O equipo da biblioteca "Ramiro Fonte" do IES Castelao botou a andar o Club de Lectura para o alumnado na súa primeira sesión na que, alén das presentacións e unha explicación sobre as actividades e os obxectivos a desenvolver ao longo deste curso, charlamos sobre Xela Arias, ex-alumna do centro e protagonista do Día das Letras Galegas 2021, e centrámonos no seu libro Non te amola! Ao final lemos, conxuntamente, un relato incluído nel sobre as perspectivas de futuro da protagonista.
Ao mesmo tempo o equipo da biblioteca expuxo esta semana no corredor da biblioteca unha escolma de libros para reivindicar a relevancia do 25N.
Bota a andar o Club de Lectura IES Castelao aberto ao persoal docente, persoal non docente, pais e nais do alumnado e alumnado que xa deixou o centro.
O primeiro libro escollido é a novela As malas mulleres, Premio Blanco-Amor de Novela, de Marilar Aleixandre, ex-directora do centro, que terá un encontro cos integrantes do Club para falar do libro o día 14 de febreiro de 2022, ás sete e media do serán, no Paraninfo Xela Arias (antigo Salón de Actos).
Antes, o 31 de xaneiro, á mesma hora, teremos unha reunión preparatoria para manter un coloquio antes da sesión presencial coa autora.
Contamos coa colaboración da libraría Cartabón -Rúa de Urzaiz, 125- que aplicará o máximo do desconto legal para as persoas que queiran adquirilo. Tamén a nosa biblioteca disporá dalgúns exemplares.
As persoas interesadas en formar parte do Club anotádevos mediante o seguinte formulario:
Hoxe, dentro da programación da semana do 25-N contra as violencias machistas, tivemos o pracer de contar con Sara Faro. Voz preciosa, letras a favor da igualdade de xénero, comentarios que ilustran as cancións e nos falan do medo real que sentimos as mulleres pola noite, soas, ou dos espellos que nos torturan por non cadrar nun modelo imposto.
Dexámosvos cunha pequena mostra:
Durante esta semana na entrada do instituto poderedes ver unha exposición de vestidos de papel feitos polo alumnado de 4º ESO na clase de Expresión Plástica. Esta mostra é unha manifestación de rexeitamento á violencia exercida contra a muller.
Ademais, preparamos un recanto de obxectos simbólicos en lembranza das mulleres desaparecidas.
Por último, de modo informativo, colocamos un panel no que diversos códigos QR conducen a diferentes enlaces de interese: películas, documentales, páxinas web...
Ditame do premio de tradución
O equipo da biblioteca Ramiro Fonte do IES Castelao acordou emitir o ditame que resolve o concurso organizado para celebrar tanto o Día Europeo das Linguas -que preserva a riqueza da diversidade lingüística de Europa e potencia a aprendizaxe de linguas- coma o Día Internacional da Tradución, que ten como obxectivo visibilizar a relevancia dos profesionais da tradución.
Queremos antes de nada salientar a alta participación nas dúas modalidades do concurso, pois foron case cincuenta as propostas recibidas.
Na modalidade da ESO resultou vencedor o cuestionario que subscribiu Daniela A. Madera Rivero (4º - B).
Na modalidade de Bacharelato concédense dous galardóns ex aequo que corresponden a Noelia Carollo Abelaira (2º Bac-D), polas súas traballadas versións, e a Cristina Otero Costas (1º Bac-C), pola orixinalidade das linguas escollidas.
Grazas a todo o alumnado por participar e ao profesorado que o animou.
Animádevos a seguir facéndoo.
Parabéns para as gañadoras!
O pasado venres 29 de outubro tivemos no instituto unha doble celebración: o Samaín xunto co Magosto. Por fin puidemos retomar o tradicional túnel do terror, pero esta vez na biblioteca. O alumnado de 1º ESO tamén tremeu de medo coa lectura dos inquedantes relatos organizada polo EDL. E esta terrorífica mañá culminou cun reparto de castañas para todo o alumnado.
Aquí tedes un vídeo da Biblioteca do terror:
Por último, deixámosvos unhas aterradoras estampas do que foi o día.
Animádevos a introducir, nesta arrepiante boca que nos brinda Chus Ferrín, o relato dunha historia que teredes que atopar previamente na cuadrícula dalgún dos carteis do vestíbulo:
Arredor do 1º de novembro adoitamos ler na biblioteca relatos de terror. Fixémolo tamén este curso, como podedes ver nas imaxes.
Abrimos boca tamén, deste xeito, para que o alumnado se anime a participar no concurso de microrrelatos que axiña comezará.
O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas desde 1997. Este ano faise baixo o lema "Bibliotecas: ler, aprender, descubrir".
En Galicia o lema das bibliotecas escolares para este curso é, como se ve no cartaz reproducido arriba é "A biblioteca escolar ten a palabra", coa intención de darlle moita importancia á palabra, á oralidade.
Desde a nosa biblioteca festexamos este día dando inicio á actividade HORA DE LER este luns 25 de outubro na primeira clase.
Feliz lectura!!