Skip to Content

contador gratis para blog

E.D.L.

Samaín no Cole de Cea 2024

Chegou o SAMAÍN ao cole! Que meeeedoooo!!!

AVISO: Comeza a época do Samaín no Cole de Cea, que culminará o 30 de outubro, día en que teremos un terrorífico programa preparado para aqueles alumnos e alumnas que se atrevan a vir ao cole... 

 Todo o centro se encherá de monstros, vampiros, pantasmas e meigas e, para deixar constancia, teremos un horripilante FOTOCOLE preparado. Tamén faremos unha espeluznante asamblea de seres monstruosos e de ultratumba no ximnasio, onde se poderán oír lúgubres cánticos e esgutíos horrísonos e, como fin de festa, recibiremos a aterradora visita dun... ...auténtico lobishome!!!, recén chegado da Serra do Faro.

 Os superviventes desta terrorífica xornada (se os hai) voltarán á casa no bus escolar, no horario habitual ou a cabalo das súas vasoiras e terán libre o día seguinte (31 de outubro) para podérense recuperar de tan terrorífica experiencia.

 

Chega o VIII SERÁN DO COLE DE CEA!!!

O día 16 de maio, a partir das 17h, o Cole de Cea abre as súas portas para celebrar, como xa é tradición, o SERÁN DO COLE DE CEA.

Hoxe facemos público o cartaz, no que o protagonista é o noso fabuloso MAIO DO COLE DE CEA, ao cal, como non podía ser doutro xeito, tamén lle cantaremos unhas copliñas cheas de retranca e bo humor e elaboradas polo alumnado.Estades convidadas/os a participar o día 16 connosco nas actividades que estamos a preparar: actuacións de grupos de música tradicional, torneo de xadrez, postos de artesanía, xogos populares, furanchiño...

VIVA O SERÁN DO COLE DE CEA!!!
 

MAGOSTO DO COLE DE CEA

Este venres, 10 de novembro celebraremos o MAGOSTO do Cole de Cea. Haberá animación musical, xogos e obradoiros e, por suposto, moitas castañas!!!

SAMAÍN 2023

Prezadas familias, lembramos que o martes, 31 de outubro, celebraremos, como sempre, o SAMAÍN no cole, polo que ese día o alumnado poderá vir de casa cos seus disfraces terroríficos (sen traer complementos nas mans, tipo coitelos, etc,). Tamén teremos unha serie de actividades durante a xornada, como un FOTOCOLE HORRIPILANTE no que todo o alumnado, por clases, poderá quedar inmortalizado nunha foto terrorífica que posteriormente publicaremos nas nosas redes sociais. Tamén teremos a estrea mundial do noso CONTO COLECTIVO “Foguetiño e o Samaín” e remataremos cunha aterradora coreografía musical, organizada polo profesorado de música e danza.

Lembramos tamén que o día 1 de novembro é festivo; reanudaranse as clases o día 2, tal como se reflicte no calendario da aplicación Abalar.

O PICURÍ Nº 14 (2023)

O PICURÍ Nº 14

 

Na ligazón de arriba tedes para descarga o último número da nosa revista escolar, elaborada polo seguinte equipo creativo de alumnos/as:

  • Paula Álvarez Augusto
  • Iría Álvarez Conde
  • María Barrosa Fernández
  • Patricia Fernández Rodríguez
  • Laura García Pousa
  • Samuel Rodríguez Rodríguez
  • Lucía Vázquez González
  • Laura Vázquez Rodríguez

A portada, que quere ser unha homenaxe ao inestimable PATRIMONIO da nosa comarca, foi elaborada a partir das fotos enviadas para un concurso realizado para tal fin e no que participaron os/as seguintes alumnos/as:

  • Carlos Sánchez Paz 
  • Tamén participaron:
  • Ana Barrosa Fernández
  • Jimena Cerdeira Durán
  • Martín González Feijóo
  • Antón Manuel Fernández
  • Joaquín Novoa Gil

O PICURÍ Nº 8 (2011)

O PICURÍ Nº 12 (2019)

O Picurí nº12 (2019)

 Aquí tedes a versión dixital a toda cor do nº 12 da revista escolar do Cole de Cea: O Picurí. Cunha portada de Laura Bravo e unha morea de contidos das tres etapas educativas: Infantil, Primaria e Secundaria. Cunha sección especial adicada ao 50 aniversario do noso centro e artigos referidos ao proxecto #ONoso desenvolvido ao longo do curso 2018/2019

O PICURÍ Nº 13 (2021)

O Picuri nº 13 (2021)

Na ligazón de arriba tedes o nº 13 da revista escolar do Cole de Cea: O Picurí. Cunha portada de Andrea González e unha morea de contidos das tres etapas educativas: Infantil, Primaria e Secundaria. Recolle contidos, artigos e proxectos desenvolvidos ao longo dos cursos 2019-2020 e 2020-2021.

CONCURSOS DE SAMAÍN DO COLE DE CEA 2021

Chega o mes de novembro, o Samain e os concursos convocados polo EDL do centro, en colaboración coa Biblioteca Ramón Caride e a Radio Roxar. Este ano temos unha nova modalidade, ademáis das xa habituais. Podedes concursar con:

- Contos

- Banda Deseñada

- Debuxo

- Poemas

Podedes consultar as bases na seguinte ligazón : BASES CONCURSOS SAMAIN 2021

A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NO COLE DE CEA

 

A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NO COLE DE CEA

 

O Cole de Cea, ao tratarse dun CPI (Centro Público Integrado), cunha oferta educativa que abrangue as etapas de Educación Infantil, Educación Primaria e E.S.O., conta cun moi amplo rango de idades (de 3 a 16-18 anos). Isto fai que a nosa programación teña que adaptarse ás necesidades concretas e moi diferentes do alumnado e ofrecer actividades con grande variedade e ampla flexibilidade. Ao tempo, temos tamén unha importante vantaxe que tentamos aproveitar permanentemente: o amplo rango de idades permite que o alumnado maior (o da E.S.O.) poda deseñar, elaborar e levar a cabo actividades para o resto.

O noso alumnado é consumidor cultural e nativo dixital. Cada día consome produtos como debuxos animados, videoclips, series, películas, xogos de mesa, ordenador ou consola... Estamos asistindo a un cambio moi profundo no que aumenta o tempo de ocio usando tabletas e móbiles. Aprenden a usar apps antes que a ler ou escribir. A escola non é allea a esta mudanza e nos últimos anos vemos como estas tecnoloxías están a entrar nas nosas aulas: miniportátiles, encerados dixitais, PCs, tablets… 

Por outro lado, a gran maioría do noso alumnado é galegofalante. O uso da nosa lingua no centro e no seu contexto inmediato está plenamente normalizado. A comunidade educativa colabora activa e permanentemente co labor que desenvolve o EDL, polo que o traballo de promoción da lingua non é visto como unha responsabilidade de tal ou cal individuo ou grupo concreto, senón como un traballo permanente, intimamente ligado ao noso labor docente e ao noso proxecto educativo, como centro de ensino.

Este é o contexto en que naceran iniciativas, como o APPLÍCATE O CONTO ou MISTERIO NO COLE DE CEA. Estes proxectos naceron de xeito natural, como ferramentas motivadoras para completar e desenvolver o traballo diario na aula. Tal vez, a utilización da nosa lingua en proxectos como estes sexa unha das súas maiores singularidades, xa que, infelizmente, o galego non é unha lingua moi empregada nos produtos deste tipo aos que o noso alumnado ten acceso. Estamos a ligar a nosa lingua ás novas tecnoloxías e a produtos adaptados a un alumnado nativo dixital. Pensamos que o potencial normalizador das ferramentas que empregamos (ou doutras semellantes) é enorme, e a súa utilización por parte do profesorado e do alumnado non é moi complicada. 

 

BREVE RELATO DOS ÚLTIMOS DEZ ANOS DE TRABALLO DO EDL:

Partimos dun momento traumático para toda comunidade educativa do Cole de Cea: o incendio das instalacións, que aconteceu a comezos de setembro de 2010, pouco antes de comezar o curso. Podemos dicir que foi un xeito de tocar fondo para moitos/as das/os que estábamos alí. A imaxe da biblioteca do cole cos libros cheos de feluxe e o cheiro a fume (que pode ser percibido aínda agora) nunca se apagará da nosa memoria. Outros acontecementos tristes, paralelos, anteriores e posteriores foron sumándose. Problemas que se acumulaban. A nosa moral estaba baixo mínimos e precisábase un revulsivo. As actividades extraescolares e complementarias foron ese revulsivo. Podemos marcar o inicio da recuperación da nosa enerxía cando lanzamos o lipdub “A LINGUA SABE A PAN”, que acadou unha cifra de visitas enorme e que nos encheu o correo de frases de apoio e parabéns. Desde ese momento, entendimos que a nosa programación de actividades extraescolares e complementarias (entre elas, as do EDL) era para nós moito máis que un anexo ao noso traballo na aula e fomos adaptándonos a esta filosofía de traballo, que ten funcionado ben, até hoxe. Na actualidade, o noso programa anual culmina a finais do mes de maio co SERÁN DO COLE DE CEA, uma festa aberta para toda a comunidade educativa, que está a ter moi boa acollida. 

Para rematar, no podemos esquecer que todas as iniciativas que ven desenvolvendo o EDL son posíbeis pola xenerosidade do colectivo docente e o apoio e participación da nosa comunidade escolar.

 

DE CARA AO FUTURO

O traballo de dinamización ou normalización que se fai na escola non é suficiente, segundo o noso punto de vista. É precisa unha implicación moito maior da sociedade e dos poderes públicos na recuperación e promoción da nosa lingua. Infelizmente, cada vez máis, os centros de ensino están a se converter no “último reduto” do galego. Nós pensamos que esta situación pode ser rectificada (en palabras de Carvalho Calero) cunha política lingüística digna de tal nome, que logre a complicidade da maioría social na defensa deste ben común tan valioso, chamado “lingua galega”. Temos, seguindo o dito polo ilustre profesor ferrolán, que explorar o camiño da lusofonía, poñendo en contacto o noso alumnado coa vertente internacional do galego e que vexan que, parafraseando a Castelao, a nosa lingua “florece” arredor do mundo.

E.D.L. do Cole de Cea

 

Artigo orixinal publicado no nº 78 da Revista Galega de Educación.

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut