O Cole de Cea xa está subscrito ao novo xornal "O Papagaio"!!
Trátase dun xornal en papel, integramente en galego,dirixido especialmente aos nenos e nenas de Primaria e Secundaria. Ten periodicidade mensual.
Os seus responsables destacan que a sección de ciencia e tecnoloxía estará asesorada por científicos/as e será presentada por un personaxe fixo: Simio o científico. De igual xeito, a sección de Ecoloxía contará tamén co asesoramento de profesionais e nel trataranse temas relacionados coa agricultura ecolóxica, a bioconstrución ou a reciclaxe. Os temas irán acompañados dun experimento que os e as lectoras poderán poñer en práctica.
Na sección de arte, un pintor chamado Pierrot explicará os segredos dos principais movementos pictóricos da historia; este apartado inclúe a proposta dun exercicio práctico sobre o estilo en cuestión. Dentro do obxectivo de fomentar a integración, aparece a sección Pratos para compartir culturas, que achega receitas de distintos paises. No apartado de Natureza terá un papel destacado "a fabulosa fauna lectora do noso hábitat", que relacionará as distintas especies animais autóctonas coa literatura universal; e, de igual xeito, incluirarse a sección SOS Especies ameazadas, na que os animais en perigo de extinción trasladarán as súas queixas a través dunha carta.
Tamén se inclúe unha sección fixa de banda deseñada, protagonizada por Wifi, un can intergaláctico que vive intensas aventuras nos distintos universos paralelos que nos rodean. E unha tira humorística, Viladenihil, con temática de ciencia ficción social.