A poeta carballesa Rosalía Fernández Rial vai participar este xoves 14 de marzo, às 16:30h., nunha nova sesión do Clube de Lectura do IES de Valga, onde se vai falar do seu libro Ningún amante sabe conducir. Trátase dunha actividade aberta a calquera persoa con interese na lectura. Rosalía Fernández Rial (Carballo,1988) é licenciada en Filoloxía e Doutora en didáctica das linguas e expresión dramática pola Universidade de Santiago de Compostela. Estudou e toca o acordeón, fai teatro e, sobre todo, escribe. A súa tese de doutoramento presentada na USC é Expresión dramática e teatral para a clase de linguas no ensino secundario. Para alén de Ningún amante sabe conducir, publicou os libros de poesía En clave de sol, Átonos, Vinte en escena, Contra-acción e Sacar a bailar.Tamén cultivou a narrativa en Bonus Track e o ensaio en Aulas sen paredes. Ningún amante sabe conducir Esta obra foi publicada pola Edicións Positivas em 2014. En palabras do crítico Xosé Manuel Eyré, “a riqueza simbólica trascende o poemario e áchase tamén inoculada na prosa poética e na teatralización, mais o poemario en si responde a unha concepción como road movie, que á súa vez é un subxénero que sempre se asimila á narrativa”. O Clube de Lectura O Clube de lectura quere facer un convite especial a todas as persoas da zona interesadas nas súas actividades –mesmo sen teren relación directa co centro- para formaren parte del. A única condición é ter interese e gusto pola lectura. Para este fin poden contactar co responsábel da Biblioteca, Miguel Fernández. |
|
Igualdade
Contidos sobre Igualdade
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- seguinte ›
- última »