Luume!

Durante a metade 2º trimestre, o alumnado de 4º de Educación Primaria traballou o libro Luuume! escrito por Andrea Freire e ilustrado por Laura Miranda Moreno para Antela Editorial.

Este álbum ilustrado narra a historia de Misto, achegándonos á súa personalidade. O pequeno Misto está sempre enfadado. Cando sente rabia e malia que o intenta, non consegue controlarse. De feito, cada vez que o embarga a ira, acéndese e prende a chispa.

Tanto a súa familia (mamá Pinza e papá Tapón) como as súas amizades (Mestra Nobelo, Resorte, Botón e Parafuso) tentan axudalo, pero mentres Misto non sexa quen de xestionar a súa ira, non poderá autocontrolarse e gozar.

Este magnífico álbum presenta – de forma moi atractiva- valores tan necesarios como o autocoñecemento e o autoconcepto, imprescindibles para conseguir a aceptación da propia personalidade e un autocontrol das emocións.

Non estamos ante un “típico” libro de emocións, pois tanto historia, como a selección de personaxes (obxectos da vida cotiá), a tipografía e as ilustracións, axudan a achegarse de forma sinxela e motivadora a temas difíciles de explicar e de comprender.

Actividade 1: Lectura

Lectura individual en voz baixa, lectura grupal en voz alta e lectura grupal dramatizada.

Actividade 2: Emocións e autoconcepto

Análise do contido da historia para traballar diferentes emocións e ideas como o autoconcepto e mecanismos de autocontrol.
Traballamos ademais a expresión plástica para plasmar como se vían eles mesmos cando estaban rabiosos e desenvolvemos mecanismos para intentar autocontrolarse e recuperar a calma.

Actividade 3: Análise das personaxes

Análise das personaxes para chegar ao concepto de autoaceptación das características propias de cada un. Elaboraron un libriño coas personaxes do conto.

Actividade 4: Contacontos e taller coa escritora do conto

Como actividade final, o alumnado de 4º asistiu a unha sesión na que a escritora do libro veu facer unhacontada. Despois, fixeron un taller sobre “autocontrol” no que traballaron a respiración e o autocontrol e elaboraron á personaxe principal da obra, Misto, con materiais de aproveitamento.