Animación á lectura

CONTAVENRES "LA OVEJITA QUE VINO A CENAR"

Xa a piques de rematar o curso, Zoe, Martina e Daniela, de 3º B, léronnos e interpretaron na Biblioteca "La ovejita que vino a cenar", de Steve Smallman. Un libro delicioso que nos axuda a entender que o amor e a dozura pode cambiar ata a un terrible lobo.

Fixérono moi ben, caracterizáronse para a a súa actuación e prepararon ata un decorado.  Desde aquí só podemos darlles as grazas e dicirlles que non deixen de amar a lectura.

Grazas, rapazas!

 

 

 

CONTAVENRES "RITA"

Este venres, Noa, Ale, Eva, Lucía, Martina e Silvia, alumnas de 3º de Primaria, contaron "Rita", de Chaundler Rachel, unha historia que nos fala dunha bolboreta un pouquiño imprudente que por non escoitar ás demais pasou un pequeno apuro. Menos mal que sempre hai alguén disposto a botar unha man! 

Prepararon debuxos, escenario e fixérono moi, moi ben. Dámoslles a noraboa e dicímoslles que sigan así, que son unhas contacontos fenomenais.

Grazas!

CONTAVENRES "A CABRA BOBA"

Hoxe, Laura, Ainoa, Adriana, Miriam, Lucía e Karla, fixéronnos pasar un tempo moi divertido coa lectura de "A cabra boba", de Pep Bruno. Fala dunha cabra que aparece subida a un tellado despois de buscala por toda a aldea e que conseguen levar ao seu sitio ofrecéndolle o que máis lle gusta.

Lérono e contárono moi ben, utilizando tamén uns monicreques que elas mesmas fixeron. Son unhas artistas!

Moitas grazas, mozas!

 

CONTAVENRES "UNHA PARELLA DIFERENTE"

Este venres, Hugo, Adrián e Borja, alumnos de 4º de Primaria, contaron "Unha parella diferente", de Daniela Kulot. Un libro moi divertido no que un crocodilo e unha xirafa axúdannos a caer na conta de que non importan o aspecto nin as diferenzas; o que verdadeiramente importante é quererse. 

Grazas, mozos! Sodes uns contacontos estupendísimos!

 

CONTAVENRES "TOMÁS O BROMISTA"

Hoxe, antesala do Día Internacional do Libro, Eva, Martina e Paula, de 3º B, leron "Tomás o bromista", un texto de Jorge Rico, que conta a historia dun rapaz ao que lle encanta gastarlle bromas aos demais, ata que un bo día...                   ... ocorre algo inesperado.

Fixérono moi ben e só podemos dicirlles que sigan así, sendo grandes "contadoras", así que, moitísimas grazas, rapazas!

Sodes estupendas!

 

 

CONTAVENRES "UNHA ÚLTIMA CARTA"

Este venres, alumnado de 2º de Primaria leu para compañeiros/as doutros cursos o libro "Unha última carta", de Antonis Papatheodoulou. Un libro que nos conta como un amable carteiro vai levando fermosas palabras polo mundo adiante, ademais de recibir unha estupenda sorpresa.

Fixérono moi ben e xa estamos desexando que repitan a experiencia.

Moitísimas grazas!

CONTAVENRES "OS BOLECHAS"

No primeiro venres deste último trimestre de curso, Daniela e Daniela (alumnas de 2ª de Primaria) e Lois e Mario (de 6º de Primaria) decidiron compartir con nós a lectura de dous libros da saga dos Bolechas, de Pepe Carreiro. Primeiro, as Danielas leron "Os Bolechas van á aldea", amosándonos moitas das cousas e dos animais que podemos atopar alí.

Despois, Lois e Mario, xa na cidade, leron "Os Bolechas van en ascensor", facéndonos pasar un tempo moi ameno.

Tanto as pequenas de 2º como os maiores de 6º foron uns verdadeiros contacontos, contando as historias con moito entusiasmo (que contaxiaron aos alí asistentes).

Só podemos darlles as grazas por este venres "bolecheiro" e dicirlles que se animen a contar algunha outra historia.

Sodes estupendas e estupendos! Moitísimas grazas!

CONTAVENRES "CONFUNDINDO HISTORIAS"

Ese venres, Daniela e Noa, dúas alumnas de 4º de Primaria deleitáronnos coa lectura de "Confundindo historias", de Gianni Rodari; un fermoso texto baseado no clásico de Carapuchiña, no que todo vai cheo de erros.

Pasámolo moi ben, e todo o público asistente interactuou de marabilla coas contadoras, que ademais fixeron uns bonecos moi fermosos para ambientar mellor a súa lectura.

Unhas verdadeiras profesionais! A seguir así!

Moitas grazas, rapazas!

CONTAVENRES "BEBÉ BIGOTES"

Hoxe, Eva e Lucía, de 3º de Primari, axudadas polo seu compañeiro Dani, fixéronnos pasar un tempo moi entretido coa lectura e interpretación do texto "Bebé Bigotes", de Patacrúa. Fala dun fillo que non é precisamente un bebé común.

Fixérono requetebén, así que dende aquí só podemos darlles os nosos parabéns e dicirlles que sigan animándose a seguir contando e lendo historias.

 

Moitas grazas, rapazas e rapaz!

Powered by Drupal - Design by artinet