Na vindeira semana conmemoraremos as "Letras Galegas 2014", que como xa sabedes, celébranse o 17 de maio (sábado). Este ano adícase a Xosé María Díaz Castro.
Xa comezou o terceiro trimestre no CPI Virxe da Saleta. A volta das vacacións de Semana Santa non puido ser máis activa. Na Etapa de Educación Infantil comezou un novo proxecto trimestral que dá continuídade á programación iniciada o ano pasado na que se aposta por adicar os últimos meses de cada curso a un proxecto propio programado polo profesorado da Etapa especialmente para o noso alumnado. Viaxamos e comunicámonos é o nome do proxecto e o eixo vertebrador dos contidos. Despois da visita que realizaron á oficina de correos tocoulle a quenda ao tren. O mércores 23 de abril as nenas e nenos viaxaron en tren dende O Carballiño ata a estación de Ourense para visitar despois o Parque de Carrileiros de Foula. Entre a galería de imaxes e máis o vídeo podédevos facer unha idea do gratificante e estimulante que foi esta experiencia de aprendizaxe.
Ben, xa sabemos que é día 28 e o día do libro foi a semana pasada. Pero nós aínda temos moito que celebrar. Por iso convidamos a Raquel Queizás visitar a noas biblioteca e facer unha contada ao alumnado de Infantil. Non hai máis que ver as cariñas que teñen nesta galería de imaxes para imaxinar o ben que o pasaron. Fomentamos o gosto pola literatura infantil e os contos xa dende pequenos.
O martes 22 de abril, primeiro día de clase á volta das vacacións, visitamos a oficina de Correos no concello de Cea. Alí fomos recibidos polos traballadores e traballadoras da oficina e máis pola Delegada de Correos na provincia de Ourense. Como podedes ver na galería de imaxes, o alumnado de infantil puido entregar as súas cartas e coñecer o funcionamento deste servizo público. Esta actividade está enmarcada no proxecto educativo denominado Comunicámonos e Viaxamos, que se desenvolverá ao longo deste terceiro trimestre do curso 2013/2014 na Etapa de Educación Infantil. Accede a través desta ligazón á galería de imaxes, se non podes vela no teu teléfono móbil.
O equipo da biblioteca do CPI Virxe da Saleta propón aos alumnos do centro e as súas familias unha actividade para fomentar a lectura na nosa comunidade escolar e ao mesmo tempo conmemorar o Día do Libro, que se celebrará o vindeiro mércores 23 de abril. A actividade consiste en que os rapaces acheguen ao centro unha fotografía na que saian eles lendo xunto con alguén da súa familia (pai/nai, avós, irmáns...). As fotos enviaranse a ticscea@gmail.com, ou copiaranse nun pendrive e entregaránselle ao encargado da biblioteca ata o venres día 11 de abril. Unha vez recopiladas todas as fotos, estas exporanse na biblioteca en diversos formatos.