Animación á lectura

CONTAVENRES "A PRINCESA REBELDE"

Co motivo da celebración do Día da Muller Traballadora, do 8 de marzo, lemos na nosa Biblioteca o libro "La princesa rebelde". Un texto de Anna Kemp que tira por terra todos os mitos e todo o que se espera das princesas. A nosa protagonista, en concreto, quere decidir a súa vida e non aceptar iso de ser "unha princesa de conto". 


CONTAVENRES "A GUERRA DOS NÚMEROS"

Esta vez, Paula e Antía, de 3º de Primaria deleitáronnos coa lectura de "A guerra dos números", un texto de Juan Darién, co que nos amosaron o perigoso e triste que son as loitas e o fermoso que é convivir en paz.

Moitas grazas, Paula e Antía. Fixéstelo moi, moi ben e estamos desexando escoitarvos outra historia!

CONTAVENRES "MARMELADA DE AMORODO" E "A RATIÑA FACHENDOSA"

Este foi un venres moi especial. No tempo de lecer na Biblio do cole non houbo un contavenres...   

... houbo dous! Nin máis nin menos ca dous. 

O primeiro correu ao cargo de alumnas de 3º. Noa, Lucía, Eva e Ale, coa axuda de Silvia, Karla e Ainoa, fixéronolo pasar moi ben escoitando "Marmelada de amorodo" de José Manuel Martos Sánchez. Resulta que había un rato chamado Papas Fritidas que odiaba o queixo e que devecía pola marmelada de amorodo. Pasámolo moi ben coa súa historia. 

Despois, Alejandra, de 4 anos, impresionounos contándonos con monicreques a historia de "A Ratiña Fachendosa". Fíxoo de marabilla, cantando incluso unha canción que falaba de todos os pretendentes da ratiña. Desde logo, se segue así, xa sabemos a que se vai dedicar no seu futuro.

Parabéns a todas estas contistas! e moitísimas grazas polo voso traballo!

CONTAVENRES"O LIBRO DOS PORCOS"

Este venres, á volta do Entroido, Lucía S., Antía G. e Ana Mª fixéronnos pasar un tempo moi, moi divertido coa lectura de "O libro dos porcos", de  Anthony Browne. 

Vimos que ao final, non era nada bo iso de deixar todo sen facer ou para que o faga sempre mamá. Aprendimos o importante que é compartir tarefas e responsabilidades tamén na casa, na vida de cada día.

Moi ben contado, mozas.

Grazas e a seguir así de animadas e animosas para facernos gozar coa lectura!

 

CONTAVENRES "XELO, O CARTEIRO"

Esta semana, Celia, Alba e Greta, presentáronnos un montón de animais acuáticos a través da lectura de "Xelo, o carteiro xurelo", de Enrique Mauricio Iglesias. Un xurelo moi especial que vai atopando distintos animais aos que sempre saúda con moita amabilidade, respecto e cariño.  A verdade é que representaron todas as escenas de marabilla (unhas auténticas actrices) e fixéronnos pasar un tempo moi ameno.

Moitísimas grazas e... xa estamos esperando a seguinte historia, mozas!

Parabéns!

 

CONTAVENRES "O NACEMENTO DO DRAGÓN"

Este venres, como estaba chegando xa o Día da Paz, lemos na Biblioteca "O nacemento do dragón", de Wang Fei e Marie Sellier. Un fermoso texto que nos fala da importancia de unir esforzos e usar as diferenzas para mellorar e non para pelexar para ver quen é mellor.

Descubrimos tamén a razón pola que o dragón é un animal moi querido na China; o animal da paz e da sorte, presente en todas as súas grandes celebracións.

Unha marabilla poder ler este libro!

Grazas a todos e todas quen compartistes este tempo connosco!

 

CONTAVENRES "GRISELA"

Hoxe, 19 de xaneiro, Antía, Rebeca, Valentina e Sara, de 2º B léronnos a historia de "Grisela", un conto de Anke de Vries, unha ratiña que un día decide ir probando con que cor estará máis fermosa. Vivimos unha viaxe por distintas cores e pasamos un tempo moi ameno.

Grazas, nenas. Fixéstelo moi, moi ben!

ANIMACIÓN LECTORA DE KALANDRAKA

O luns 15 de xaneiro, recén comezado o novo ano, tivemos no colexio a visita duns contadores de historias moi especiais da Editorial Kalandraka.

Viñeron cunha maleta cargada de historias e uns instrumentos musicais para poder cantar e contar os seus contos ao alumnado de 5 anos.

Da maleta misteriosa saíron "A horta de Simón", "Cores", "Un máis", "Un becho estraño" e outros libros que fixeron as delicias de todos e todas. Coa axuda do acordeón, un xilófono e as propias voces de nenos e nenas, vivimos unha experiencia moi amena e divertida.

Moitas grazas!

CONTAVENRES "CANTAS PINGAS NA CIDADE!"

Xa de volta, despois das vacacións de Nadal, Irene, Lúa e Claudia, 2º C chegaron con moito entusiasmo e contáronnos "Cantas pingas na cidade!", de Eva Montanari. Fixéono de marabilla e pasámolo moi ben contando pingas e facendo o seu son.

A pesar de ser moi novas, parecen xa unha verdadeiras profesionais.

Graciñas!

Powered by Drupal - Design by artinet