Laura Bugalho visitounos o 7 de xuño, como complemento ás actividades de xuño, mes para celebrar a diversidade LGTBIQ+. Para iso, Laura, activista social, veu falar do seu documental Asuntos internos. Acompañada da nosa profesora Carme Nogueira e da deseñadora de arte gráfica Uqui Permui construíron un interesante coloquio onde afondaron en temas como o feminismo, a identidade, a transfobia, a aceptación...
O alumnado de 1º de bacharelato ficou sorprendido con este relato tan persoal do que seguro tiraron proveito.
As colaboracións entre diferentes axentes culturais e sociais do barrio e o IES Castelao sempre son enriquecedoras. Desta volta polo 8 M, fomos convidades pola Biblioteca Neira Vilas a participar nun acto que se celebrou nas instalacións da sede central da EOI. Acudimos con alumnado de 1º ESO e as diferentes asociacións de Social Calvario como Érguete, Fundación do Secretariado Xitano, Asociación Down Vigo e un longo etcétera, xunto a nós, foron lendo os seus manifestos entorno á celebración do día da muller, con broche musical do coro do Centro Social Rivera Atienza. Para finalizar escribimos uns lemas e continuamos a celebración no noso centro.
A directora e produtora de cine Marta Eiriz visitou o IES Castelao. Nun encontro co alumnado de 4º da ESO comentoulles cal era a situación actual do cinema galego e como as mulleres aínda sofren atrancos para ter as mesmas oportunidades ca os homes no sector.
Tras a proxección do documental Elas, produtoras de cine estableceuse un foro aberto para resolver dúbidas e afondar no papel da muller na sociedade actual. Deste xeito, abordaron como é fundamental que producións coma esta acaden públicos diversos para rachar con determinadas dinámicas que non favorecen á igualdade.
O grupo de Igualdade do centro, Estela Morada, deseñou unha serie de actividades para comprometer o alumnado, profesorado e persoal non docente a conmemorar o 8m: Día Internacional da muller.
Nesta semana realizáronse diferentes campañas de visibilización como a escrita de frases de mulleres célebres nas ventás do instituto, exposicións para visibilizar a mulleres inventoras, a revisión da baralla de cartas en clave feminista, ou pintacaras e entrega de chapas o venres 8.
Polo 8m, o alumnado de 4º da ESO de Plástica e 1º de Bacharelato de Debuxo Artístico realizaron unha exposición, que se pode visitar na entrada do centro. Ambos os grupos reconverteron as cartas da baralla, dándolles unha lectura en clave feminista.
Co gallo do día da muller, o xoves sete, tivemos a oportunidade de desfrutar da poesía e música de Cinta Adhesiva. Letras comprometidas e de gran calidade poética cunha posta en escena entre sombras e cores. Grazas por compartir con nós este traballo tan cheo de forza e matices!
O alumnado de 3º ESO PDC elaborou unha exposición arredor de Mulleres Inventoras que está no recibidor do insitituto con motivo do 8m, Día Internacional da muller.
Co gallo da semana de actos que vén desenvolvendo o equipo de igualdade arredor do 8-M, visitounos a Natalia Ibáñez. Esta psicóloga ten participado en proxectos de desenvolvemento de zonas deprimidas e coa prostitución para falarnos desta problemática e da súa relación coa pornografía.
As nosas profesoras Chus Suárez, Chus Ferrín e Silvia Iglesias participaron nas XXI Xornadas da muller cunha conferencia (Como levar o feminismo ás aulas), que sintentiza o seu estupendo labor co Grupo de Igualdade do IES, Estela Morada.