Ola familias!!
Aquí estamos outra semana máis para ensinarvos o que fixemos na clase de 5º de Infantil
No proxecto do corpo humano, lembramos as cousas que aprendimos coa charla de María sobre os bebés, e fixemos entre todos na asemblea o ciclo da vida: tiñamos que colocar as fotos por orde, dende o óvulo e o espermatozoide ata o bebé fóra da barriga. Tamén aproveitamos e lemos algúns dos contos que nos deixou.
Ademais, a profe púxonos unha chea de fotos mesturadas de nenos e nenas, de bebés e maiores... Eramos nós!. Debatimos sobre como imos cambiando co paso do tempo e xogamos a atopar as fotos dos compis. Gustounos moito ver as nosas fotos de cando eramos bebés e ensinarllas aos nosos amigos e amigas!.
Despois, tamén ordenamos as nosas fotos e fómolas pegando para crear a secuencia ''Así fun medrando''.
Seguindo coa proposta do proxecto, para comprobar canto crecemos, tiñamos un reto: buscar o número que aparece no noso zapato.
Descubrimos que non todos temos o mesmo número de pé, e así o fomos rexistrando na pantalla. Iso permitiunos establecer comparacións sobre quen tiña a talla máis grande ou a máis pequena, así como atopar as tallas iguais. Unha maneira máis divertida e vivencial para traballar á vez os contidos de lóxica-matemática.
Despois rexistrámolo sobre o papel, facendo a silueta da nosa pegada e decorándoa con rotus como máis nos gustaba, e por último, tiñamos que atopar as gomets cos nosos números e pegalas.
Esta semana tamén tivemos tempo para facer moitas propostas de debuxo. Empezamos facendo a secuencia do esquema corporal do mes de Outubro e algún ata xa se atreveu a recortalo soíño!, despois, pegámolo sobre o fondo de outono que fixeramos a semana pasada.
E fixemos debuxos de contos. Esta semana lemos dous de Samaín, unha temática que nos encanta: El fantasma de las bragas rotas e Guapa.
E xa que falamos do Samaín, sabedes que? Apareceron elementos terroríficos na nosa clase!: grilanda de cabazas, luces de pantasmas, esqueletos, bruxas, e bechos e caldeiros no minimundo...
Nós tamén queriamos decorar, así que na clase de arte fixemos uns monstros con manchas de pintura. Para darlles forma tiñamos que soprar por unha palliña, traballando á vez o control e intensidade do sopro e a respiración.
Cando secaron, pegámoslles os ollos e fixémoslles unhas bocas terroríficas, e xa só quedaba pegalos na nosa porta. Que chula nos quedou!
Outra das propostas da clase de arte consistía no grafismo creativo: decorar vendas da momia con diferentes trazos segundo o número que nos tocaba no dado: subitización, psicomotricidade fina, toma de decisións, grafía dos números, lóxica-matemática...
E seguimos xogando e aprendendo en equipo con diferentes propostas de Samaín:
Actividades de ABN na pantalla dixital e tarxetas de conteo, para traballar a lóxica-matemática: cálculo e asociación de grafía-cantidade.
Lince, Memory de Samaín e Torres con cabazas: desenvolvemos o vocabulario básico relacionado e traballamos a atención, a memoria... prerrequisitos básicos para despois desenvolver a linguaxe oral e escrita.
Tarxetas de vocabulario e letras móbiles para formar palabras de Samaín, traballando así a lectoescritura.
E por último, un xogo en gran grupo: Kabooh de Samaín!, unha adaptación do xogo de cartas Kaboom, no que un a un vai collendo unha carta, pero se che toca a carta da bomba tes que darlle todas as túas cartas ó compi que tes á dereita; e ó final, gaña o xogador que teña máis cartas.
Traballamos o xogo en equipo, tempo en espera, vocabulario, razoamento básico, cálculo para saber quen gañou, e tamén a frustración, xa que aínda que a todos gústanos moito gañar, non sempre se pode; pero xa aprendimos que o importante é pasalo ben cos amig@s!
No proxecto de Venezuela, esta semana coñecemos a moeda que utilizan. Aprendemos que nós utilizamos euros e eles unha moeda chamada Bolívar. Entre todos escribimos a palabra e coloreamos: traballo en equipo!.
Na clase de valores, rematamos as propostas sobre a verdade e a mentira recoñecendo imaxes establecendo se eran verdade ou mentira, traballando así a comprensión. Despois cada un de nós tiña que decir unha frase e os demais adiviñar se era unha verdade ou unha mentira, e finalmente fixemos uns debuxos de cousas que son mentira: como unha pelota cuadrada ou un amorodo azul.
E o día 24 foi o día das bibliotecas escolares e fomos á biblioteca do cole cos amigos de 3 e 5 anos para facer unha formación de usuarios. A profe Andrea explicounos as normas básicas da biblioteca e déronnos unhas tarxetas para poder colocalas cando collamos un libro para ler. Moitas grazas!
E grazas tamén aos compañeiros de 3º e 4º de primaria, que o venres montaron un mercadillo de Samaín no que vendían moitas cousas creadas por eles para un proxecto que levarán a cabo... ata había un photocall e un posto para pintar as uñas. Gustounos moito ir visitalo e démoslles os parabéns polo esforzo realizado.
Ata a semana que vén familias! Que vos prometemos que será curta pero moi moi intensa... jejeje