Outubro 2015

No corazón do bosque

No corazón do bosque

O alumnado de 6º curso traballou ao longo do mes de outubro o libro de Agustín Fernández Paz titulado "No corazón do bosque".

Sinopse do libro:

Raquel ten nove anos e vive na cidade. Un día vai coa súa clase de excursión ao bosque das Fragas do Eume. De regreso na casa, descobre abraiada que se lle coou na mochila un ser vello e diminuto. É Derdrín, un trasno de máis de trescentos anos, que habitaba na fraga e non quería pasar o inverno só. Dille á nena que unicamente precisa conversación e algo de comida. Raquel acepta que se converta no seu hóspede secreto e ofrécelle para durmir a caravana das barbies.

A novela é a crónica dos meses que pasan xuntos, durante os cales Derdrín exercerá unha influencia moi grande na vida da nena, tanto no ámbito familiar como na escola. Unha historia tenra e cargada de humor, que reivindica a necesidade da fantasía e, tamén, a importante función que cumpren os antigos mitos en calquera sociedade.

Como actividade final de Animación á lectura, realizaron un concurso literario no que era preciso ter lido o libro para ter posibilidades de éxito e pasalo ben. O premio para os gañadores foi o libro de Fina Casalderrey "Ás de mosca para Anxo" que será o que se traballará nas próximas semanas na Hora de ler en 6º curso.

Esta actividade gústalle moito ao alumnado e os engancha á lectura en tempo de lecer.

Xa están desexando que chegue axiña o próximo concurso!!

Galería de imaxes

Galería de imaxes

Hora de ler 2015/2016

O alumnado das aulas de apoio no curso 2015/2016 está a traballar sobre lendas populares dentro do proxecto documental integrado "Galicia arredende a aventura".

No seguinte mural iremos reflectindo o traballo realizado ao longo do curso:

O claro do bosque

O claro do bosque

O alumnado de 2º. 3º e 4º de Ed. Primaria realzou un libro ilustrado sobre a lenda "O claro do bosque" de Mónica Hughes que entregou á responsable da biblioteca do noso cole para que pasase a formar parte dos fondos documentais da mesma.

Como todo bo libro, i este o é, ten unha película que reflicte o seu contido cunha calidade excepcional segundo os críticos do sétimo arte...

Día das bibliotecas escolares 2015

Día das bibliotecas escolares

O 23 de outubro celebramos no CEIP Manuel Sueiro o Día das bibliotecas escolares (un día antes, por ser sábado) coa presenza de varias personalidades da cultura ourensá, entre as que destacamos a Xosé Lois Foxo, fundador da escola de Gaitas da Deputación, e Baldomero Moreiras, artista plástico ourensán. Ambos atenderon amablemente as nosas peticións para darlle vida e publicidade ao proxecto documental integrado (PDI), baixo o título de “Galiza arrecende a aventura” e que este ano estamos a desenvolver no centro e co que pretendemos explorar diversas temáticas onde  Galiza é o referente: o camiño, as lendas, as meigas, os castros, a xeografía, a gaita, as herbas medicinais...

O alumnado de 6º curso fixo unha representación teatral no que puxeron en liza o traballo feito en anos pretéritos e o que cada clase vai traballar este curso. Ao remate, todo o público presente foi animado a participar nun karaoke moi aventureiro nos que as nosas mestres de práticas e de conversa en inglés fixeron de animadoras.Asemade, ao remate fixeron entrega dun manual do explorador que nos axudará no noso camiño como investigadores.

Baldomero Moreiras falounos do seu traballo como profesional das artes plásticas e animounos a ser creativos e amosar os nosos sentimentos por medio da arte.

Xosé Lois Foxo falounos do instrumento musical máis importante de Galiza, e dos galegos, ensinounos cales son as diferentes partes dunha gaita e xunto coa súa compañeira de traballo Marta fixéronnos un recital de tres pezas moi representativas da nosa música: A muiñeira de Chantada,….

A continuación o alumnado de 2º, 3º e 4º compartiron con todos nós o traballo que estiveron a facer na “Hora de ler” durante o mes de outubro e que consistiu na ilustración do conto “O claro do bosque” de Mónica Hughes e a presentación, en exclusiva, da curta que realizaron cos seus debuxos sobre este conto.

Galería de imaxes

GALERÍA DE IMAXES

Carlos Ruvalcaba e Belén Aramis Ceja no Sueiro

O 2 de outubro contamos coa presenza, na biblioteca do noso centro, dos poetas mexicanos Carlos Ruvalcaba e Belén Aramis Ceja, chegados desde o estado de Miochacan para participar no "VI encontro internacional de poesía" que tan ben organiza o Círculo de poesía Ourensán.

Ao longo de toda a semana estivemos pescudando información sobre a vida e obra destes poetas e todo o alumnado do centro traballou na "Hora de ler" o conto de Carlos Ruvalcaba titulado "A mariposa bailarina" que nos describe a viaxe que todos os anos realiza a bolboreta monarca desde os bosques de Miochacan ata Canadá en busca de alimento e bo clima.

Para recibilos, o alumnado de 5º curso, representou, con monicreques, a obra titulada "Una hambrienta oruga" sobre o ciclo de vida das bolboretas.

Ao remate da obra, dúas alumnas déronlle a benvida aos poetas coa recitaxe dun poema creado por nós.

Posteriormente o alumnado de 5º e 6º curso participou nun obradoiro de poesía que maxistralmente dirixiron os poetas mexicanos coa recitaxe de fermosos poemas e contos orixinais deles mesmos, entre os que destacamos o poema mi “Mi angel” que Belén lle dedicou a súa nai e o conto do “León e a súa sombra” co que Carlos nos ensinou que non lle hai que ter medo ás cousas que non lle hai que ter medo.

Durante o encontro, o alumnado someteunos a unha gran batería de preguntas que eles responderon amablemente ao longo de máis dúas horas que se nos pasaron rapidísimamente.

 


Descubrimos moitas cousas deles:


Que a súa comida favorita son os tacos e que de Galicia gústalle moito o marisco, que raro!!. Belén é a primeira vez que ven a España e Carlos traballou fai anos de corresponsal de prensa en Madrid para un xornal mexicano, e desde aquela fíxose un siareiro do Atlético de Madrid.

Chamoulles moito a atención a limpeza das nosas rúas e a pouca contaminación que se observa nas cidades.

Respecto ao clima, están encantados co clima de Miochacan xa que non é tan estremo coma o noso. Alí tamén chove moito, o que fai que teñan un clima moi húmido.

Ámbolos dous son poetas porque, para eles, a poesía é unha forma de expresar os seus sentimentos e o que pasa na vida ao seu redor. Carlos díxonos que el sinte necesidade de escribir poesía. Os dous nos confesaron que levan sempre un caderno para anotar todas aqueles sucesos que lles ocorren ao longo do día e lle producen inspiración. Se non o anotan, din que o esquecen.

O libro favorito de Belén é “Lámpara de sueño” de Leticia Cortés, e  Carlos díxonos que lle gusta moito a poesía do escritor portugués Fernando Pessoa.

Para rematar Carlos deixounos uns contos seus para que os traballásemos no cole: “La ranita muda” e un inconcluso que nos dedicou e que nós mesmos teremos que rematar.

Antes de despedirse, fixéronnos dedicacións personalizadas, a todos e todas os/as presentes, en marcapáxinas dos "VI encontros de poetas"

 

Galería de imaxes

Desde estas páxinas, dámoslle as grazas aos dous poetas polo seu tempo, e ao Círculo poético ourensán, xa que sen a súa colaboración estes encontros non serían posibles.

As bolboretas inundan o Sueiro

Galería de imaxes

Con motivo da visita dos poetas mexicanos Carlos Ruvalcaba e Belén Aramis Ceja a nosa biblioteca, ambos oriúndos do estado de Michoacan, famoso polos seus fabulosos santuarios dedicados á bolboreta monarca, o noso cole foi inundado por fermosas bolboretas que construíu o alumnado coa colaboración das súas familias para homenaxealos. A piques estiveron de soltar algunha bágoa...

Galería de imaxes