Cursos anteriores

Cousas

CASTELAO_DEFINITIVO.jpg

Os alumnos de 2º e 3º da ESO asistiron o 14 de decembro á representación da obra  Cousas, baseada no texto homónimo de Castelao, autor que dá nome ao noso centro. A adaptación teatral dos relatos foi representada pola compañía de teatro Quinquilláns, cuxa  magnífica actuación emocionou a todo o  público.

 O  alumnado que asistiu á actividade foi agasallado pola Editorial Galaxia cun exemplar de  Cousas.

Visita á pista de xeo de Samil


Os días 19 e 20 de decembro, alumnos e alumnas de 1º ESO  e 2º ESO respectivamente visitaron a pista de xeo instalada en Samil. Se clicas nas imaxes podes ver máis fotos da actividade.


Xogos populares

O departamento de Educación Física organizou unha actividade de xogos populares na que participaron todos os cursos menos 2º de bacharelato. Os xogos foron cedidos polo Concello de O Grove. Aquí tedes dous vídeos da actividade:

Eduardo Mendoza, Premio Cervantes 2016

            
    Nacido en Barcelona en 1943, tras estudar o Bacharelato no colexio dos Maristas, estuda Dereito e convértese no que el considera un avogado non criminalista. Traballou en varias ocupacións: oficinista de banco, empregado en editoriais barcelonesas (coincidindo co  “boom” editorial en Barcelona e mais co da narrativa hispanoamericana e da nova novela española).

Xosé Neira Vilas: recordo no seu cabodano

     No mes de novembro de 1928 nacera en Gres (Vila de Cruces), Pontevedra, o autor do libro máis lido da literatura galega contemporánea:

     E o 27 de novembro do 2015 faleceu tamén en Gres, na súa casa natal, despois de botar moitos anos na emigración, primeiro en Bos Aires e logo en Cuba. Alá marchara con vinte anos (como el dixo: tiña vinte anos / vinte espadas xusticieiras e honradas  / para esixir / para loitar). Traballou arreo: estudou comercio, música, xornalismo, literatura... Fundou a editorial "Follas Novas" para a difusión en América do libro galego e, en Cuba, dirixiu a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, ademais de ser redactor-xefe da revista infantil Zunzún.

     Coñeceu na emigración a moitos intelectuais galegos e á súa volta o seu inmenso labor persoal e a prol da lingua e a cultura galegas foi recoñecido con diferentes premios e distincións: foi elixido membro numerario da Real Academia Galega, doutor honoris causa pola Universidade da Coruña, Premio da Crítica Española e Galega, Medalla Castelao, Pedrón de Honra... A súa obra está traducida a unha chea de linguas.

     A Fundación Xosé Neira Vilas organizou un emotivo acto de homenaxe ao autor no primeiro aniversario do seu pasamento; nel presentouse a súa obra póstuma Quique na aldea, un novo canto á vida da aldea que supón un colofón perfecto á traxectoria vital e literaria de Neira Vilas.

     No IES Castelao tivemos a sorte de compartir con el unhas horas, pois sempre lle gustou estar rodeado de rapaces e nunca deixaba pasar a ocasión de transmitirlles a súa paixón polo galego e pola literatura. Froito daquela visita  no 2012 é a entrevista recollida no número 11 da nosa revista "Cousas do Castelao".

     En xusto tributo de recoñecemento e homenaxe, recordámolo nesta data. Podemos ler o comezo das Memorias dun neno labrego ou o capítulo dedicado a Pachín

A palabra contra a violencia: haikus para o 25 de novembro

    
     O día 25 de novembro foi declarado DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER pola ONU no ano 1999, a proposta da República Dominicana, en recordo das irmás Mirabal, asasinadas o 25 de novembro de 1960 por orde do ditador Rafael Leónidas Trujillo.

     No ano 1993 as Nacións Unidas emitiron unha Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra a Muller, na que esta foi así definida:

          Todo acto de violencia baseado no xénero que ten como resultado posible ou real un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas, a coerción ou a prohibición arbitraria da liberdade, xa sexa que ocorra na vida pública ou na vida privada.

     Desde a biblioteca convocamos a loitar contra esta lacra coa que convivimos a cotío.

     Convidamos a todo o alumnado a escribir HAIKUS (breves composicións poéticas de tres versos, máis longo o intermedio) e acompañalos dunha ilustración.

      O día 25 expoñeranse no vestíbulo do instituto.

      A palabra contra a violencia.    

Samaín - Halloween

     Por segundo ano consecutivo, o IES Castelao festexou o tempo de Samaín-Halloween celebrando o venres día 4 de novembro nas dúas últimas horas de clase da mañá un magosto e o xa famoso Túnel do Terror, construído no interior do pavillón co traballo e colaboración dunha chea de profesores, sobre todo Pablo Samartín  -a quen nada lle gusta esta temática-  e as sempre sacrificadas profes de Educación Física,  Yolanda, Ánxeles e Susana, que logo terían que sufrir as consecuencias do que alí se montou para que a diversión / emoción estivese asegurada. Axudou tamén na confección e desmontaxe do túnel unha parte do alumnado.

      A ANPA colaborou moi directamente na realización do magosto, xa que foi a encargada de achegar o material e igualmente de asar as castañas e, aínda que o tempo non acompañou, o resultado foi excelente.

     Tamén se decidiu ese día 4 de novembro o Concurso de cabazas convocado por esas datas; houbo case unha decena de participantes que amosaron unha grande imaxinación. O seu traballo viuse recompensado, no caso do gañador, cun suculento premio.

Sesquicentenario do nacemento de Valle-Inclán

     O día 28 de outubro cumpríronse 150 anos do nacemento de Ramón Mª del Valle-Inclán, inesquecible dramaturgo creador do esperpento a principios do século XX, novelista e poeta. Con tal motivo a Biblioteca presentou á comunidade educativa unha ampla selección da súa obra xunto cuns cadros esquemáticos tanto da súa vida como da súa bibliografía fundamental.

24 de outubro: Día da Biblioteca. Comeza a "Hora de ler". Domingo Fontán

   

      Como cada ano, o 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas Escolares, que este curso desenvolven o seu labor baixo o lema "Biblioteca escolar, Territorio das Artes". Minia Regos é a autora da imaxe que interpreta visualmente este lema.

     Desde a nosa biblioteca quixemos celebrar o Día iniciando o luns 24 de outubro o camiño neste curso da HORA DE LER, actividade que vimos desenvolvendo desde o ano 2010.

Relato gañador e mencións do concurso de microrrelatos fantásticos e de terror

Non hai nada fóra (microrrelato gañador)

Aceleras, compasando os ruxidos do motor cos desbocados latexos do teu corazón. A estrada atópase nun estado deplorable: unha vía solitaria en metade das montañas que ningún vehículo cruzou en anos. Arrepínteste de estala a atravesar, como non? Arrepínteste de ter deixado a autoestrada cada vez que percibes esa figura escura que esvara entre o manto da noite, xunto ás árbores, axexando, esperando, sempre diante de ti. Estreméceste cada vez que contemplas as dúas luces escarlata que te observan desde a escuridade, deleitándose cada vez que pisas, en balde, o acelerador. A seguinte curva no camiño é demasiado pechada como para darche tempo a tomala. Aínda que consegues frear, o coche derrapa, golpéase e detense contra o gardarraís. Non te molestas en comprobar se estás ben: alí, en silencio, en metade da noite, só te limitas a escoitar, co corazón cheo de medo, agardando o ataque do teu perseguidor. Escoitas, pero non oes nada. Non sentes nada. Suspiras, tratando de acougar. Non hai nada fóra. Claro que non: eu xa estou dentro do coche, deleitándome cos derradeiros latexos do teu corazón.

Hernán M. Comesaña Cayetano, 1º bacharelato.

Distribuir contido