Skip to Content

contador gratis para blog

E.D.L.

Regueifesta e paseo por Santiago

O alumnado de 1º e 2º da ESO participaron da gran festa da improvisión oral en Galicia, puidendo ver actuacións de participantes galegos, vascos, cataláns... ¡e ata de Cabo Verde! 

Pola tarde, coñeceron a historia que hai detrás dos principais recunchos de Compostela.

Podes ver máis fotos premendo no enlace.

Misterio no Cole de Cea - O noso primeiro videoxogo

ATENCIÓN ATENCIÓN!! XA TEMOS XOGO DO Cole de Cea

Temos a honra de vos anunciar que o cole de Cea estrea o seu primeiro videoxogo!
#MisterionoColedeCea

Xa podes descargalo e xogar no teu PC.

Tan só clica na seguinte ligazón e descarga o arquivo executable. DESCARGA

Ignora as advertencias que fai google, o arquivo é totalmente confiable.

 Descomprímeo nunha carpeta e.. a xogar!

DIA DA MULLER NA AULA DE TRES ANOS

O alumnado de tres anos estivo recopilando fotografías das mulleres mais importantes na súa vida. Elaboraron un mural de agradecemento. Os nenos e nenas de Sexto de Primaria tiveron a honra de asistir a unha sesión expositora destes traballos. Moitas grazas a todos e todas.

CARREIRA DE COMPADRES E COMADRES

Os nenos e as nenas, un ano mais, participaron na carreira de Compadres e Comadres, que elaboraron con moito agarimo. Aquí tedes unha pequena mostra (preme neste enlace).

https://photos.app.goo.gl/OFnRlKgx0f0QElk02

Grazas, Ramón.

 

É un pracer imenso e unha honra especialmente impagábel cumprir hoxe dous anceios reais:

O primeiro é voltar. Voltar á miña escola na abertura dos actos do seu primeiro cincuentenario. 50 anos, son talvez, dúas xeracións de ceeses e piñorenses educados, formados aquí, no actual, familiar e cooperativo CPI “Virxe da Saleta”.

O segundo anhelo é verificar a comemoración que nos convida e poder participar na inauguración da Biblioteca escolar que levará o nome de Ramón Caride, persoa merecente, devoto profesor e  escritor merecedor  de tal dedicatoria, por sobretodo, querermos desde esta comunidade educativa que se cumprise a profecía en terra queimada, na súa terra de nacenza.

Que mellores motivos para oferecer esta Biblioteca a quen nos provocou e continúa a provocarnos soños eléctricos a adultos e cativos, quen nos axuda a apaixonármonos pola lectura de historias e aventuras?

De Ramón Caride Ogando eu sabía algunhas cousas antes de chegar ao Cole de Cea. Coñecíao polos manuais de texto dos rapaces da ESO, tiña lido algún artigo del, así como algúns treitos de Said e Shelila. Soábame a súa fama de escritor premiado e a especial sona de autor infanto-xuvenil, a súa prolífica profusión como autor de máis de 50 títulos de xéneros e subxéneros variados (narrador, poeta, ensaísta, profesor de bioloxía, activista cultural e columnista). Evidentemente, moitas destas cuestións foron ampliadas ao porme a indagar sobre el, pois ao chegar aquí, en setembro de 2016, descubrín a súa procedencia local.

Isto serviu para actualizar datos, ler e propor lecturas, preguntar e reflexionarmos todos cantos aquí estamos sobre a vontade de cumprir o afamado dito “é de ben nacidos ser agradecidos”, porque na vida, débense cumprir as vontades que se acreditan xustas.

E aquí nos atopamos para presentarmos a algúen que ten dito que “botou a infancia nunha aldea na que naceu hai 60 anos, nun microcosmos no que todo había, regulado polo ciclo invariable que marcan as estacións. Un mundo que lle desapareceu de súpeto.”

Ramón Caride Ogando é unha persoa na que se axuntan o gusto polas artes literarias, musicais, cinematográficas, plásticas e daí acéndese un autor lexíbel e intelixíbel, froito abofé da súa profesión docente. É insistente, completo, diverso, criado no rural ao que retorna sempre, recorrentemente, desde a súa perspectiva globalmente solidaria e sa. Foi un neno do lugar de Pulledo, na parroquia de Pedreda, que non estudou neste grupo escolar por cuestións cronolóxicas, o cal, xa de pícaro, soñaba electricamente, desexaba ser astronauta e supoño eu que viaxaría polos povos  do planeta Terra e outros mundos exteriores, e á fin, segue nesa singradura sideral na que viaxa el e nos fai viaxar a nós.

El dise lector de literatura fantástica, e define gran parte do que escribe como fantasía con fundamentos científicos, máis que ciencia-ficción. Coida que quizais estes libros sexan os preferidos das miúdas e miúdos porque estes teñen imaxinación, porque eles queren explorar.

Os seus inicios na literatura son de intencións, vontade de creación lírica de mocidade encravada na paisaxe da verde chuvia, a Cea das panandeiras, os lugares de orixe queren ser todo quanto há no mundo.  Unha poesía aberta á vida, ao mundo, expesou o poeta nacional Manuel María, de aprendizaxe que acaba por queimar no  cerne das labaradas.

En toda persoa de proveito, o percurso do tempo debe significar unha evolución, un avance á frente, unha comprobación experimental, que orienta a Ramón Caride á narrativa, aos relatos escuros, negros dun tempo fendido e incerto. 1992 será o ano do premio Blanco Amor con Soños eléctricos, grande novela de ficción cietífica, o seu pulo, recoñecemento, o que lle abre un horizonte aínda infinito, para encetar a pentaloxía das aventuras de Said e Sheila, que inicia con Perigo vexetal (premio Merlín), e logo Ameaza na Antártida, A negrura do mar, o futuro roubado, até finalizar co Camiño da estadea, que non deixa de ser unha antítese espectral dunha realidade tan palmaria como certa ao consolidar brillantemente unha saga literaria fantástica na nosa terra.

Cea, Oseira, Galiza, o compromiso coa lingua a lume son marcos, contextos e pretextos para falármonos ficcionalmente ou con verdades coma mosteiros, a lume frío azul, da terra queimada real, do rural que esmorece e se abandona en diáspora perpetua. O lume, os camiños, a noite, percorren a sangue o apaixonado proceso de escritura de Caride, que amais tamén mostra o creador preocupado polo actual, como afirmou Vázquez Pintor no prólogo de Sarou/Louzós ”Crónica de sucesos a pé de obra...retratos urxentes de xornalismo que se instala na retina...”

Torna á poesía, máis chegada, con amor, erotismo, xeografías do sal, do placer, do sufrimento humano. Para el cada libro de poemas é froito dun fogonazo. Segue a viaxar, unha viaxe poliédrica, entre a palabra e o retorno, paisaxes internas e alleas, recollidas en As Máscaras de Cronos. Caride dispara directo agora: “a esencia da poesía é o misterio,...a poesía non se explica / revélase / ou non é tal.”

Admira a escrita de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, a Neira Vilas e      A Esmorga de Blanco Amor, influencia que talvez o levase a ser escritor na nosa única lingua propia. E unha recua de plumas internacionais conforman a bagaxe dun ávido lector que se sente afortunado “cando mozas e mozos, eses que len sen prexuízos, gozo, lectores verdadeiramente agradecidos que non están á espreita da fama do autor, lle comentan que unha novela del lles abriu os ollos a novos camiños”. Outravolta os ollos que axexan o tripar dos camiños andados e por andar...Devolve publicamente  a súa gratitude por ter percorrido Galiza e mesmo ter estado no exterior, terse trasladado por centos de quilómetros, conversado con miles de rapazas e rapaces, por colexios e institutos.

Lingua, natureza, ecoloxía, solidariedade, pacifismo, democracia, igualdade, ciencia, país. Exogamia de letras, conviccións e argumentos para unha literatura galega que até os anos 90 tiña estas eivas temáticas e Ramón Caride irrompe coa asunción de todas elas e atinxe a conexión con lectoras e lectores, galegas e galegos, en galego.

Hoxe medran na nosa Biblioteca follas cintilantes, ledas, ceibas e prácidas, en libros inzados de letras con novos relatos que ler para logo contar, a rentes dos amparados Xeranios do Señor Alfonso, ao pé da Sobreira que o destino quixo que plantásemos para representala 50 anos máis.

Obrigados Ramón Caride, grazas por, como che teño lido, “Amar os libros, lelos e facelos”. Ninguén mellor para pór nome á Biblioteca.

26 de Xaneiro de 2018

Matías Rodríguez da Torre.
Foi profesor de Lingua no Cole de Cea

MENÚ DO MES DE DECEMBRO

 

AGRADECEMENTO AO COLE "LOPE DE VEGA" (Talavera de la Reina)

Os nenos e nenas do Cole de Cea queremos agradecer ao alumnado do CEIP Lope de Vega (Talavera de la Reina) as mostras de agarimo, en forma de debuxos, cartas, murais, sementes... con motivo da catástrofe medioambiental provocada polos lumes acontecidos na fin de semana do 14 e o 15 de outubro.

Velaquí unhas fotografías do que nos enviaron

Xornal "O PAPAGAIO"

O Cole de Cea xa está subscrito ao novo xornal "O Papagaio"!!

Trátase dun xornal en papel, integramente en galego,dirixido especialmente aos nenos e nenas de Primaria e Secundaria. Ten  periodicidade mensual.

 

Os seus responsables destacan que a sección de ciencia e tecnoloxía estará asesorada por científicos/as e será presentada por un personaxe fixo: Simio o científico. De igual xeito, a sección de Ecoloxía contará tamén co asesoramento de profesionais e nel trataranse temas relacionados coa agricultura ecolóxica, a bioconstrución ou a reciclaxe. Os temas irán acompañados dun experimento que os e as lectoras poderán poñer en práctica.

 

Na sección de arte, un pintor chamado Pierrot explicará os segredos dos principais movementos pictóricos da historia; este apartado inclúe a proposta dun exercicio práctico sobre o estilo en cuestión. Dentro do obxectivo de fomentar a integración, aparece a sección Pratos para compartir culturas, que achega receitas de distintos paises. No apartado de Natureza terá un papel destacado "a fabulosa fauna lectora do noso hábitat", que relacionará as distintas especies animais autóctonas coa literatura universal; e, de igual xeito, incluirarse a sección SOS Especies ameazadas, na que os animais en perigo de extinción trasladarán as súas queixas a través dunha carta.

 

Tamén se inclúe unha sección fixa de banda deseñada, protagonizada por Wifi, un can intergaláctico que vive intensas aventuras nos distintos universos paralelos que nos rodean. E unha tira humorística, Viladenihil, con temática de ciencia ficción social.

MENÚ DO MES DE XUÑO

 

VISITA A VILABOA

O alumnado de 2º ESO de Vilaboa xa visitara Cea mais, desta volta, foron os nosos rapaces os que visitaron a súa zona. Coñeceron o funcionamento dunha industria conserveira, visitaron unhas antigas salinas e coñeceron a historia da illa de San Simón. 

Ata a próxima CPI do Toural!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut