Iniciar sesión: Acceso

SEMANA DE SORPRESAS

Ola familias!

Aquí estamos unha semana máis con cousas novas que ensinarvos Sorriso

Dentro das propostas de lóxico-matemática, traballamos por equipos, sempre cambiando de xogos para que todos puidésemos participar en todas as propostas:

1. Ourizos para identificar a grafía dos números do 1 ao 10 e colocar tantas pinzas como indicaban. 

2. Lanzar o dado e coller tantos elementos de outono como puntos marcaba o dado.

3. Colocar tantas bolitas de plastilina como o número que marcaba o cogomelo.

4. Tarxetas de cálculo con vocabulario de outono.

5. Series lóxicas de 2 a 4 elementos con vocabulario de outono.

En lectoescritura seguimos traballando as nosas iniciais e as vogais. Coas casiñas, traballamos a conciencia fonético-fonolóxica e a discriminación auditiva, xa que tiñamos que colocar cada tarxeta no seu lugar, fixándonos moi ben como soaba a primeira letra...

Ademais, potenciamos o traballo en equipo, o tempo en espera e o respecto á quenda d@s compis.

O martes, foi o día das escritoras, e recibimos unha carta sorpresa dunha delas, con moitas pistas para adiviñar quen nola mandou: Paula Merlán!!. Así que fomos á biblioteca cos nosos amigos da clase da Profe Inés para atopar algún conto dela e poder gozar da lectura todos xuntos.

Na nosa clase tamén lemos o conto de sopa verde e despois fixemos o debuxo do mesmo. O protagonista era un coello que lle encantaba o verde e só comía alimentos desa cor... ata que un día a un moucho ocorréuselle facer unha sopa mesturando moitos ingredientes de todas as cores... e... que pasaría? Sorprendido

Seguimos co proxecto do corpo humano lembrando as partes do corpo que aprendimos a semana pasada. Fixemos todos xuntos a nosa silueta con bloques de construcións e con pinturas sobre papel continuo. Cando terminamos, colocamos tarxetas cos nomes das partes do corpo, traballando tamén a lectoescritura.

E nos ratiños libres, gozamos moito lendo e investigando cos nosos contos do corpo humano...

O mércores, na clase de valores, continuamos traballando conceptos como a verdade e a mentira. Fixemos unha actividade por parellas cos ollos vendados, na que tiñamos que ser sinceros cos compis, guiándoos correctamente polo espazo para que fosen esquivando todos os obstáculos.

Na clase de arte fixemos estampaxe con material de refugallo e témpera. O resultado foron uns fondos outonais chulísimos que nos servirán para colocar o noso esquema corporal do mes de outubro!

E tamén creamos mandalas con diferentes elementos do outono, fomentando a creatividade, a paciencia, motricidade fina... que bonitas!

O xoves empezamos o proxecto de centro deste ano, no que todo o cole viaxará a... América do Sur! A nosa clase tocaralle aprender moitas cousas sobre Venezuela que xa vos iremos contando. Vimos onde está no mapa e onde estamos nós... nin máis nin menos que 7.000 km de distancia! E temos que ir en avión vaia... por que está o mar polo medio, jijiji.

Tamén coñecimos a súa bandeira, e pintámola por equipos.

Ademais, tivemos tempo para xogar con propostas novas que fomentan a nosa forza e a psicomotricidade fina: ensartables, rodas de montaxe e bichiños con ventosas e pedras de cores para construir torres...

Xa para rematar a semana tivemos outra sorpresa relacionada co proxecto do corpo humano...! Veu a visitarnos a mamá de Pepa e Julia para contarnos unha chea de cousas sobre o seu traballo como matrona e sobre os bebés.

Aprendimos como se forman, como crecen dentro da barriga, como nacen... ata nos trouxo un aparello para escoitar o latexo dos nosos corazóns! Tamén varias maquetas para observar a placenta e o cordón umbilical e prestounos unha chea de contos que quedaron no cole para que poidamos lelos... Que sorte! Moitas grazas María! 

E despedímonos cunha sesión de cinema en galego cos nosos amigos de 3 e 5 anos, hoxe vimos A filla do grúfalo.

Ata a semana!! Risa