Skip to Content

contador gratis para blog

1º PRIMARIA, 2º PRIMARIA, 3º PRIMARIA, Educación Física, Inglés, Música, Plástica, Relixión, AL, PT

As voces humanas

E unha entrada máis, esta está adicada ás voces humanas. Estudiamos no terceiro ciclo as voces de home: tenor, barítono e baixo e máis as de muller: soprano, mezzosoprano e contralto. Tamén sabemos que cando canta só unha persoa chámaselle solista, dúo cando son dúas, trío 3 e cuarteto 4. Cando canta moita xente é un coro ou un orfeón cando é moitísima xente. Normalmente en coros e orfeóns as voces clasifícanse en sopranos, contraltos, tenores e baixos. Aquí tedes algúns exemplos.

Comezamos polo máis grande entre os grandes, Luciano Pavarotti. Esta non é das miñas favoritas, pero sen dúbida das máis coñecidas del e das que captan máis a atención dos alumnos, sobre todo polo seu final.

Agora unha auténtica exhibición de Luciana Serra na famosísima Raíña da Noite da ópera de Mozart a Frauta Máxica. Os momento máis recoñecible está a partires do minuto 6 do vídeo, pero para gozar realmente da técnica desta sublime soprano non vos perdades o minuto 4.

No seguinte dúo pódese desfrutar do magnífico empaste de voces entre unha mezzosoprano e unha soprano. Unha peza tamén moi coñecida, o Dúo das Flores de Lakme de Delibes.

Imos falar de coros. De coros numerosos e cantando ben forte, que parece é o que lle gusta aos nosos nenos. Que vos parece o Carmina Burana de Carl Orff. Poñede o vídeo a partir do minuto 1. E bos planos do coro cantando a partir do minuto 2. Neste vídeo tamén hai bos pizzicatos de vilolín, timbais, gong e uns cambios moi ilustrativos de pianos e fortes súbitos. A partir do minuto 4:10, no Fortune Plango Vulnera podemos escoitar as voces masculinas do coro.

A frauta máxica

A Frauta Máxica é unha sublíme ópera de Mozart. Perfecta para achegarse a este xénero tan controvertido entre os alumnos. Hai que perderlle o medo e aquí tedes un bo xeito de comezar: Xogando cos instrumentos.

Mozart: Overture to The Magic Flute by necmusic


Un paseo en zorra - Leroy Anderson

Semella que vén a neve, non si?... Ademais, o Nadal está preto. Aquí tedes unha audición propia destas datas. O compositor Leroy Anderson compuxo esta peza musical titulada "Paseo en zorra". Unha zorra é un vehículo típico nos países onde a neve é moi frecuente.... Non é unha raposa!

A ver se adiviñades que tres instrumentos musicais tentan imitar outros tres que se empregan neste tipo de vehículos. Dous escóitanse ao principio e outro, no medio da audición.

Podedes escoitar 3 versións para comparar e comprobar que un mesmo tema pode dar moito de si... Ademais os vídeos están moi ben!

 Versión 1: Esta fermosa versión para piano de Emile Pandolfi, cun son puro e limpo...

Versión 2: Unha versión na voz de Harry Connick Jr. con acompañamento estilo big-band anos cincuenta...

Versión 3: Outra versión cantada, esta vez, por unha das mellores voces femininas do jazz, Ella Fitzgerald:

Xa me diredes á volta de Nadal que versión vos gustou máis... ou quizais preferides a orixinal... Falaremos...!

O outuno - Vivaldi

Vivaldi compuxo catro concertos para violín e orquestra adicados ás catro estacións. O concerto en Fa maior describe un ambiente labrego festivo que celebran as boas colleitas.

A música tamén pode suxerir moitas outras cousas. Cada un pódelle poñer as imaxes que máis lle gusten. Aquí tedes como Isidro Vidal ilustra esta fermosa música:

Otoño
View more webinars from Isidro Vidal

Interpretación divertida

Acabou o curso 2008-2009 e chegan as vacacións... Aínda así, é tempo de música... As festas, as romarías, as bandas de música, as orquestras de baile, os gaiteiros, os concertos... a música vai soar sen parar este verán. Espero que a disfrutedes e que escoitedes con atención todo tipo de música: sempre atoparedes algo que vos faga pasalo ben... Bo verán!

Como despedida, déixovos aquí un vídeo moi divertido no que dous pianistas teñen unha forma moi "peculiar" de tocar a Rapsodia húngara nº 2 de Listz. Un dos músicos, o que está á dereita, é Víctor Borge, un gran pianista dinamarqués que de pequeno tocaba moi ben e que  se adicou a dar concertos por todo o mundo e, ademais, realizaba actuacións nas que o obxectivo era pasalo ben e facer rir ao público coas súas excelentes interpretacións...

A voz humana

A nosa voz sirve para comunicarnos cos demais e tamén para facer música. É un instrumento perfecto. Ademais, non é posible esquecelo, como soe pasar coa frauta...

Iso si, temos que tratalo ben, coidalo, mantelo con boa saúde. Xa sabedes:

  • Evitade berrar pois isto causa afonía e dana as cordas vocais. Falade cunha intensidade máis ben suave...
  • Evitade as bebidas moi frías e moi quentes.
  • Evitade coller fríos e estar entre correntes de aire.

Na larinxe están as cordas vocais, uns musculiños que se xuntan para vibrar cando pasa o aire. Se queredes ver como funcionan, podedes ver este vídeo:

Tamén precisamos dos pulmóns como reserva de aire; o diafragma e os músculos intercostais para inspirar e espirar (respirar) e órganos resoadores que amplifican e modifican o son producido nas cordas vocais. Os órganos resoadores son a farinxe, o padal, a boca, a lingua, o nariz, o veo do padal...

A voz das rapazas e dos rapaces aos que aínda non lles cambiou a voz chámase voz branca. A voz dos adultos ten unha clasificación por xénero (femininas e masculinas) e por altura. Aquí tedes un cadro para coñecer esta clasificación das voces , con exemplos musicais...

A novena sinfonía de Beethoven

Beethoven foi un compositor crucial para a evoluciión da música. Empezou sendo un compositor dentro do Clasicismo de Mozart ou Haydn, pero rematou as súas últimas obras xa dentro dunha estética propia do Romanticismo. Aquí tedes unha pequena biografía.

Compuxo multitude de obras para instrumento solista, música de cámara, voz, unha ópera e música orquestral. Dentro desta última destacan as nove sinfonías. A novena sinfonía aporta unha grande novidade: o emprego da voz nunha obra sinfónica. Utiliza voces solistas e un coro ao final da sinfonía. De aquí realizouse un arranxo que chegou a ser o Himno de Europa e que nós tamén coñecemos coma o Himno da alegrí­a.

Hai uns anos, a película Copiyng Beethoven reflexaba a vida e obra do compositor a través da historia dunha copista (persoa que pasa a limpo copiando traballos en borrador) de partituras que axudaba a Beethoven. Aquí tedes un vídeo da Novena Sinfonía onde podedes ver ao director, que é Beethoven, que xa estaba case xordo, dirixindo coa axuda da copista.

Teclado virtual

Con este teclado virtual podedes experimentar diferentes aspectos que traballamos na clase de música:

  • As escalas
  • As alteracións: sostenido e bemol.
  • O timbre: diferentes instrumentos que se poden tocar co teclado.
  • A melodía: tocando melodías coñecidas, cancións de frauta.
  • Inventar cancións e melodías. 

Lembrade que as notas en Inglés teñen esta correspondencia en Galego:

C - DO; D - RE; E - MI; F - FA; G - SOL; A - LA; B - SI

As teclas brancas corresponden aos sons naturais; as negras, aos sons alterados (sostidos e bemoles). Fixádevos que entre E-F (mi e fa) e B-C (si e do') non hai tecla negra, porque hai un só semitón.

Os Toureiros - Carmen - Bizet

Estes días andamos a escoitar a obra Os toureiros, que é o primeiro anaco de música que aparece na Suite nº1 de Carmen, do compositor francés Bizet.

Se queredes coñecer máis sobre Bizet, a súa vida e a súa música, premede nesta ligazón.

Podes escoitar esta audición e ver como toca a Orquestra Filarmónica de Berlín dirixida por Claudio Abbado:

Distribuir contido


by Dr. Radut