Maio 2022

Nova mascota para a biblioteca e os clubs de lectura

Xa temos nova mascota para a biblioteca e os clubs de lectura, unha vez resolto o concurso que se convocara en xaneiro.

Trátase dunha evolución do noso querido Leo a unha versión un pouco máis heroica realizada por Marta Rey Vila. Aquí vos presentamos a SUPERLEO. Os seus poderes xa os iredes descubrindo pouco a pouco na biblioteca do cole,

Moitos parabéns para a autora da mascota!!

Na seguinte galería de imaxes teredes acceso a parte dos traballos presentados ao concurso:

Coidemos da nosa vida, coidando do medio ambiente

Neste curso, o P.D.I. do centro tivo como tema central “O Sueiriño a diversidade respecta… Traballemos xuntos a prol do planeta”.

Desde o curso de 2 º de Educación Primaria centrámonos na concienciación e no respecto cara o medio ambiente, que titularemos: “Coidemos da nosa vida, coidando do medio ambiente”. Tratamos de partir dos alumnos, do particular (coidar de min) ao máis global (coidar do meu entorno), permitindo así ao alumnado ampliar a súa visión sobre o que é o concepto global de saúde (prevención).

Partimos da lectura do libro de Naturizo. Un conto ilustrado que nos fala da importancia de coidar e respectar o noso contorno e, por suposto, da importancia da amizade.

O seu protagonista é un ourizo cacho que vive, cos seus amigos e amigas, na Serra de San Mamede, en pleno macizo central ourensán. De carácter medioambiental, atopamos mil e unha historias das aventuras de Naturizo pola serra e máis alá. Abordamos diferentes temáticas con valores medio ambientais. É un ourizo moi activo que vive mil aventuras cos seus amigos, emocionantes historias que transmiten valores como o amor pola natureza, a amizade e o coñecemento das tradicións.

Quixemos transmitir aos máis cativos o amor pola natureza, xunto con valores como a amizade ou o coñecemento das nosas tradicións.

OBXECTIVOS:

  • Coñecer o concepto do medioambiente.
  • Concienciar o alumnado e a comunidade educativa sobre a  importancia do coidado do medioambiente, para actuar de xeito responsable no medio no que viven.
  • Sensibilizar sobre o coidado do medioambiente.
  • Recoñecer os elementos básicos do medio físico: o aire e a agua. Uso responsable da auga na vida cotiá.
  • Recoñecer os elementos contaminantes do contorno que perxudiquen ao medioambiente e a nosa saúde.
  • Aumentar o vocabulario a través do texto do conto e de xogos.
  • Desenvolver actitudes positivas cara o mantemento da saúde.
  • Coñecer a regra das catro Rs: Reducir, Reutilizar, Reciclar e Recuperar.

Resumo das actividades realizadas ao longodo curso:

  • Lectura do conto
  • Coloreamos a Naturizo.
  • Traballamos a comprensión do conto.
  • Realizamos un maio con materiais de reciclaxe.
  • Elaboramos a Amelia con materiais de refugallo.
  • karaoke polo medio ambiente. Ligazón ao karaoke.
  • Cramos un  tres en raia ecolóxico e xogamos con el.
  • Debuxamos ás nosos personaxes favoritas do conto.
  • Dramatización do conto. Dramatizamos o conto, para despois realizar unha pequeña obra de teatro improvisada, para que os nenos aprendan a expresarse e a actuar en público, no que elixirán que personaxe queren ser.
  • Creamos a personaxe favorita con plastilina.
  • Conseguimos o noso carné de naturvixiantes.

Vialín

O 13 de maio, visitou o noso centro o obradoiro Vialín, autoescola para peques, foi unha divertida actividade sobre educación viaria da Concellería de Educación de Ourense, na que tivo o privilexio de participar o alumnado de 6º de Educación Infantil e 1º de Educación Primaria un ano.

Neste obradoiro  ensináronnos como cruzar os pasos de peóns, como comportarnos cando imos pola cidade, semáforos, sinais de tráfico...xogando a ser peóns, aprendemos a movernos pola cidade respectando os sinais e normas de tráfico.

Pasámolo xenial!!

Os superrecicladores do Sueiro

Partimos da colección “Nuestro Planeta está en peligro” que consta de tres contos: “Nanook aventura en el Ártico”, “Toco la selva herida”  e “Sathu un paraíso inundado”. Tres historias para sensibilizar aos  nenos e nenas dos grandes problemas ecolóxicos actuais.

Traballamos cada trimestre un conto,  facendo debuxos sobre cada un , preguntas sobre cada conto que se desenvolvía en paisaxes e ambientes moi distintos.

A continuación resumimos as principais actividades realizadas ao longo do curso sobre este proxecto:

  • Cada clase de infantil elaborou unha árbore reciclando caixas  de cartón , que vai cambiando segundo a estación.
  • Primeiro foi un castiñeiro decorado con follas e castañas ,durante o inverno con luvas e copos de neve,  e agora e unha árbore con flores  de primavera que pintaron eles.
  • Elaboraron contenedores  con  caixas de cartón  pintándoas con distintas cores para reciclar as merendas que  traen o cole.
  • Aproveitando a festividade do Samaín fixeron monstruos e cabazas reciclando bricks de leite, e botella de plástico de auga.
  • O Magosto celebrouse facendo xogos populares  e os de infantil ademais de participar  fixeron un tragacastañas  cunha caixa de zapatos.
  • Memorizaron a canción “Reducir, reciclar e Reutilizar” e gravamos un vídeo bailando e cantando todos os nenos e nenas de infantil, có símbolo da reciclaxe na cabeza .
  • Para Nadal fixemos  adornos para a árbore  recortando e pintando  caixas de cartón en forma de bola ca súa fotografía dentro  que cada neno levou para súa casa cos traballos do primeiro trimestre.
  • Aproveitamos tamén o día da Paz para traballar o conto de "Wangari y los árboles de La Paz” que foi un dos seus contos favoritos  e fixeron debuxos  sobre o conto. Máquina de sumar
  • Para o entroido participaron recortando algunhas pezas do disfraz  mais sinxelas que puidemos aproveitar con cachiños de goma Eva e outros materiais sobrantes de outros traballos e cursos inclusive, tamén decoramos as aulas cos anacos sobrantes do noso disfraz e fixemos antefaces con cartóns que re utilizamos do material do cole.
  • Construímos sementeiros con distintas sementes e landras da sobreira que está o lado do Colexio e que recollían cando facíamos o “Móvete 15” ao redor do Colexio.
  • Construíron instrumentos musicais, con  materiais de desfeito como ovos kínder e rolos de papel hixiénico, e papeis de diversas texturas.
  • Ademais para a primavera usando os rolos do papel hixiénico, fixemos flores pintadas de diversas cores, e ca súa foto para decorar a árbore do tempo. Unha colmea con panais, feito con unha caixa de cartón e diversos anacos de cartóns que re utilizamos, para traballar o proxecto do coñecemento do mundo das abellas, e para a actividade de traballar o coñecemento dos pintores ourensáns, no que fixemos as súas obras de arte, con cartóns, papeis de refugallo, pólas de árbores, carrabouxos, etc...
  • Construindo flores para as abellas
  • Por último, tamén realizamos un proxecto de investigación sobre as abellas.

 Traballo do alumnado de 5º Ed. Infantil

 Traballos do alumnado de 6º de Ed. Infantil

 

ALOHA COURTNEY!

Hoxe foi un gran día para nenas e nenos de 3º E.P. porque recibimos a visita de COURTNEY, nada en HAWAII.

O noso proxecto vai aos poucos, mandamos unha message in a bottle que chegou á illa de MOLOKA, responderon dous nenos/as da illa, Nahele and Kailane, e agora recibimos esta visita tan especial.

Temos que dar as grazas ao auxiliar de conversa, Tobías, que nos axudou na xestión desta visita.

Foi unha experiencia maravillosa, amosounos fotos, explicounos curiosidades, respondeu ás nosas preguntas, ..., e deulle sentido á expresión “espírito ALOHA”.

Estaba na nosa idea recibila cun LEI de hibisco, pero non fomos quen de atopar toda a flor que necesitabamos, pero amosando o “espírito SUEIRO”, agasallámola cunha orquídea, flor tamén hawaiana.

MAHALO!

1st SUEIRO CLIMATE SUMMIT

 

Os alumnos/as de 6º E.P. no seu esforzo por coidar o medio ambiente, celebraron  o 1º cume do clima no CEIP MANUEL SUEIRO.

Os tres puntos da orden do día foron THE AMAZON FOREST, TUVALU and PLASTIC IN THE OCEAN.

Os/as nenos/as falaron dos problems, das consequences e buscaron as posibles solutions.

Fase de documentación

Axudados en todo momento polo auxiliar de conversa, Tobias, que foi o presentador do evento, traballaron arreo para espertarnos a todos nós. Buscar información, chegar a acordos, darlle forma ao traballo, aprender que xuntos seremos quen de acadar un futuro mellor, ..., todo eso aprendemos neste 1st Sueiro climate summit.

JOIN US!

Obradoiro sobre as abellas

O 11 de maio apicultor José Bailón que tamén é profesor en Ourense, realizou na sala de usos múltiples do noso cole un obradoiro sobre a cría das abellas no que aprendemos moitas cousas sobre elas, sobre todo, a distinguilas das avespas, e sobre os produtos que nos ofrecen e os beneficios que aportan a nós e á natureza.

O obradoiro foi impartido de xeito moi práctico e puidemos ver como é unha colmea `por dentro, manipular con distintos aparellos que usan os apicultores e ver, realment,e como é a cera, o propolio, a mel, a xalea real…

Pasámolo xenial ao temo que aprendemos cousas novas!

Exposición Letras Galegas

Comezamos coa celebración do día das Letras Galegas cunha exposición de fondos documentais en galego cos que poderá desfrutar a nosa comundade educativa.

Animádevos a visitarnos e a viaxar coa nosa lingua!.

DesenlixARTE

Ao longo do curso escolar 2021/2022, tendo como tema central o coidado do medio ambiente, a aula de 4º de Educación Primaria desenvolveu o proxecto “DesenlixARTE”. O proxecto realizouse ao longo de todo o curso, habitualmente na sesión de plástica (1 sesión semanal), malia que en certas ocasións, o tempo estendeuse a algunha outra sesión.

Con este xogo de palabras pretendeuse que o alumnado fose quen de amosar actitudes de respecto a prol do medio ambiente sendo conscientes do lixo que xeramos e vendo, que na maior parte das ocasións, o que consideramos “lixo” pode ter moitas utilidades e pode ter unha segunda oportunidade para converterse en arte.

Polo tanto, o obxectivo xeral deste proxecto foi elaborar traballos de investigación nos que o alumnado, ademais de indagar cuestións relacionadas co medio ambiente e co seu coidado, se familiarizara cos mecanismos de busca de información e traballo intelectual empregando diferentes recursos documentais, tanto da biblioteca escolar como da biblioteca de aula.

Entre os obxectivos propostos ao inicio de curso, traballáronse os seguintes:

  • Coñecer o concepto de desenvolvemento sostible e  a súa importancia a través da educación ambiental.
  • Traballar de forma ampla a reciclaxe e a clasificación dos diferentes tipos de residuos: coñecer os conceptos de redución, reutilización, reciclaxe e recuperación.
  • Empregar os colectores de clasificación do lixo.
  • Empregar diferentes técnicas e materiais en desuso para darlles unha segunda vida e convertelos en obras de arte.
  • Desenvolver actitudes de respecto, protección e conservación do medio ambiente.

Polo que respecta aos contidos, desenvolvéronse:

  • O uso de diferentes textos para a procura de información e utilización da mesma como fonte de aprendizaxe e de lecer.
  • A identificación de cambios observables que se producen nos seres e na contorna máis próxima.
  • A valoración da biodiversidade e o interese pola súa conservación.
  • A intervención humana no medio.
  • A contaminación e o cambio climático.
  • A curiosidade por coñecer as posibilidades plásticas dos diferentes materiais.
  • A interpretación da información.
  • O uso responsable de ferramentas, materiais e espazos.

En canto á metodoloxía empregada, pretendeuse que o alumnado fose protagonista das súas aprendizaxes, favorecendo os intercambios comunicativos, a escoita activa de distintos puntos de vista, potenciando a autonomía e poñendo en valor as virtudes individuais.

Ademais, favoreceuse a posta en marcha de diferentes tipos de agrupacións para traballar: traballo individual, traballo en parella, traballo en pequeno grupo e traballo con todo o grupo clase; sempre fomentando os intercambios orais.

Para iso, utilizouse unha gran variedade de materiais e en distintos soportes (escrito, dixital, audiovisual) e dando prioridade sempre á expresión oral co fin de desenvolver no alumnado actitudes adecuadas para enfrontarse ao acto comunicativo.

Por último, cómpre destacar que sempre se pretendeu facer un traballo contextualizado – non só respecto á temática do P.D.I.- tendo en conta os intereses do alumnado e os contidos que foron traballando na aula ao longo de todo o curso.

A través do proxecto contribuíuse á adquisición das competencias clave e, especialmente, ao desenvolvemento das competencias sociais e cívicas, posto que os coñecementos desenvoltos e a aplicación dos mesmos por parte do alumnado na súa vida diaria, proporcionóullelas estratexias necesarias para favorecer e potenciar actitudes relacionadas co consumo responsable e co coidado do medio ambiente; estratexias imprescindibles para o seu desenvolvemento e a súa participación social. Contribuíu ademais ao desenvolvemento e adquisición do resto das competencias:

  • Comunicación lingüística (CCL): comprender  e expresar mensaxes de información xeral e de contido específico empregando a lingua con propiedade. Reflexionar sobre o funcionamento da lingua e apreciala como instrumento de acceso á información e como ferramenta de aprendizaxe en contextos diversos.
  • Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCT): adoptar actitudes críticas fundamentadas no coñecemento para analizar, de forma individual ou grupal, cuestións científicas e tecnolóxicas. Coñecer e valorar as interaccións da ciencia e a tecnoloxía coa sociedade e o medio ambiente con atención particular aos problemas aos se enfronta hoxe a humanidade, destacando a necesidade de busca e aplicación de solución que permitan avanzar cara lograr un futuro sostible.
  • Competencia dixital (CD): obter información sobre temas científicos empregando as tecnoloxías da información e  a comunicación e  empregar os recursos didácticos dixitais que estean ao alcance para obter información.
  • Aprender a aprender (CAA): adoptar actitudes críticas fundamentadas no coñecemento para analizar, individualmente o en grupo, cuestións científicas e tecnolóxicas, favorecendo a posta en práctica de técnicas para aprender, organizar, memorizar e recuperar a información.
  • Competencias sociais e cívicas (CSC): valorar os hábitos sociais relacionados co consumo e co coidado do medio ambiente, contribuíndo á súa conservación.
  • Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE): ensinar a tomar decisións, a planificar e xestionar proxectos de traballo transformando ideas en acción, afrontando problemas e aprendendo dos erros.
  • Conciencia e expresións culturais (CCEC):  coñecer outras culturais e sociedades ou formas organizativas diferentes para desenvolver actitudes de respecto pola cultura propia e pola dos demais.

Polo que respecta ás actividades realizadas, cómpre sinalar que todas as actividades estaban encamiñadas e relacionadas co fomento da expresión plástica. Ademais, todas as obras de arte realizadas, estaban relacionadas cos contidos de ciencias da natureza, o que nos permitiu facer versións de cadros famosos. Polo tanto, ademais dos contidos traballados na aula, o alumnado foi descubrindo e recoñecendo artistas de renome, valorando as súas creacións e axudándose de elementos reciclados ou de “lixo” para facer as súas versións. As actividades ou obras creadas foron as seguintes:

1º trimestre

  • Los girasoles de Van Gogh (as plantas)
  • La vis de Henri Matisse (as plantas)
  • El hijo del hombre de Magritte (as plantas)
  • Cabaza de Yayoi Kusama (Samaín)
  • Adornos de Nadal
  • Árbore de Nadal

2º trimestre

  • Máscara de peliqueiro (Entroido)
  • Disfraz (Entroido)
  • Mural de Keith Haring (os sentidos)
  • Maqueta do relevo de España (o relevo)

3º trimestre

  • Retrato cubista de Picasso (órganos dos sentidos)
  • Retrato cubista de Picasso (cara)
  • Mural de Keith Haring (aparato locomotor)
  • Mural de Keith Haring (órganos dos sentidos)
  • El verano 1563 de Giuseppe Arcimboldo

 

A señorita Bubble

No 3º trimestre, o alumnado de 4º de Educación Primaria traballou A Señorita Bubble escrito por Ledicia Costas e ilustrado por Andrés Meixide.

O libro conta como a xente da vila sentiu un odio repentino pola señorita Bubble desde o mesmo día da súa chegada. A inventora apareceu por sorpresa unha mañá solleira, conducindo un convertible que funcionaba a vapor, e instalouse naquela vivenda que levaba tantos anos deshabitada.

Repudiárona polo seu atavío, polos seus inventos, polo seu singular xeito de vivir. Ninguén sospeitaba o que en realidade sucedía no interior da mansión da señorita Bubble.

Actividade 1: Lectura

Lectura individual en voz baixa, lectura grupal en voz alta.

Actividade 2: Análise das personaxes

A presentación da personaxe protagonista e os comentarios que suscitou a súa chegada deu pé para traballar os prexuízos: entenderon perfectamente que as primeiras impresión son importantes, pero non definitivas e que, a mior parte das veces, as cousas non son o que parecen.

Actividade 3: Traballo de contidos da área de lingua

O texto serviu como práctica para traballar os contidos que estabamos dando na aula nese momento: os verbos (tempos verbais, conxugacións), pronomes, tipos de oracións.

Actividade 4: Ilustración

Os rapces realizaron debuxos das personaxes en diferentes situación e con diferentes calidades, o que nos permitiu afondar nos contidos relacionados cos adxectivo.

Actividade 5: Conclusión/valores

Despois da lectura fixemos un mapa conceptual sobre os valores que se poden extraer da historia.