Encontros autores

Dedicatoria de Fran Alonso

O polifacético escritor Fran Alonso adicounos nas VII Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia que se desenvolveron no mes de novembro en Santiago de Compostela, o último dos seus traballos destinado ao público infantil: "Poemas birollos para ler cos ollos".

O alumnado de 6º curso, como mostra de agradecemento pola súa atención, dedícalle un poema recitado desde o recanto de lecer da nosa biblioteca... esperamos que lle guste.

 


Nova na páxina de Edicións xerais


 

A editorial Xerais publicou na súa web unha nova sobre a interpretación que fixemos do poema de Fran Alonso.

Mariángeles Ibernón Valero na nosa biblioteca

O venres, 7 de outubro, tivemos o privilexio de contar na nosa biblioteca coa poetisa murciana Mariángeles Ibernón Valero, grazas á colaboración do Círculo Poético Ourensán.

Os nenos e nenas do centro déronlle a benvida cos poemas "El sol perezoso" e "Helado de turrón" e cun elaborado por nós mesmos que chegou a emocionar á autora e a moitos dos presentes no acto ao soar a música de fondo do seu amigo Moy Gomar.

Durante o encontro, Mariángeles respondeu amablemente á morea de cuestións que o alumnado lle prantexou relacionadas coa súa vida e obra que previamente traballaran nas aulas. Ademais das moitas cousas que xa sabiamos dela, descubrimos que lle gusta o mar, pero que non sempre foi así... que a súa cor favorita é o azul... que comezou a escribir desde moi nova grazas ás ensinanzas da súa nai... o motivo polo que ás súas sobriñas lle chaman Tata chula... que o seu primeiro poema foi "La sirena"... que lle gusta a poesía de Quevedo... que estudou arquitectura, aínda que só exerceu para facer a súa casa...e o máis importante que se sinte moi feliz e non sabría vivir sen "as letras"...

Coa súa axuda, recitamos varios poemas do seu poemario "Me dibujas un verso". Como remate final do encontro, deixounos un encargo lírico que pronto vos mostraremos nesta web.

GALERÍA DE IMAXES


 

Mariángeles deu os "Buenos días" no seu Facebook dándonos as grazas pola acollida recibida na nosa biblioteca.


 

Mariángeles Ibernón Valero

IbernónO venres 7 de outubro a poetisa Mariángeles Ibernón Valero visitou a nosa biblioteca grazas á colaboración do Círculo Poético Ourensán.

Nace en Cehegín, Murcia, no ano 1967. Poeta, editora e xestora cultural.

Comezou a escribir sendo moi nena, sentada á beira da súa nai enferma de cangro, enfermidade que marcou a súa vida xa que quedou orfa moi nova e perdeu una irmá.

Autora do poemario “Susurrando palabras”, libro dedicado á súa irmá e que donou a beneficio da AECC; do libro de poemas infantís “Me dibujas un verso?”, poemario solidario cuxos fondos van destinados a un orfanato da India. A súas últimas publicacións son “69 huellas eróticas” e “Siempre es tiempo de cerezas”, este último dedicado ao seu pai.

Deuse a coñecer na revista dixital “Acantilados de papel”. Despois foi fulgurante a súa incorporación ás letras en revistas e libriños anuais.

Coordina na actualidade “Café con versos” en Murcia e a revista literaria “Con luz y poesía”.

Tamén imparte obradoiros de poesía a nenos, “Saca el poeta que llevas dentro”, introducíndoos á imaxinería poética.

Diariamente danos os bos días cun dos seus poemas, ela di que ao levantarse o seu primeiro pensamento é unha poesía.


 


MATERIAL PARA TRABALLAR EN CLASE


Carlos Ruvalcaba e Belén Aramis Ceja no Sueiro

O 2 de outubro contamos coa presenza, na biblioteca do noso centro, dos poetas mexicanos Carlos Ruvalcaba e Belén Aramis Ceja, chegados desde o estado de Miochacan para participar no "VI encontro internacional de poesía" que tan ben organiza o Círculo de poesía Ourensán.

Ao longo de toda a semana estivemos pescudando información sobre a vida e obra destes poetas e todo o alumnado do centro traballou na "Hora de ler" o conto de Carlos Ruvalcaba titulado "A mariposa bailarina" que nos describe a viaxe que todos os anos realiza a bolboreta monarca desde os bosques de Miochacan ata Canadá en busca de alimento e bo clima.

Para recibilos, o alumnado de 5º curso, representou, con monicreques, a obra titulada "Una hambrienta oruga" sobre o ciclo de vida das bolboretas.

Ao remate da obra, dúas alumnas déronlle a benvida aos poetas coa recitaxe dun poema creado por nós.

Posteriormente o alumnado de 5º e 6º curso participou nun obradoiro de poesía que maxistralmente dirixiron os poetas mexicanos coa recitaxe de fermosos poemas e contos orixinais deles mesmos, entre os que destacamos o poema mi “Mi angel” que Belén lle dedicou a súa nai e o conto do “León e a súa sombra” co que Carlos nos ensinou que non lle hai que ter medo ás cousas que non lle hai que ter medo.

Durante o encontro, o alumnado someteunos a unha gran batería de preguntas que eles responderon amablemente ao longo de máis dúas horas que se nos pasaron rapidísimamente.

 


Descubrimos moitas cousas deles:


Que a súa comida favorita son os tacos e que de Galicia gústalle moito o marisco, que raro!!. Belén é a primeira vez que ven a España e Carlos traballou fai anos de corresponsal de prensa en Madrid para un xornal mexicano, e desde aquela fíxose un siareiro do Atlético de Madrid.

Chamoulles moito a atención a limpeza das nosas rúas e a pouca contaminación que se observa nas cidades.

Respecto ao clima, están encantados co clima de Miochacan xa que non é tan estremo coma o noso. Alí tamén chove moito, o que fai que teñan un clima moi húmido.

Ámbolos dous son poetas porque, para eles, a poesía é unha forma de expresar os seus sentimentos e o que pasa na vida ao seu redor. Carlos díxonos que el sinte necesidade de escribir poesía. Os dous nos confesaron que levan sempre un caderno para anotar todas aqueles sucesos que lles ocorren ao longo do día e lle producen inspiración. Se non o anotan, din que o esquecen.

O libro favorito de Belén é “Lámpara de sueño” de Leticia Cortés, e  Carlos díxonos que lle gusta moito a poesía do escritor portugués Fernando Pessoa.

Para rematar Carlos deixounos uns contos seus para que os traballásemos no cole: “La ranita muda” e un inconcluso que nos dedicou e que nós mesmos teremos que rematar.

Antes de despedirse, fixéronnos dedicacións personalizadas, a todos e todas os/as presentes, en marcapáxinas dos "VI encontros de poetas"

 

Galería de imaxes

Desde estas páxinas, dámoslle as grazas aos dous poetas polo seu tempo, e ao Círculo poético ourensán, xa que sen a súa colaboración estes encontros non serían posibles.

As bolboretas inundan o Sueiro

Galería de imaxes

Con motivo da visita dos poetas mexicanos Carlos Ruvalcaba e Belén Aramis Ceja a nosa biblioteca, ambos oriúndos do estado de Michoacan, famoso polos seus fabulosos santuarios dedicados á bolboreta monarca, o noso cole foi inundado por fermosas bolboretas que construíu o alumnado coa colaboración das súas familias para homenaxealos. A piques estiveron de soltar algunha bágoa...

Galería de imaxes

 

 

Distribuir contido