O 10 de marzo o alumnado de 6º de Ed. Primaria participou no obradoiro de “Dobraxe na escola” que organizou a concellería de educación do noso Concello no Liceo de Ourense.
Da man dos actores e dobradores profesionais Suso Pando e Manuel Pombal achegámonos á técnica da dobraxe, concretamente á das películas de animación para coñecer esta máxica e innovadora ferramenta que foi quen de captar a atención, do alumnado, sobre aspectos básicos na comunicación oral, como cadencia, ritmo ou intención.
A técnica de dobraxe fai que os nenos e nas traballen aspectos tan importantes como a concentración, a empatía e a colaboración en equipo; ao tempo que os motiva a divertirse na nosa lingua.
Ao principio, os monitores fixeron un xogo dramático no que nos contaron todos os pasos da creación dunha película, desde a elaboración do guión ata a dobraxe. A continuación, ensaiamos un fragmento de Bob esponxa, aprendendo a encaixar as nosas propias voces nas bocas dos personaxes. Para rematar, fixemos de dobradores e dobradoras, lendo o guión facilitado, ensaiamos, para gravar a continuación a dobraxe.
No vídeo de máis abaixo podedes observar o resultado do noso traballo.
O alumnado de 5º de Educación Primaria do CEIP Manuel Sueiro traballou durante o segundo trimestre a lectura do libro “A Ecopanda e misterio do Románico” centrándose na investigación dun grupo de nenos e nenas (Marta, Xiana, Henrique e os xemelgos Álvaro e Xaime) ao longo da ruta principal do camiño de Santiago intentando descubrir os roubos das pexas románicas.
O 6 de marzo, na sede do Arquivo Histórico Provincial, o alumnado de 3º e 4º de Ed. Primaria participou no obradoiro "Os segredos dos franciscanos".
É unha actividade didáctica que xira arredor da exposición "O legado de Asís: franciscanos e pobres clarisas en Ourense". A través da experimentación e os xogos propostos polas dúas personaxes de ficción que guiaron a actividade (Xoana, lavandeira e frei Xan "Farrapeiro", o arquiveiro do convento). Grazas a eles, viaxamos ao longo do tempo a partir de vellos. documentos que nos invitan a coñecer diferentes aspectos da cultura e dos modos de vida das sociedades do pasado.
Ao longo do presente curso pescudamos sobre grandes mulleres da historia de Galiza. Coa lectura das súas biografías formámonos unha idea do difícil que o tiveron para destacar nos seus respectivos campos de traballo.
Para isto, investigamos, lemos, visualizamos, pensamos e reflexionamos sobre as biografías destas mulleres e compararémolas coa situación actual. Ademais de fomentar o aprecio polo traballo desenvolvido por estas precursoras, buscamos que os nenos e nenas desenvolveran capacidades visuais e auditivas (observación e descrición; escoita selectiva e atenta), e que utilizaran as súas sensacións como fonte de expresión artística e que eles mesmos sexan quen de contar a historia do que lles aconteceu.
Empregamos metodoloxías activas, onde o alumnado foi o verdadeiro artífice da súa aprendizaxe. Quedáronos pendentes de realizar actividades con metodoloxía maker e de gamificación por mor do estado de alarma.
Por iso, para o próximo curso temos previsto continuar co traballo de documentación sobre mulleres galegas polo alto grado de satisfacción dos resultados acadados.
O 5 de marzo asistimos ao auditorio municipal á presenciar a ópera infantil "A frauta máxica" grazas á Concellería de educación que fixo posible a nosa asistencia de forma totalmente gratuíta.
A representación é unha adaptación infantil en castelán da célebre ópera de Mozart "Die Zauberflöte" (La Flauta Mágica) estrenada en Viena no ano 1791.
Os obxectivos a conseguir a través desta actividade son os de introducir aos nenos e nenas no mundo da ópera e do canto lírico, así como dar a coñecer a figura de Mozart e os distintos aspectos da traxectoria deste autor.
A ópera complementase cunha unidade didáctica e un posterior coloquio.
Asistiron 1200 alumnos e alumnas de 3º e 4º curso de educación primaria de 22 centros de ensino da cidade.
Dentro do Programa de estimulación oral (PELO), levado a cabo dende a aula de audición e linguaxe cos alumnas e alumnas de Educación Infantil, destinouse durante este trimestre unha parte das sesións ás emocións.
Co fin de identificar, vivenciar, expresar e axudar a xestionar as diferentes emocións que poden vivir no seu día a día, realizáronse diferentes actividades:
Unha das sesións semanais da hora de ler, programada dende o aula de audición e linguaxe co alumnado de sexto, vai encarada a dotar de funcionalidade á lectura para facilitar a súa comprensión e uso en diferentes contextos da súa vida cotiá .
A actividade de hoxe foi a elaboración dun Brownie de chocolate no microondas, que na hora de recreo compartiron cos seus compañeiros de clase.
Foi todo un éxito, non quedaron nin as migas.