Encontros autores

O SEÑOR DO CASTELO

Contacontos_sabela

O xoves 24 e o mércores 30 de outubro o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro celebrou o Día das Bibliotecas acollendo unha actividade moi especial para todo o alumnado do centro: un contacontos titulado "O señor do castelo", levado a cabo por Sabela Gago. Esta iniciativa, que forma parte do programa de fomento da lectura, tivo lugar na aula de psicomotricidade e contou coa participación entusiasta de todos os nenos e nenas.

Desde o primeiro momento, o alumnado mostrouse completamente enganchado á historia, que os transportou a un mundo de fantasía e aventuras. As risas e os aplausos non cesaron durante toda a narración, e os pequenos participaron activamente, facendo preguntas e comentando as peripecias do protagonista. A emoción era palpable, e os rostros de alegría dos nenos reflectían o ben que o estaban pasando.

Sabela Gago, a contadora, soubo captar a atención dos pequenos con súa narración dinámica e interactiva, animando a todos a involucrarse na historia. Ao finalizar a actividade, os alumnos expresaron o seu desexo de repetir a experiencia, destacando que foi unha das actividades máis divertidas que realizaron ata o momento.

Os docentes do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro valoraron moi positivamente esta iniciativa, que non só fomenta o amor pola lectura, senón que tamén contribúe ao desenvolvemento da imaxinación e a creatividade dos nenos. Sen dúbida, esta xornada de contacontos quedará gravada na memoria dos pequenos, que xa están desexando que Sabela Gago volva ao seu colexio para seguir compartindo historias máxicas.

A comunidade educativa do CEIP Manuel Sueiro continúa comprometida co fomento da lectura e a creación de espazos onde a imaxinación e a diversión se entrelazan, sempre co obxectivo de ofrecer experiencias enriquecedoras aos seus alumnos.

24 de outubro de 2024

Galeria_fotos

30 de outubro de 2024.

Contacontos_sabela

 

Concerto de Daniel Minimalia

Celebramos a visita de Daniel Minimalia, primeiro galego en gañar un Grammy Latino

O pasado xoves 25 de abril, o CEIP Manuel Sueiro tivo o honor de recibir a Daniel Minimalia, quen fixo historia ao converterse no primeiro galego en gañar un Grammy Latino polo seu álbum instrumental. Durante a súa visita, Daniel cautivounos coa súa música, acompañado da súa inseparable "mellor amiga": ¡a súa guitarra!

Ademais de deleitarnos coa súa arte, Daniel compartiu cos nosos estudantes detalles fascinantes sobre a súa carreira e paixón pola música. Dende unha idade moi nova, a música foi a súa paixón, e todo o que logrou é o resultado dun traballo duro e dedicación. Daniel tamén nos ensinou a importancia de aprender dos fracasos para madurar e crecer como artistas e como persoas.

Unha das leccións máis poderosas que Daniel nos deixou foi a idea de que a música é un poderoso medio de comunicación que transcende as palabras, chegando directamente ao corazón de quen a escoita.

Como unha sorpresa emocionante, un dos nosos propios alumnos tivo a oportunidade de compartir o seu talento musical tocando a guitarra, inspirando a todos coa posibilidade de que entre nós poida estar o próximo gañador dun Grammy.

Esperamos que esta experiencia inspire ao noso alumnado a soñar en grande e a perseguir as súas paixóns con determinación e dedicación.

Grazas, Daniel, por compartir o teu arte e a túa historia con nós!

Xela, a superheroína de aldea

Éxito rotundo do encontro con Inma Soto no noso colexio!

O pasado 13 de abril, o noso colexio tivo o pracer de recibir á escritora Inma Soto, autora do libro "Xela, a superheroína de aldea", que estivemos traballando ao longo deste mes no club de lectura de 1º ciclo e 3º de Educación Primaria.

Na súa visita, Inma Soto deleitounos cunha narración amena e chea de vida do seu conto, na que o alumnado participou de forma activa grazas ao profundo coñecemento que xa tiñan da historia. A autora soubo captar a atención dos máis pequenos e transmitirlles a valiosa lección que se agocha tras as aventuras de Xela: a sorte que temos nas aldeas por contar con todos os recursos que necesitamos ao noso alcance.

Tras a narración, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de formular as súas preguntas a Inma, demostrando unha gran curiosidade e interese pola obra e a súa autora. Inma respondeu con entusiasmo a todas as preguntas, creando un ambiente distendido e enriquecedor para todos os presentes.

Como broche de ouro á visita, Inma asinou con dedicatoria persoal os libros e traballos realizados polo alumnado en clase, non sen antes darlles unha emocionante primicia: as aventuras de Xela terán continuación!

Desde o colexio, queremos agradecer a Inma Soto a súa amabilidade e proximidade, por nos ter regalado unha mañá máxica e por transmitir aos nosos alumnos e alumnas valores tan importantes como o amor pola lectura, a imaxinación e o respecto polo medio natural e rural.

Estamos desexando ler a continuación das aventuras de Xela!


RECURSOS PARA TRABALLAR NA AULA


ENCONTROS COA AUTORA "ALBA DE EVAN"

 

encontros

O xoves, 1 de febreiro, día de compadres, realizamos a actividade encadrada dentro da XXXV CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA, promovida pola Concellería de Educación do concello de Ourense, que leva por título Encontros co autor/a. Este ano os elixidos foron Alba de Evan e Xabier Domínguez os autores do libro “Segredos Soterrados” que previamente traballamos no noso Club de lectura nos meses de decembro e xaneiro.

O libro Segredos Soterrados narra unha aventura que viaxa á II Guerra Mundial e descobre a presenza nazi en Galicia, os tesouros agochados no subsolo e as tramas de corrupción que manexan o mundo. A historia comeza no campamento na que Anxela está a gozar en Muíños xunto con Sabela, Jorge e, por suposto, a gata Morriña. Mais, pronto, un misterio do pasado crúzase no camiño e dá paso a unha carreira contrarreloxo por descubrir a verdade e manterse a salvo. Que relación teñen unha mina abandonada, un avión dos Aliados e unha poderosa multinacional?

Alba de Evan presentounos o seu libro e permitiunos coñecer máis a fondo a través de todas as preguntas que lles fixemos e que nos fixo reflexionar. E para rematar as sinaturas dedicadas dos nosos libros. Foi un enorme pracer ter connosco a Alba de Evan e xa estamos agardando a que escriba o seu próximo libro.

encontros_col

 

Encontros o autor: Manuel Fontemoura

O luns 4 de decembro de 2023 visitou o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro o escritor Manuel Martínez, máis coñecido polo noso alumnado dos Clubs de Lectura de 5º e 6º de Educación Primaria, como Manoel Fontemoura, autor do libro A nena do vestido de flores, libro que traballarán ao longo do curso escolar 2023/2024. O libro A nena do vestido de flores conta a historia de Dania Vitoria, unha nena de once anos, sendo una nena normal soamente ten una pequeña diferencia con respecto aos seus compañeiros e compañeiras é unha nena Asperger. 

A sesión planificada polo equipo de Biblioteca consistiu na realización de cinco obradoiros centrados no teatro e nos contos populares.

A primeira das sesión realizouse co alumnado de Educación Infantil onde os contos foron o centro de interese.

A segunda das sesión realizouse con alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria onde os contos e a forma de contalos foi o centro de interese desta segunda sesión.

A terceira sesión foi co alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria iniciándoo ao alumnado no teatro e como tema central as diferenzas entre o alumnado.

A cuarta sesión foi co alumnado de 5º de Educación Primaria onde afondamos en distintas técnicas de dramatización e a importancia de traballar e visibilizar ao alumnado invisible e poder comprendelos e axudarlles.

A quinta sesión foi co alumnado de 6º de Educación Primaria continuando coa mesma temática e estratexias realizadas co alumnado de 5º de Educación Primaria.

O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria interesouse polo libro  A nena do vestido de flores.

Foi un día marabilloso onde o teatro e a visibilización dos compañeiros e compañeiras invisibles fíxonos reflexionar sobre o que non vemos por non fixarnos máis.

 

Encontros con Lois Pérez

O venres, 17 de marzo, realizamos a actividade encadrada dentro da XXXIII CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA, promovida pola Concellería de Educación do concello de Ourense, que leva por título Encontros co au-tor/a. Este ano o elixido foi o autor Lois Pérez que nos veu a falar do seu libro “A gruta da Torre” que previamente traballamos no noso Club de lectura nos meses de decembro e xaneiro.

O libro A gruta de Torre relata a historia de Lois que viaxa coa súa familia a pasar o verán a Ribadeo. Na torre vella da biblioteca dos Moreno o seu amigo Quique atopa un libro e dentro del un documento que fala dun pasadizo. Na investigación aparecen diferentes personaxes entre os que se atopa a foca “Cuquita” así como uns estraños sucesos no faro da Illa Pancha.

Lois Pérez presentounos o seu libro e permitiunos coñecer máis a fondo a través de todas as preguntas que lles fixemos e que nos fixo reflexionar. E para rematar as sinaturas adicadas dos nosos libros.  Foi un enorme pracer ter connosco a Lois Pérez  e xa estamos agardando a que escriba o seu próximo libro.

Encontros co escritor e editor Xabier Domínguez

No mes de maio tivemos a gran sorte de contar coa presenza de Xabier Domínguez, editor e escritor dun dos libros traballados no Club de lectura: Naturizo. O regreso das flores.

Neste encontro non só falamos do seu libro, senón que nos explicou o proceso laborioso que hai detrás de cada un dos libros que temos na nosa biblioteca: desde que está na cabeciña do seu autor ou autora, ata que chega ás librerías para ser mercado.

Luuume, a contada. Encontro con Andrea Freire.

O venres 6 de maio achegouse ao noso centro Andrea Freire, a autora de Luuume!, ilustrado por Laura Miranda Moreno e publicado por Antela Editorial, para facer a contada da historia de Misto, que está sempre enfadado, e que previamente traballaramos no Club de lectura de cuarto de Ed. Primaria ao longo do mes de abril.

Misto, cando sente rabia e malia que o intenta, non consegue controlarse. De feito, cada vez que o embarga a ira, acéndese e prende a chispa.

Tanto a súa familia (mamá Pinza e papá Tapón) como as súas amizades (Mestra Nobelo, Resorte, Botón e Parafuso) tentan axudalo, pero mentres Misto non sexa quen de xestionar a súa ira, non poderá autocontrolarse e gozar.

Despois da contada, Andrea realizou un obradoiro de relaxación mediante exercicios de respiración, ofrecéndolles aos rapaces ferramentas para o autocontrol.

Para finalizar, e en consonancia co PDI deste ano, fixeron ao protagonista do conto con materiais de aproveitamento.

Encontros con Andrea Maceiras

O venres, 4 de febreiro, realizamos a actividade encadrada dentro da XXXII CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA, promovida pola Concellería de Educación do concello de Ourense, que leva por título Encontros co autor/a. Este ano a elixida foi a autora Andrea Maceiras que nos veu a falar do seu libro “A folla azul” que previamente traballamos no noso Club de lectura nos meses de decembro e xaneiro.

O libro A folla azul relata a historia dun mundo verde así como  o fogar de moitas tribos indíxenas que viviron alí desde o inicio dos tempos. Relata a historia de Husu Aké, membro da tribo dos Tacaré, filla da Nai Terra e habitante do mundo verde.

Andrea Maceiras presentounos o seu libro a través dunha presentación que nos fixo reflexionar sobre a natureza. Logo tivemos a oportunidade de facerlle preguntas sobre o seu libro. E para rematar as sinaturas adicadas dos nosos libros.  Foi un enorme pracer ter connosco a Andrea Maceiras e xa estamos agardando a que escriba o seu próximo libro.

Encontros con Antía Yáñez: "Plan rescate"

O 19 de febreiro o alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria tivo un encontro coa autora do libro Plan de rescate, Antía Yáñez, natural de Burela, e que está publicado po Ed. Xerais.

No mes de decembro o libro foi facilitado a todo o alumnado deste cursos pola Concellería de Educación de Ourense para que o traballase na aula cos seus titores.

O libro que está ilustrado por Xiana Teimoy, gañou o III Premio Agustín Fernández Paz á igualdade 2020.

Antía cóntanos as aventuras de Xeila, Heitor, Aldán e Noela mentres traballaban na aula de apoio do seu colexio.

É unha divertida aventura na que hai escopetas, sangue, xuramentos e incluso un plan de rescate, pero tamén un chisco de amizade, camaradería, traballo en equipo e incluso algo de amor.

A idea que subxace detrás dun argumento aparentemente convencional é que calquera persoa pode resolver un misterio ou desenvolverse na vida, e que non ten sentido que menosprecemos a ninguén por non ser coma nós.

En definitiva, estamos ante un bo libro que fai que tanto as persoas pequenas como maiores gocen coa súa historia.

Distribuir contido