Presentación do programa Meteoescolas

O alumnado de 6º curso distribuíuse en dous grupos para realizar unhas sesións informativas, dirixidas a todo o alumnado do centro, e dar a coñecer o traballo que están a desenvolver no proxecto de Meteoescolas en colaboración con outros centros de Galicia. Un grupo traballou co alumnado de Ed. Infantil e Primeiro Ciclo de Ed. Primaria e o outro co resto do alumnado do centro.

A primeira sesión formativa foi dirixida aos máis cativos do centro. Os encargados deste traballo empregaron como medio de exposición a representación dunha obra teatral que tivo como fío condutor o libro de "Bos días árbore! As estacións", publicada por edicións Sálvora. Os espectadores gozaron enormemente coa fabulosa interpretación dos artistas de 6º curso e coas súas recitaxes dos diferentes poemas relacionados coa meteoroloxía.

A segunda sesión informativa tivo un carácter moito máis académico. Informouse ao alumnado do centro do proceso que se está a seguir para a recollida de datos meteorolóxicos e de como interpretar un mapa do tempo dos que aparecen na web de Meteogalicia. A exposición de contidos tamén estivo acompañada coa lectura de varios poemas relacionados con diferentes meteoros.

Como remate destas dúas sesións informouse en que ían consistir as dúas actividades/concurso destinadas a toda a comunidade educativa:

  • Recollida de imaxes de diferentes fenómenos meteorolóxicos: nevadas, xeadas, treboadas...
  • Recollida de imaxes de nubes. Nel exporemos as mellores instantáneas que nos acheguedes das formas das nubes.

 

Vídeo da clase informativa: