coñecer máis da figura de Castelao, visitade, por exemplo, a páxina da Fundación Castelao. E de serdes amigos dos pasatempos, aquí tedes algún que seredes quen de resolver cando coñezades cousas da súa vida e da súa obra.
Cada ano nesta data celébrase o Día das Bibliotecas, para recordar a destrución da Biblioteca de Sarajevo na guerra dos Balcáns en 1992, na que se destruíron irremediablemente dous millóns de libros, artigos e revistas.
Son moitas as iniciativas que se desenvolven neste día. No instituto comezamos esta actividade, xa tradicional entre nós, a HORA DE LER, coa que aproveitamos o bo que nos proporcionan os libros que podemos gozar e que nos axudan tamén na tarefa que levamos a cabo a diario aquí, no instituto.
É unha iniciativa proposta desde a biblioteca e apoiada polo profesorado e todos os estamentos implicados na vida do centro. Agardamos que a iniciedes con ilusión e aproveitamento.
Será case o comezo dun ano que, desde as Bibliotecas Escolares de toda Galicia, ten como lema para este curso Escribir a biblioteca escolar.
Feliz HORA DE LER!
Carlos Casares faleceu un día coma hoxe hai xustamente vinte anos. A súa produción literaria en lingua galega é unha das máis destacadas tal e coma testemuñan os relatos contidos en Vento ferido ou Os escuros soños de Clío ou a súa ampla produción xornalística e ensaística alén de novelas imborrables como Os mortos daquel verán, Ilustrísima ou a póstuma O sol do verán.
Desde a Biblioteca aproveitamos a ocasión para homenaxear a Carlos Casares ofrecéndovos nesta HORA DE LER un dos seus fermosos relatos, pertencente ó seu primeiro libro, Vento ferido (1967), “A rapaza do circo”.
Tamén podedes visitar a páxina da súa Fundación, que inclúe testemuños gráficos, documentos sonoros e unha chea de información que se actualiza constantemente.
Feliz lectura!
Un ano máis celebramos esta data no noso calendario de lectura.
Por que? Porque os días 7-8-9 de febreiro celébrase a nivel mundial o "Día de Ler a Verne" coincidindo coa súa data de nacemento (Nantes, 8 de febreiro de 1828).
Por que nós? Porque Vigo é unha cidade moi verniana xa que aquí chegou o Nautilus, o submarino do capitán Nemo, o 18 de febreiro de 1868, na súa novela Vinte mil leguas baixo dos mares, e porque tamén Verne viaxou despois, en dúas ocasións, á nosa cidade.
Así que podes ler hoxe, na Hora de Ler, o capítulo A baía de Vigo da súa novela citada.
Tamén podes ver ilustracións e traballos diversos feitos polo alumnado do instituto no curso 2017/2018, no proxecto "Viaxando con Verne", así como ler o resto da novela resumida.
Nesta semana de actos arredor do 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, desde a biblioteca propoñemos para a Hora de Ler a lectura colectiva na aula ou a lectura individual do relato de María Reimóndez titulado A esencia da cidade.
Debemos coñecer para evitar. Loitemos contra esta lacra.
O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas desde 1997. Este ano faise baixo o lema "Bibliotecas: ler, aprender, descubrir".
En Galicia o lema das bibliotecas escolares para este curso é, como se ve no cartaz reproducido arriba é "A biblioteca escolar ten a palabra", coa intención de darlle moita importancia á palabra, á oralidade.
Desde a nosa biblioteca festexamos este día dando inicio á actividade HORA DE LER este luns 25 de outubro na primeira clase.
Feliz lectura!!