Iniciar sesión: Acceso

CONOCEMOS LOS SENTIDOS

Ola familias! Outra semana de aprendizaxe superada.

Cada día aproveitamos o momento de asemblea para traballar a lóxica - matemática na pantalla dixital. Estas son algunhas das actividades desta semana, nas que traballamos o conteo, os conceptos moitos - poucos, e repasamos tamén grazas a unha das actividades unha chea de partes do corpo que xa coñeciamos.

Traballamos tamén a lóxica - matemática a través destas dúas propostas.

Na primeira delas traballamos a clasificación de elementos segundo a súa forma: cabazas, pantasmas, morcegos... neste caso con pasta con figuras de Samaín e diferentes vasiños nos que debiamos introducir o elemento que correspondía. Con esta actividade tamén traballamos a motricidade fina ao utilizar as pinzas para clasificar.

Coa outra actividade traballamos o conteo e a atención, xa que debiamos contar cantos elementos de cada contiña a nosa apócema de Samaín. Unha vez tiñamos ese número, debiamos formar unha torre con policubos para representalo.

Esta semana levamos a cabo a lectura do conto "Tú y yo. El cuento más bonito del mundo", que conta a historia dun neno ao que lle fan o mellor agasallo: un irmán. Hai pouco unha compi da nosa clase converteuse en irmá maior, polo que este é un tema que tratamos no noso día a día. Aproveitamos para repasar todo aquilo que xa coñeciamos sobre os bebés grazas ao noso proxecto do corpo humano, e finalmente para terminar fixemos un debuxo sobre o conto.

Traballamos tamén a localización espacial e a atención a través desta actividade na que debiamos colocar nunha cuadrícula os elementos de outono seguindo un patrón.

Sen dúbida, ao que máis tempo dedicámoslle esta semana foi ao proxecto do corpo humano. Neste caso continuamos traballando os sentidos.

En primeiro lugar fixemos un repaso do sentido que xa coñeciamos: a vista. Para isto levamos a cabo unha actividade na que debiamos atopar o intruso dentro dun grupo de elementos.

Coñecemos un novo sentido: o olfacto. Xunto cos nosos compis da clase de 5º de Educación Infantil aprendemos que é o olfacto, para que serve, con que parte do corpo ulimos... E realizamos unha actividade moi divertida na que debiamos ulir diferentes botes e adiviñar que tiñan dentro.

Tamén coñecemos o sentido do gusto. Para isto realizamos unha actividade na que debiamos probar diferentes sabores: doce, salgado, amargo e ácido. Identificamos con que se correspondía cada sabor e eliximos cal era o que máis nos gustaba a cada un.

Para traballar o sentido do oído fomos ao ximnasio do cole e levamos a cabo cos compis de 5º de EI diferentes actividades. En primeiro lugar traballamos a identificación dunha fonte sonora, para isto vendámonos os ollos e debiamos seguir o son dunha campá a través do noso oído e chegar ata ela.

Despois, xogamos ao xogo das estatuas, no que debíamos bailar ao ritmo da música e cando esta parase quedarnos quietos como estatuas. Desta forma traballamos a discriminación son - silencio. Finalmente xogamos cos aros dunha forma similar, debiamos movernos polo espazo ao ritmo da música e cando se parase tiñamos que buscar un aro para meternos dentro.

Para rematar, xa na nosa aula fixemos unha actividade de discriminación auditiva de sons cotiáns.

Por último traballamos o sentido do tacto. Para isto levamos a cabo diferentes propostas na clase de 5º de EI: mesa sensorial con boliñas de xel, experimentación de diferentes texturas e xogos nos que debiamos atopar a textura correspondente a outra sen mirar.

Para terminar co tacto fixemos un percorrido sensorial pero... cos nosos pés! Camiñamos por unha alfombra que tiña unha chea de texturas diferentes: pedras, esponxas, feltro...

Unha vez que xa coñecemos todos os sentidos, comezamos a crear o noso flipbook dos sentidos. Formando así as palabras vista, olfacto, gusto, oído e tacto.

Ata a próxima semana familias!!!