Febreiro 2023

Observación holística

O título non é moi común, pero se explicamos que é unha das fases do programa OBSERVA_ACCIÓN do que demos conta noutra nova, todo clarexa.

Non é máis que observarnos uns aos outros e tratar de aprender, sen xulgar, da tarefa ensino-aprendizaxe. Nesta fase do proceso, un mestre observa a outra mestra no grupo de 4º E.Infantil; un mestre observa a outro na aula de 1º E.Primaria, e por último, a mestra  observa ao mestre de 6º E.Primaria: Niveis diferentes nas linguas do centro, galego, castelán e inglés.

Vémonos na seguinte observación!

Programa Observa_Acción

Este curso fomos admitidos no programa de intercambio de experiencias OBSERVA_ACCIÓN. Trátase dun programa de desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais, durante os cursos escolares 2022/23 e 2023/24, que se levará a cabo a nivel autonómico, nacional e internacional.

O xoves 26 de xaneiro, o director do centro e a mestra coordinadora asistiron á primeira xornada de formación en Santiago. Ademais deles, outro docente inicia este camiño no intercambio de observación docente.

Un dos obxectivos que se perseguen con este programa é o de experimentar novas vías de formación do profesorado e favorecer a innovación educativa no centro educativo, así como a colaboración con centros doutras comunidades autónomas e/ou países de ámbito europeo.

A nosa liña de traballo vai na dirección da Competencia comunicativa. Aquí comeza a nosa andaina da que vos iremos dando conta.

Día de Rosalía de Castro 2023

O alumnado de 1º de EP recitou o poema de Rosalía de Castro "Vamos bebendo" para conmemorar a data do seu 186 cumpleanos.

Para conmeorar esta data, todo o alumnado do centro participou na realización dun camisivai sobre a via e obra de Rosalía de Castro. Cada clase encargouse da realización dun par de láminas para representar.

Desfile de Entroido 2023

 O venres, 17 de febreiro, participamos no desfile de Entroido que organizamos polas rúas do centro de Ourense, xunto aos colexios do Mestre Vide e Curros Enríquez e contando coa colaboración do Concello de Ourense.

Cada colexio ía de unha temática diferente. A do noso estaba relacionada co PDI que estamos a desenvolver este curso: “Coidemos o noso mar”.

O alumnado de 1º, 2º e 6º de EP disfrazáronse de estreliñas de mar, os nenos e nenas de 3º, 4º e 5º de EP ían de buzos e o alumnado de Infantil engalanouse con escamas de peixes de cores para crear tres bancos de peixes diferentes.

O desfile foi todo un éxito debido a gran participación das familias ao longo de todo percorrido.

Día da amizade

O 14 de febreiro celebramos o Día da amizade e do amor. Despois de pescudar quen sobre a vida de Valentino e a súa amada Xulia, o alumnado de primeiro recitou o poema de Gustavo Adolfo Bécquer titulado "Amor eterno".

Aquí vos deixamos o resultado...

Xoves de compadres 2023

O 9 de febreiro comezou a festa do Entroido o noso cole coa celebración do Xoves de compadres. Ese día tocou vir ao cole disfrazado con roupas masculinas.

Asemade, o alumnado de primeiro de Ed. Primaria participou na Festa de Compadres que tivo lugar na praza Maior de Ourense coa presenza de varios colexios da cidade. As nenas tratamos de defender e protexer aos nosos compadres, mentres os nenos perseguíannos para destrozalos.

A verdade é que non fomos quen de salvar a ningún compadre, pero pasámolo xenial e xa estamos desexando que chegue a Festa de Comadres, o próximo xoves.

 

 


 NOTICIA DA ACIVIDADE NA PRENSA


 

Xeadas no mes de xaneiro

Nestas primeiras semanas do mes de xaneiro de 2023 produciuse unha baixada de temperaturas que fixo que nas proximidades da cidade de Ourense nevase. Na cidade, pola súa banda, produciuse un fenómeno que fixo que cando chegamos ao colexio vemos como os cristais dos vehículos están cubertos de xeo. Pero que é?

Este fenómeno é unha xeada. As xeadas son fenómenos meteorolóxicos que consiste nun descenso da temperatura ambiente a niveis inferiores ao punto de conxelación da auga e fai que a auga e o vapor que se atopa no aire se conxelen depositándose en forma de xeo nas diferentes superficies.  

Unha vez preocupados polo fenómeno das xeadas descubrimos que existen diferentes xeadas

  • Xeada por radiación: este fenómeno prodúcese por un arrefriamento progresivo e intenso do chan. Este tipo caracterízase por ceos despexados, ventos con baixa velocidade, inversión de temperatura, baixas temperaturas de punto de orballo e temperaturas inferiores a 0ºC. 
  • Xeadas por Advección: este fenómeno é ocasionado por unha corrente ou masa de aire frío de carácter polar con temperaturas inferiores a 0ºC.
  • Xeadas por evaporación:  este fenómeno é producido por unha evaporación da auga líquida dende a superficie vexetal. Ocorre cando diminúe a humidade relativa atmosférica e o orballo formado sobre as plantas evaporase.
  • Xeada branca: denomínase xeada branca ou xeada a capa de xeo cristalino que se forma, en forma se escamas, agullas, plumas ou abanos sobre as superficies expostas no exterior.

Como é a primeira das moitas que veremos durante os meses de xaneiro e febreiro deixamos algunhas fotos para que vexades como se ven as xeadas preto do noso colexio.

 

Coidando o noso mar

Por uns días o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro achegouse ao mar da man da Biblioteca Escolar do centro, guiados pola exposición itinerante “Coidando o noso mar”, prestada polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia).

Desde as Rías Baixas chegaron as redes e as nasas que os/as nosos mariñeiros/as usan a cotío no seu labor.

Esta exposición enmárcase no PDI do centro, adicado aos ODS axenda 2030. En concreto, o obxectivo 14:  Conservar e utilizar de xeito sostible os océanos, mares e os recursos mariños.

Protexer os nosos océanos debe ser unha prioridade. A biodiversidade mariña é vital para a saúde das persoas e do planeta. As áreas mariñas protexidas deben ser xestionadas de forma efectiva, tamén os seus recursos, e poñer en marcha regulamentos que reduzan a sobrepesca e a contaminación mariña dos océanos.

MERGÚLLATE NO MAR MÁIS AZUL!

Obradoiro de compadres e comadres

O xoves 2 de febreiro de 2023, o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro participou no obradoiro “Compadres e comadres” que se realizou na nosa biblioteca escolar coa colaboración do Concello de Ourense.

Con esta actividade damos comezo á celebración do Entroido no noso cole, que terá o seu colofón na semana do 13 ao 17 de febreiro.

O xoves de compadres, 9 de febreiro, e o xoves de comadres, 16 de febreiro, acudiremos á Praza Maior de Ourense para correr cos nosos compadres e as nosas comadres...

Benvido sexa o Entroido 2023!!

Comendo cores

O 31 de xaneiro e o 2 de febreiro de 2023 o  CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro realizou o obradoiro “Comendo cores” no que a alimentación e a nutrición foron os temas centrais do mesmo.

No obradoiro explicáronnos a importancia da nutrición e o traballo dos nutricionistas, que é un prato saudable, un prato vegano.

Ao remate da sesión, realizamos xogos dinámicos centrados na boa alimentación, neste caso o xogo do pano nutricional.

O obradoiro estivo dirixido pola nutricionista Tania Lorenzo González. Gustounos moito e xa estamos desexando que regresen ao noso centro para facer algún xogo máis e seguir afondado na boa alimentación.