Como cada ano, recordamos este día a Jules Verne, autor internacionalmente coñecido e recoñecido e moi vinculado á nosa cidade, tanto persoal como literariamente.
Aproveitamos esta HORA DE LER para conmemorar a súa figura.
Naceu un día coma hoxe, 8 de febreiro do ano 1828, na cidade francesa de Nantes e as súas inquedanzas viaxeiras e a súa curiosidade científica levárono a percorrer coa súa imaxinación lugares case nunca antes transitados: algúns continentes descoñecidos (Cinco semanas en globo), o espazo (Da Terra á Lúa), o interior da Terra (Viaxe ao centro da Terra) ou o fondo dos mares (Vinte mil leguas baixo dos mares), por exemplo. Pódelo acompañar gozando da lectura dalgunha das súas máis de sesenta novelas, que publicou ininterrompidamente ata súa morte, no ano 1905.
Para empezar, podes ler o capítulo que dedica á nosa ría cando o capitán Nemo se achega a ela en Vinte mil leguas baixo dos mares.
Podes tamén aproveitar para ler algún outro fragmento e ver traballos realizados por compañeiros do instituto doutros anos no proxecto "Viaxando con Verne" cando celebramos o 150º aniversario desa visita literaria.
Feliz HORA DE LER!