Neste mes que acaba celebramos as Letras Galegas.
Durante dúas semanas puidemos ver no vestíbulo carteis informativos sobre a vida e a obra do poeta valdeorrés homenaxeado este ano, Florencio Delgado Gurriarán. Tamén acompañamos esa mostra cunha referencia a todos os autores aos que se lles dedicou a festa desde o seu inicio no ano 1963, centenario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro.
Os homenaxeados dos últimos dez anos foron retratados polo alumnado de 1º de bacharelato, baixo a dirección das súas profesoras de Lingua Galega, Helena e Vera.
O martes día 18 celebrouse no Paraninfo do instituto un acto no que alumnos de 1º de ESO recitaron varios poemas de Florencio Delgado Gurriarán e foron entregados os premios do concurso literario convocado polo departamento de Galego e o Equipo de Dinamización Lingüística. A parte musical correu a cargo do grupo de Pandeireteiras do IES Castelao.
Aínda poderemos ver axiña algunha outra mostra relacionada coa festa das Letras Galegas deste ano.
Estade atentos que vai pagar a pena!