Iniciar sesión: Acceso

Educación Infantil, Aula de 3 anos

VIVENCIANDO OS SENTIDOS

Boas familias! Risa

Esta semana continuamos cos ambientes de aprendizaxe de Samaín que xa vos ensinamos, rotando polas diferentes aulas.

Tamén seguimos traballando os sentidos, comezando por repasar o sentido da vista, facendo xogos de atención de atopar debuxos iguais, elementos agochados nunha imaxe e  intrusos dentro dunha categoría.

Para o olfato tiñamos que ulir botes con diferentes olores: esencias, suavizante, especias, alcohol... algúns ata foron capaces de adiviñar o que era!

Para o gusto, probamos diferentes sabores: amargo, doce, salgado e ácido. Sentimos as nosas papilas gustativas e identificamos que sabor era o que mais nos gustaba.

Para traballar o oído, fomos o ximnasio cos compañeiros/as de 4º de Infantil para facer diferentes propostas que podedes ver a continuación: identificación da fonte sonora cos ollos tapados e o xogo das estatuas e dos aros, bailando ó ritmo da música e quedarnos quietos cando esta se paraba.

Despois en clase, fixemos un xogo de discriminación auditiva de sons cotiás, adiviñando de que se trataba cada son.

Por último, o tacto: pegañento, suave, áspero, rugoso..., para elo empregamos as nosas mans con diferentes propostas por equipos: tocar diferentes texturas, xogos de atopar a figura igual ó tacto (sen mirar, por suposto) e bandexa sensorial de boliñas.

E... sorpresa! tamén aprendimos que podemos percibir as texturas cos nosos pés. Tiñamos que camiñar por unha alfombra cunha morea delas!

Logo destas propostas sensoriais e cos 5 sentidos xa aprendidos, creamos un flipbook para recoller o que traballamos: picamos, pegamos, escribimos, repasamos... traballando a motricidade fina e a lecto-escritura.

Por outro lado, na proposta de debuxo do conto, esta semana limos El árbol de la amistad, un conto que trata sobre o valor da amizade e de xogar todos xuntos, xa que cando facemos boas accións a árbore da amizade crece e cando nos peleamos, quedase sen follas. 

Tamén en valores limos El hilo invisible, facendo referencia aos fíos que teceramos a semana pasada na actividade. O conto, trata sobre os vínculos que establecemos coas persoas que mais queremos, polo que despois cada un debuxou a quen estaba conectado por ese fío e o compartiu cos demais. 

Para rematar, dentro das propostas de lóxico-matemática, traballamos o conteo coas tarxetas das partes do corpo, repasando así tamén os conceptos que aprendimos durante este proxecto que estamos a desenvolver.

Tamén caldeiros para atopar, contar, e rexistrar elementos de Samaín, traballando o conteo, a atención e a grafía dos números. Encántanos traballar cos rotuladores borrables!

E a bandexa de pasta con formas terroríficas, para clasificalas nos vasos segundo a súa forma: traballando a pinza e a forza das nosas mans, disriminación, coordinación óculo-manual, concentración, atención...

Ata a próxima semana!Sorriso

NOVEMBRO E NOVIDADES

Ola familias!!

Esta semana traemos novidades Guiño

O luns comezou o mes de Novembro, e tocou facer o rexistro do tempo do mes pasado: contamos os aneis, rexistramos e comparamos. Todo un traballo en equipo para desenvolver a nosa competencia matemática.

Iniciámonos nas simetrías, facendo unhas de outono que podedes ver a continuación. Cos debuxos de simetría melloramos as nosas habilidades de observación, concentración, pensamento lóxico e espacial e a resolución de problemas. Tamén traballamos a lectoescritura escribindo as palabras coa axuda da profe.

 

Proxectamos na pantalla dixital o conto ‘’Corre, corre cabaciña’’, un clásico que nos gusta moito, sobre todo pola súa canción e despois seguimos a traballar o debuxo, facendo un do conto.

 

O martes iniciamos os ambientes de aprendizaxe de Samaín, onde iremos rotando estes días polas tres aulas, en grupos mixtos de 3, 4 e 5 anos. Na nosa clase fixemos as seguintes propostas:

Bandexa sensorial de arroz tinguido e arañas. As bandexas sensoriais, ademais de ter un efecto calmante, nos axudan a estar concentrados e a aprender sobre o mundo que nos rodea manipulando e xogando. Tamén estimulamos os sentidos e a nosa motricidade fina.

No reto temos que conseguir facer unha cabaza con pompóns seguindo o modelo, fomentando así a concentración e a motricidade fina.

Na proposta de arte, empregamos a técnica do collage para crear os nosos monstros, unindo ollos, cornos, brazos, pernas… ata lles puxemos nome!

En lectoescritura, traballo do vocabulario de Samaín e da conciencia fonético-fonolóxica, identificando a primeira letra de cada palabra e atrapando o seu morcego correspondente.

En vida práctica: facer zume de laranxa! Empregar as nosas mans para cortar, exprimir… nos axuda a desenvolver a forza, a prensión e a motricidade fina. Por suposto, despois o probamos, porque cando un o fai, sabe mellor! Canso

Para desenvolver a lóxica-matemática, facer apócemas de bruxa. Hai que fixarse ben na receita e coller coa pinza os ingredientes necesarios. Así traballamos o conteo, a identificación da grafía, a atención e a motricidade fina.

Nos minimundos, xogamos coa casiña do terror, ambientada do máis terrorífica: ratas, arañas, insectos, esqueletos, bruxas, gatos, pantasmas…; e no xogo simbólico, un recanto dos disfraces. Que ben o pasamos!

O mércores, no Programa de Estimulación da Linguaxe Oral (PELO), xogamos as adiviñas de outono e a un xogo de cartas chamado Yo tengo, quién tiene...? no que hai que repartir as cartas de xeito equitativo e ir colocando as cartas segundo indiquen os debuxos, traballando así a articulación e o vocabulario.

A Profe Inés e os seus nenos/as, sorprendéronnos cunha clase de ioga, na que aprender a relaxarnos e a ser conscientes do noso propio corpo, así como aumentar os tempos de atención e memoria. Tiñamos un xogo de cartas no que habia que tirar da ruleta e coller a carta segundo a cor indicada. En cada unha explicaba unha postura de ioga a realizar. Non se nos deu nada mal, e pasámolo tan ben que quizais o fagamos máis veces na nosa clase! Grazas Profe Inés!

E na clase de valores comenzamos a traballar a empatía. Fixemos unha dinámica grupal cun nobelo de la, na que cada neno dicía algo positivo de sí mesmo ou algo que lle gustara, e lle lanzaba o nobelo a outro compañeiro/a. Ó final, tecimos unha tea de araña con fío vermello, establecendo conexións entre uns e outros, e aprendendo que non a todos nos gustan as mesmas cousas ou sí.

O xoves celebramos o Magosto no cole. Fixemos unha morea de xogos populares interniveis, cos compis de Educación Infantil e Primaria: salto da serpe, corda, chave, raiola, peón, chapas, canicas, zancos... pasámolo xenial, moitas grazas ó Profe Roberto por preparalos! 

E seguindo coas tradicións, por suposto non podía faltar o castañeiro! Comimos castañas asadas con leite e desfrutamos dunha merenda en grupo Sorriso

   

Para rematar, ao chegar a nosa aula, fixemos uns debuxos do Magosto e do castañeiro.

O venres despois da asamblea, comezamos a traballar os cinco sentidos, dentro do noso proxecto do corpo humano. Empezamos polo sentido vista, así que fixemos diferentes propostas por equipos cos nosos amig@s de 4º de Infantil para traballala: xogos de asociación sombra-figura, xogo de pesca para a coordinación ollo-mano e unha proxección de sombras do Samaín... canto podemos percibir grazas a nosa vista!

  

  

Tamén continuamos o proxecto de Venezuela, aprendendo como se chaman os seus habitantes e cal é a súa lingua.

E ademais, na clase de arte, traballamos o grafismo creativo a partir dunha árbore de outono, facendo a silueta con cores e decorando o tronco con puntillismo.

Seguimos a vindeira semana,

Boa finde familias!! Risa

XA ESTÁ AQUÍ O SAMAÍN

Ola familias!!

Aquí estamos outra semana máis para ensinarvos o que fixemos na clase de 5º de Infantil Sorriso

No proxecto do corpo humano, lembramos as cousas que aprendimos coa charla de María sobre os bebés, e fixemos entre todos na asemblea o ciclo da vida: tiñamos que colocar as fotos por orde, dende o óvulo e o espermatozoide ata o bebé fóra da barriga. Tamén aproveitamos e lemos algúns dos contos que nos deixou.

Ademais, a profe púxonos unha chea de fotos mesturadas de nenos e nenas, de bebés e maiores... Eramos nós!Sorprendido. Debatimos sobre como imos cambiando co paso do tempo e xogamos a atopar as fotos dos compis. Gustounos moito ver as nosas fotos de cando eramos bebés e ensinarllas aos nosos amigos e amigas!.

Despois, tamén ordenamos as nosas fotos e fómolas pegando para crear a secuencia ''Así fun medrando''.

Seguindo coa proposta do proxecto, para comprobar canto crecemos, tiñamos un reto: buscar o número que aparece no noso zapato. 

Descubrimos que non todos temos o mesmo número de pé, e así o fomos rexistrando na pantalla. Iso permitiunos establecer comparacións sobre quen tiña a talla máis grande ou a máis pequena, así como atopar as tallas iguais. Unha maneira máis divertida e vivencial para traballar á vez os contidos de lóxica-matemática.

Despois rexistrámolo sobre o papel, facendo a silueta da nosa pegada e decorándoa con rotus como máis nos gustaba, e por último, tiñamos que atopar as gomets cos nosos números e pegalas.

   

Esta semana tamén tivemos tempo para facer moitas propostas de debuxo. Empezamos facendo a secuencia do esquema corporal do mes de Outubro e algún ata xa se atreveu a recortalo soíño!, despois, pegámolo sobre o fondo de outono que fixeramos a semana pasada.

  

E fixemos debuxos de contos. Esta semana lemos dous de Samaín, unha temática que nos encanta: El fantasma de las bragas rotas e Guapa.

E xa que falamos do Samaín, sabedes que? Apareceron elementos terroríficos na nosa clase!: grilanda de cabazas, luces de pantasmas, esqueletos, bruxas, e bechos e caldeiros no minimundo...

Nós tamén queriamos decorar, así que na clase de arte fixemos uns monstros con manchas de pintura. Para darlles forma tiñamos que soprar por unha palliña, traballando á vez o control e intensidade do sopro e a respiración.

Cando secaron, pegámoslles os ollos e fixémoslles unhas bocas terroríficas, e xa só quedaba pegalos na nosa porta. Que chula nos quedou!

Outra das propostas da clase de arte consistía no grafismo creativo: decorar vendas da momia con diferentes trazos segundo o número que nos tocaba no dado: subitización, psicomotricidade fina, toma de decisións, grafía dos números, lóxica-matemática...

E seguimos xogando e aprendendo en equipo con diferentes propostas de Samaín:

Actividades de ABN na pantalla dixital e tarxetas de conteo, para traballar a lóxica-matemática: cálculo e asociación de grafía-cantidade.

   

Lince, Memory de Samaín e Torres con cabazas: desenvolvemos o vocabulario básico relacionado e traballamos a atención, a memoria... prerrequisitos básicos para despois desenvolver a linguaxe oral e escrita.

Tarxetas de vocabulario e letras móbiles para formar palabras de Samaín, traballando así a lectoescritura.

E por último, un xogo en gran grupo: Kabooh de Samaín!, unha adaptación do xogo de cartas Kaboom, no que un a un vai collendo unha carta, pero se che toca a carta da bomba tes que darlle todas as túas cartas ó compi que tes á dereita; e ó final, gaña o xogador que teña máis cartas.

Traballamos o xogo en equipo, tempo en espera, vocabulario, razoamento básico, cálculo para saber quen gañou, e tamén a frustración, xa que aínda que a todos gústanos moito gañar, non sempre se pode; pero xa aprendimos que o importante é pasalo ben cos amig@s!

No proxecto de Venezuela, esta semana coñecemos a moeda que utilizan. Aprendemos que nós utilizamos euros e eles unha moeda chamada Bolívar. Entre todos escribimos a palabra e coloreamos: traballo en equipo!.

Na clase de valores, rematamos as propostas sobre a verdade e a mentira recoñecendo imaxes establecendo se eran verdade ou mentira, traballando así a comprensión. Despois cada un de nós tiña que decir unha frase e os demais adiviñar se era unha verdade ou unha mentira, e finalmente fixemos uns debuxos de cousas que son mentira: como unha pelota cuadrada ou un amorodo azul.

E o día 24 foi o día das bibliotecas escolares e fomos á biblioteca do cole cos amigos de 3 e 5 anos para facer unha formación de usuarios. A profe Andrea explicounos as normas básicas da biblioteca e déronnos unhas tarxetas para poder colocalas cando collamos un libro para ler. Moitas grazas!

E grazas tamén aos compañeiros de 3º e 4º de primaria, que o venres montaron un mercadillo de Samaín no que vendían moitas cousas creadas por eles para un proxecto que levarán a cabo... ata había un photocall e un posto para pintar as uñas. Gustounos moito ir visitalo e démoslles os parabéns polo esforzo realizado.

Ata a semana que vén familias! Que vos prometemos que será curta pero moi moi intensa... jejeje A que dixen

SEMANA DE SORPRESAS

Ola familias!

Aquí estamos unha semana máis con cousas novas que ensinarvos Sorriso

Dentro das propostas de lóxico-matemática, traballamos por equipos, sempre cambiando de xogos para que todos puidésemos participar en todas as propostas:

1. Ourizos para identificar a grafía dos números do 1 ao 10 e colocar tantas pinzas como indicaban. 

2. Lanzar o dado e coller tantos elementos de outono como puntos marcaba o dado.

3. Colocar tantas bolitas de plastilina como o número que marcaba o cogomelo.

4. Tarxetas de cálculo con vocabulario de outono.

5. Series lóxicas de 2 a 4 elementos con vocabulario de outono.

En lectoescritura seguimos traballando as nosas iniciais e as vogais. Coas casiñas, traballamos a conciencia fonético-fonolóxica e a discriminación auditiva, xa que tiñamos que colocar cada tarxeta no seu lugar, fixándonos moi ben como soaba a primeira letra...

Ademais, potenciamos o traballo en equipo, o tempo en espera e o respecto á quenda d@s compis.

O martes, foi o día das escritoras, e recibimos unha carta sorpresa dunha delas, con moitas pistas para adiviñar quen nola mandou: Paula Merlán!!. Así que fomos á biblioteca cos nosos amigos da clase da Profe Inés para atopar algún conto dela e poder gozar da lectura todos xuntos.

Na nosa clase tamén lemos o conto de sopa verde e despois fixemos o debuxo do mesmo. O protagonista era un coello que lle encantaba o verde e só comía alimentos desa cor... ata que un día a un moucho ocorréuselle facer unha sopa mesturando moitos ingredientes de todas as cores... e... que pasaría? Sorprendido

Seguimos co proxecto do corpo humano lembrando as partes do corpo que aprendimos a semana pasada. Fixemos todos xuntos a nosa silueta con bloques de construcións e con pinturas sobre papel continuo. Cando terminamos, colocamos tarxetas cos nomes das partes do corpo, traballando tamén a lectoescritura.

E nos ratiños libres, gozamos moito lendo e investigando cos nosos contos do corpo humano...

O mércores, na clase de valores, continuamos traballando conceptos como a verdade e a mentira. Fixemos unha actividade por parellas cos ollos vendados, na que tiñamos que ser sinceros cos compis, guiándoos correctamente polo espazo para que fosen esquivando todos os obstáculos.

Na clase de arte fixemos estampaxe con material de refugallo e témpera. O resultado foron uns fondos outonais chulísimos que nos servirán para colocar o noso esquema corporal do mes de outubro!

E tamén creamos mandalas con diferentes elementos do outono, fomentando a creatividade, a paciencia, motricidade fina... que bonitas!

O xoves empezamos o proxecto de centro deste ano, no que todo o cole viaxará a... América do Sur! A nosa clase tocaralle aprender moitas cousas sobre Venezuela que xa vos iremos contando. Vimos onde está no mapa e onde estamos nós... nin máis nin menos que 7.000 km de distancia! E temos que ir en avión vaia... por que está o mar polo medio, jijiji.

Tamén coñecimos a súa bandeira, e pintámola por equipos.

Ademais, tivemos tempo para xogar con propostas novas que fomentan a nosa forza e a psicomotricidade fina: ensartables, rodas de montaxe e bichiños con ventosas e pedras de cores para construir torres...

Xa para rematar a semana tivemos outra sorpresa relacionada co proxecto do corpo humano...! Veu a visitarnos a mamá de Pepa e Julia para contarnos unha chea de cousas sobre o seu traballo como matrona e sobre os bebés.

Aprendimos como se forman, como crecen dentro da barriga, como nacen... ata nos trouxo un aparello para escoitar o latexo dos nosos corazóns! Tamén varias maquetas para observar a placenta e o cordón umbilical e prestounos unha chea de contos que quedaron no cole para que poidamos lelos... Que sorte! Moitas grazas María! 

E despedímonos cunha sesión de cinema en galego cos nosos amigos de 3 e 5 anos, hoxe vimos A filla do grúfalo.

Ata a semana!! Risa

SOMOS UN EQUIPO!

Ola familias Sorriso

Esta semana continuamos repasando conceptos matemáticos coa pantalla dixital e avanzando no conteo con propostas de outono: o que máis nos gustou foi usar a mesa de luz para colocar elementos na árbore segundo indicaba o dado, faciámolo por parellas asi que... traballo en equipo xa que podemos axudarnos uns ós outros!

Seguindo coas propostas de outono, na clase de arte fixemos esculturas cos elementos da natureza que fomos coller a semana pasada ao parque, acordádesvos?.

Exploramos un material novo, a arxila, que nos sorprendeu que estivese máis dura e fría que a plastilina; pero desempeñando a nosa motricidade fomos capaces de modelar e dar forma. Despois manipulamos paus, castañas, follas... e colocámolos nas nosas esculturas, mirade o resultado! 

 

Ao terminar a escultura, seguimos desenvolvendo a creatividade e a imaxinación xogando no minimundo do outono, poñendo en práctica o vocabulario que aprendemos e traballando a psicomotricidade fina.

E falando de motricidade fina, nos momentos de xogo libre encantounos xogar con dous xogos novos que nos trouxo a profe: temos coitelos e táboas para cortar diferentes alimentos e tamén, un taboleiro para colocar boliñas segundo o patrón (clasificamos por cores e usamos a pinza). Como vedes, hai que estar moi concentrad@!

En canto á lectoescritura, seguimos traballando co máis próximo, sempre dunha maneira manipulativa e visual, que é como mellor aprendemos. Usamos as nosas iniciais, os nosos nomes e os dos compañeir@s e profes, e tamén as vocais. Xa somos capaces de pensar palabras que empezan por... Sorprendido

Tamén tivemos tempo para contar contos. Esta semana lemos ''A Gran Tribo'', un álbum ilustrado que trata as experiencias que vivimos @s cativ@s ao ir ó cole; e démonos conta, de que todos nós tamén formamos unha tribo! Risa. Despois fixemos un debuxo sobre o conto, falando do que máis nos gustou.

Dentro do proxecto do corpo humano, seguimos repasando as partes da cara a través da arte: primeiro fixemos un fondo con acuarelas e logo mirándonos no espello, o noso autorretrato, que a profe axudounos a recortar e despois pegámolo. Mirade que ben nos quedaron!

Ademais, un compi tróuxonos un dente de verdade!, estivemos a falar sobre eles e aprendemos que temos sobre vinte ''dentes de leite'' que aos cinco anos comezarán a caerse para que outros poidan nacer... e recibamos a visita de alguén moi especial... pero iso algúns xa o sabiamos! Guiño jeje. 

Tamén tratamos os hábitos saudables, xa que é moi importante coidar deles facendo un bo lavado de dentes todos os días e acudindo ó dentista cando o necesitamos. De feito, convertémonos en dentistas por un momento! Xogamos a modelar plastilina facendo as pezas dentarias e limpándolle as caries ó noso paciente...

E seguindo co proxecto do corpo humano comezamos a traballar as partes do corpo, buscando o vocabulario visto e escribindo a palabra ou recoñecéndoa, cortando e pegando. Coma sempre, cada un ó seu ritmo!

Por último, o venres montamos un cinema na nosa clase e viñeron os compis de tres e cinco anos a ver a película ``O Grúfalo´´, en galego. Gustounos moito e ademais aparecía unha chea de vocabulario de outono que viramos en clase.

 

Boa fin de semana familias!!

Distribuir contido