Xuño 2015

Proxecto documental integrado

Mergullámonos nun mar de númerosNeste libro recollemos parte do traballo desenvolvido ao longo do curso 2014/2015 no PDI "Mergullándonos nun mar de números".

Asemade indicamos que a recopilación das actividades está organizada segundo indica a II Convocatoria de concurso de proxectos que convocou a Consellería de Educación.

A ver se hai sorte!!

 

Visita do alumnado do CEIP de Pazos de Reis

Galería de imaxes

O día 22 de maio o alumnado de 6º curso de Ed. Primaria realizou unha convivencia intercentros co alumnado do CEIP de Pazos de Reis de Tui. Con dito alumnado, levamos coordinándonos ao longo deste curso para comparar os datos metereolóxicos de Tui cos de Ourense.

Ata hoxe, só coñeciamos aos nosos compañeiros e compañeiras de Tui virtualmente, por fin lles puxemos cara!!

A viaxe para eles comezou moi cedo, pola mañá, transladáronse en tren desde Tui ata Ourense. Unha vez que chegaron ata o noso centro, fixémoslles de guía pola cidade de Ourense. Visitamos as fontes termais das Burgas e puideron comprobar en situ a temperatura á que emana a auga. Continuamos cunha visita ao casco histórico de Ourense con parada na Catedral e visita ao Pórtico do Paraíso. Continuamos polas rúas da zona vella para visitar a fonte da Praza do Ferro.

Comezamos o camiño de regreso, ata o noso centro, cunha parada de descanso na Praza de Vigo.

Unha vez que chegamos ao centro, xantamos todos xuntos na nosa biblioteca intercambiando impresións para coñecernos mellor

Antes de despedirnos, fixéronnos un agasallo, a todos e todas nós, polo que lles estamos moi agradecidos.

Foi unha experiencia xenial...

...Hai que repetila!!

Galería de imaxes

Concurso literario Manuel Sueiro

O venres 5 de xuño tivo lugar a entrega de premios da 2ª edición do Concurso literario Manuel Sueiro que organiza o CEIP Manuel Sueiro de Ourense.

O principal obxectivo deste concurso é introducir ao alumnado no pracer e gusto pola lectura, en tempos de lecer, buscando sempre que se asimile o que se le.

Nesta ocasión, o libro escollido foi o de "Historia de una gaviota y del gato que le enseñó a volar". Un libro que está escrito como unha fábula que critica o mal que se xestiona e coida o mundo. Nel trátanse valores como a amizade, lealdade, perseveranza, honor,.... e como na nosa vida se complementa o saber coa experiencia.

Na entrega de premios estiveron presentes: a Concelleira de Educación, Ana Garrido; o Inspector da Consellería de Educación, Roberto Cid Galante; o Director do CFR de Ourense, José Domínguez; membros do xurado Baldomero Moreiras (Pintor artístico) e José Ramón Fdez Morgade (Presidente do Círculo Poético ourensán. Asemade, tamén estiverón representados no acto todos os sectores da nosa comunidade educativa para acompañar aos representantes dos colexios que resultaron premiados nesta edición.

A elección dos  traballos premiados foi moi díficil para o xurado do Concurso debido á gran calidade de todos eles. Resultou gañador á "Mellor adaptación de obra literaria universal" o traballo realizado polo CEIP Curros Enríquez de Celanova. Segundo os membros do xurado, o que fixo que este destacase, ante os demais traballos presentados, foi a transformación que fixeron do libro orixinal, escrito en prosa, nun texto poético ilustrado.

O CEE O Pino tamén resultou premiado pola orixinalidade do traballo presentado.

Ao remate da entrega de premios, o alumnado do CEIP Curros Enríquez de Celanova fixo entrega dun agasallo á Directora do noso centro consistente en tres exemplares dun fantántico libro, titulado "A carballeira do tempo", que realizou o alumnado de 5º e 6º curso de Ed. Primaria de dito centro.

GALERÍA DE IMAXES DO ACTO

 Preme para ver a Galería de imaxes

Weather in Denver

Ao longo do curso, na área de inglés estivemos recollendo información do tempo metereolóxico que facía en Denver, USA.

Como actividade final a esta experiencia, fixemos de "homes e mulleres do tempo", meteorologos, cunha presentación en inglés ante os nosos compañeiros do cole.

No seguinte vídeo podedes observar que temos futuro nos telexornais para explicar o tempo.

Tal cual familiares do Pemán!!

Música & meteoroloxía

De todos é coñecida a  estreita relación que teñen os fenómenos meteorolóxicos coa música: A choiva ten a súa propia música; o sol é un estado de ánimo; o outono é melancolía e a primavera liberdade. A música tamén nos fala de choiva, tráenos lóstregos, sol, vento… aos oídos ou neve á cabeza.

Na área de música aproveitamos o proxecto para facer audicións de fermosas composicións musicais de xenios como Beethoven, Vivaldi ou a familia Strauss , entre outros…

No vídeo podemos observar un corte dalgunhas das sesións progaramadas ao longo do curso.

Exposición de viraventos no patio

No mes de maio, saímos ao patio con todos os traballos presentados ao concurso de aparellos meteorolóxicos para probalos co vento, e ver como se movían os viraventos e anemómetros. Asemade, comprobamos se funcionaban ben os molinillos de vento dando voltas con eles polo patio.

Ao remate da actividade fixemos unha exposición na zona destinada á caseta meteorolóxica con todos eles para que os puidesen observar todos os membros do barrio onde se atopa o cole.

Construíndo un anemómetro

En marzo celebramos o mes da Meteoroloxía no centro. Unha das actividades que organizamos consistiu en fabricar aparellos meteorolóxicos con materiais caseiros para realizar unha exposición dos mesmos na entrada do colexio.

Foron moitos os aparellos que realizou o alumnado, coa axuda dos seus familiares, sendo o predominante os viraventos, aínda que tamén nos achegaron pluviómetros e anemómetros.

No seguinte vídeo podemos ver as explicacións que nos da o pai dun alumno de Ed. Infantil sobre os pasos que hai que seguir para elaborar un anemómetro.

Este anemómetro foi colocado na caseta meteoróloxica que temos no patio do colexio, e que o alumnado de 6º curso de Ed. Primaria emprega para recoller diariamente os datos meteorolóxicos do Barrio das Lagoas. Ditos datos son actualizados, tamén diariamente, no blog "Estación meteorolóxica de Leo".

Exposición de imaxes meteorolóxicas

Exposición de imaxes

Unha das actividades que realizamos ao longo do curso foi a recolleita de imaxes de fenómenos meteorolóxicos que os membros da comunidade educativa nos ían achegando.

No mes de marzo, coincidindo co Día da meteoroloxía fixemos unha exposición nos corredores do colexio con todas as imaxes recibidas.

A verdade é que son espectaculares!!

 

Concurso "Falando de solidaridade"

O venres 15 de maio, asistimos á entrega de premios do II Concurso de debuxo, conto e relato “Falando de Solidariedade” convocado polo CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía no que resultou finalista na Categoría de Infantil unha alumna do noso colexio: Emma De Lorenzo Viljanen.

Nesta edición do concurso o tema eran historias solidarias en tempos de crise, no que o alumnado como protagonista fundamental do noso sistema educativo debía falar de valores como axuda, apoio, amizade, respecto, integración e compañeirismo entre outros.

Durante o acto puidemos desfrutar do Contacontos “O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa” da compañía TEATRO CALAVERA, do concerto na Colexiata  de Najla Shami con Héctor Lorenzo acompañandoa ca guitarra e a actuación de “As Maimiñas” que amenizaban a merenda popular no patio das escolas vellas.

Moitos parabéns para Emma e para o CEIP Padre Crespo pola excelente organización do evento.

Celebrando as Letras Galegas 2015

Galería de imaxes

Este curso, traballamos durante toda a semana o autor ao que se lle adica dito día : Xosé Fernando Filgueira Valverde con recursos que recopilamos no EDL.

Galería de imaxesFixemos unha "Pescuda do Tesouro". Que consistiu en darlle cada día unha pregunta aos alumnos/as de Ed. Primaria sobre a vida e obra de Xosé Filgueira Valverde para que pescuden e atopen a resposta nos cartaces feitos para dito autor pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e que se colocaron no corredor de primaria do centro. Repartironse as preguntas durante tres días e os alumnos que as contestaron ben,  entraron a formar parte nun sorteo que se fixo en cada grupo/ curso e o alumno/a que saíu gañador en dito sorteo recibirá un agasallo na celebración de fin de curso.

Asemade, tamén estamos a facer, un libro de palabras en galego. Cada alumno elixe unha palabra e a representa cun debuxo facendo unha breve descripción da mesma, ben sexa cun poema, dicindo que significado ten para él/ela, cunha estrofa dunha canción, comentando algo que lle resulta divertido ou chamativo sobre dita palabra, ca definición do diccionario,... O resultado está a ser espectacular. Cando teñamos o libro montado pasará a formar parte dos fondos da biblioteca.