Boas familias!
Esta semana continuamos cos ambientes de aprendizaxe de Samaín que xa vos ensinamos, rotando polas diferentes aulas.
Tamén seguimos traballando os sentidos, comezando por repasar o sentido da vista, facendo xogos de atención de atopar debuxos iguais, elementos agochados nunha imaxe e intrusos dentro dunha categoría.
Para o olfato tiñamos que ulir botes con diferentes olores: esencias, suavizante, especias, alcohol... algúns ata foron capaces de adiviñar o que era!
Para o gusto, probamos diferentes sabores: amargo, doce, salgado e ácido. Sentimos as nosas papilas gustativas e identificamos que sabor era o que mais nos gustaba.
Para traballar o oído, fomos o ximnasio cos compañeiros/as de 4º de Infantil para facer diferentes propostas que podedes ver a continuación: identificación da fonte sonora cos ollos tapados e o xogo das estatuas e dos aros, bailando ó ritmo da música e quedarnos quietos cando esta se paraba.
Despois en clase, fixemos un xogo de discriminación auditiva de sons cotiás, adiviñando de que se trataba cada son.
Por último, o tacto: pegañento, suave, áspero, rugoso..., para elo empregamos as nosas mans con diferentes propostas por equipos: tocar diferentes texturas, xogos de atopar a figura igual ó tacto (sen mirar, por suposto) e bandexa sensorial de boliñas.
E... sorpresa! tamén aprendimos que podemos percibir as texturas cos nosos pés. Tiñamos que camiñar por unha alfombra cunha morea delas!
Logo destas propostas sensoriais e cos 5 sentidos xa aprendidos, creamos un flipbook para recoller o que traballamos: picamos, pegamos, escribimos, repasamos... traballando a motricidade fina e a lecto-escritura.
Por outro lado, na proposta de debuxo do conto, esta semana limos El árbol de la amistad, un conto que trata sobre o valor da amizade e de xogar todos xuntos, xa que cando facemos boas accións a árbore da amizade crece e cando nos peleamos, quedase sen follas.
Tamén en valores limos El hilo invisible, facendo referencia aos fíos que teceramos a semana pasada na actividade. O conto, trata sobre os vínculos que establecemos coas persoas que mais queremos, polo que despois cada un debuxou a quen estaba conectado por ese fío e o compartiu cos demais.
Para rematar, dentro das propostas de lóxico-matemática, traballamos o conteo coas tarxetas das partes do corpo, repasando así tamén os conceptos que aprendimos durante este proxecto que estamos a desenvolver.
Tamén caldeiros para atopar, contar, e rexistrar elementos de Samaín, traballando o conteo, a atención e a grafía dos números. Encántanos traballar cos rotuladores borrables!
E a bandexa de pasta con formas terroríficas, para clasificalas nos vasos segundo a súa forma: traballando a pinza e a forza das nosas mans, disriminación, coordinación óculo-manual, concentración, atención...
Ata a próxima semana!