Actividades Ext

DÍA DA PAZ

Este domingo, 30 de xaneiro, conmemorouse en todo o mundo unha festividade dedicada a promover a paz a nivel mundial, moi especialmente entre os nenos e nenas. Estamos a falar do Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

Según a ONU, “no Día da Paz, os centros educativos comprométense como defensores da paz e entendemento entre persoas de distinta procedencia e modos de pensar”.

E iso fixemos nós, comprometernos con esta data realizando diversos traballos a nivel de aula e elaborando este mural colectivo que leva por título “Mulleres Nobel da Paz”.

Cada clase ilustrou e escribiu dentro da silueta dunha pomba, símbolo da paz, información sobre cada unha das trece mulleres que foron galardonadas con este premio Nobel ao longo da historia.

Estes tamén son algúns dos nosos traballos:

 

 

NADAL 2021

Desexámosvos a todos e todas un Nadal cheo de saúde e felicidade.

       

Postal elaborada polo alumnado de 2º de Educación Primaria.

 

O luns, 20 de decembro visitounos o Apalpador.

Este tradicional personaxe galego, visitou aos nenos e nenas do colexio que tiveron a sorte de coñecelo e conversar con el.

É un home, de profesión carboneiro, que baixa das montañas para visitar aos máis cativos e cativas na noitiña do 24 de decembro para tocarlles o ventre e ver se están ben alimentados e alimentadas. Ademais, sempre lles leva uns agasallos.

É un vello apacible, barbudo e grandote que leva boina e viste chaqueta colorida con pantalóns cheos de remendos.

  

                                                  

 

Grazas á ANPA O FORMENTO pola súa colaboración.

 

O martes, 21 de decembro as Súas Maxestades os Reis Magos visitaron o noso centro para recoller os desexos e as cartas dos máis cativos.

Recién chegados de Oriente cumpriron os desexos dos nenos e nenas do colexio. Puideron falar con eles e levarlles as cartas ou debuxos feitos con moito cariño e ilusión.

 

 

 

 

Grazas á ANPA XERMOLOS pola súa colaboración.

 

VIDEOCONFERENCIA CON PAPA NOEL

Os cativos e cativas de 4 anos tiveron a oportunidade de falar en directo con Papa Noel por videoconferencia o xoves, 16 de decembro.

Acudiron á aula CEMIT do Concello e alí tiveron a sorte de falar co verdadeiro Papa Noel a través da pantalla posto que se atopaba no Polo Norte.

Primeiro deulles uns bos consellos aos nenos e nenas, e logo falou con cada un deles porque quixo saber que agasallos de Nadal lle pedían e que lle contasen algunas cousiñas.

Foi un día cheo de nervios e moita ilusión!

                                 

 

                            

VISITA AO MUSEO DE BELAS ARTES DO ALUMNADO DE 3º DE EP

Os alumnos e alumnas de 3º visitamos o Museo de Belas Artes na Coruña o xoves, 2 de decembro.

Tivemos a oportunidade de coñecer como é un museo por dentro, estar nas salas onde se expoñen todas as obras e gozar de tanta arte!

A visita guiada levou por título “Liña. Mancha. Cor”.

Aprendemos que a liña, a mancha e a cor son tres dos elementos principais aos que nos enfrentamos á hora de realizar unha produción artística ou analizala.

Ademais, aprendemos como e cando xorden as cores, que pode haber figuras sen liñas, que as manchas poden expresar sentimentos ou que as cores poden ter moitas tonalidades diferentes. E tamén vimos como os cadros son moi diferentes dependendo da época na que foron pintados.

  

Tivemos a sorte de contemplar obras moi importantes, descubrir o que os pintores querían expresar ou contar con elas e incluso tivemos a oportunidade de converternos en auténticos e auténticas artistas realizando as nosas propias creacións.

           

 

Foi unha xornada moi divertida!

 

           

CONMEMORAMOS OS DEREITOS DA INFANCIA

O 20 de novembro é unha data importante: conmemórase o DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA e conmemóranse os aniversarios da adopción da Declaración Universal dos Dereitos do Neno e da Nena (1959) e a aprobación da Convención dos Dereitos do Neno e da Nena (1989).

Esta Convención, a máis universal dos tratados universais, establece unha serie de dereitos para os nenos e as nenas, incluidos os relativos á vida, á saúde e á educación, ao xogo, á vida familiar, á protección fronte á violencia e á discriminación, e a que se escoiten as súas opinións.

O alumnado do CEIP de ARZÚA traballamos e aprendemos máis sobre esta conmemoración e demos un repaso aos Dereitos máis importantes dos Nenos e Nenas.

Mais este ano, como estamos a traballar o tema das “emocións” tamén quixemos profundizar un pouco máis nos dereitos que teñen todos os nenos e as nenas relacionados con este tema.

Aquí podedes ver o mural común no que participaron todas as aulas do colexio e que leva por título DEREITOS EMOCIONAIS DA INFANCIA.

O puzle encabézao o lema “Teño dereito a…” no que cada aula ilustrou un deses dereitos emocionais.

                      

 

Ademais, a nivel aula, fixéronse máis traballos e murais relacionados con esta data:

                 

 

 

DÍA DA INFANCIA

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa celebra o Día da Infancia con varias actividades culturais para o desfrute dos escolares arzuáns.

Para conmemorar esta data, fomos convidados e convidadas a desfrutar de diferentes espectáculos aos que asistiu todo o alumnado do colexio no Multiusos Terra do Queixo.

O luns, 15 de novembro os rapaces e rapazas de Educación Infantil gozaron co espectáculo “De aquí para alá” de Lydia Botana.

Foi un espectáculo sobre o libro-disco publicado en 2015 pola editorial Cumio na súa primeira edición. É un proxecto de música infantil no que viaxamos arredor do mundo aprendendo, escoitando, bailando e cantando as músicas de cada lugar facendo partícipe ao público que nos acompañe na procura de novos sons!

                                  

O martes, 16 de novembro os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º asistiron ao espectáculo “Os Trotasongs” de Conticánticos.

Unhas misteriosas personaxes que se fan chamar os Trotasongs, aparecen en escea na súa nave, a Trotaceos, para compartir co público o seu máis preciado segredo: a maxia da maleta na que gardan as cantigas que recollen nas súa viaxes a través do tempo e do espazo.

                                      

O mércores, 17 de novembro, os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º gozaron do espectáculo “Galego: Maxia” de Dani Polo.

Trátase dun espectáculo didáctico onde grazas á maxia ponse en valor a diversidade lingüística e territorial do noso idioma. A través de diferentes ilusións e moito humor, descubriremos xuntos e xuntas o poder máxico que agocha a lingua.

                                 

Moitas grazas ao Concello de Arzúa por pensar nos máis cativos e cativas e convidarnos a desfrutar destes espectáculos tan marabillosos!

6º EP VISITA O PARQUE EÓLICO EXPERIMENTAL DE SOTAVENTO

O alumnado de 6º EP visita o Parque Eólico Experimental de Sotavento, o 9 de novembro. 

Da man dos monitores do Parque eólico fixemos un percorrido polas distintas fontes de enerxía e comprobamos que aproximadamente o 64% da enerxía eléctrica que consumimos procede de fontes de enerxía non renovables. 

  

Centrámonos despois nas fontes de enerxía renovables. Fixemos dous pequenos experimentos para ver como se transforma a enerxía solar en enerxía eléctrica e en enerxía térmica. 

       

Aproveiatamos que tiñamos un día solleiro e puxemos en marcha a cociña solar para quentar o leite e facer un delicioso chocolate, que degustamos na metada da mañá.

Entramos nun aeroxerador para ver o seu interior e logo achegámonos ao taller para observar de preto as distintas partes das pezas da góndola e o seu funcionamento. 

   

 

Por último, entramos na vivenda bioclimática do Parque e alí puidemos ver como aproveitar os recursos que nos ofrece a natureza para aforrar enerxía á hora de quentar a casa, así como distintas medidas de aforro enerxético. 

  

 

  

 

 

 

MAGOSTO

O MAGOSTO é unha festa tradicional típica galega relacionada coa colleita das castañas.

A palabra Magosto significa “fogueira preparada para asar as castañas” en torno á cal se reunían os vecinos e veciñas para compartilas e festexar xuntos e xuntas.

Nesta festa a castaña e o lume únense para celebrar a chegada do outono.

Os nenos e nenas do CEIP  de Arzúa traballamos e aprendemos máis sobre esta festividade realizando diversos traballos e manualidades.

Ademais o venres, 5 de novembro, celebramos o noso Magosto no colexio degustando castañas asadas e tomando un chocolatiño ben quentiño e saboroso.

Foi unha xornada na que as castañas, a chocolatada e a compañía dos nosos compañeiros e compañeiras de clase fixeron que fose moi divertida.

Feliz MAGOSTO!

  

 

  

DÍA MUNDIAL DO MEDIOAMBIENTE

O Día Mundial do Medio Ambiente é o maior evento da ONU para o fomento da acción en favor da conservación do medioambiente. Conmemórase o 5 de xuño e celebrouse  por primeira vez en 1974 onde se insta a gobernos e organizacións a que "emprendan actividades que reafirmen a súa preocupación pola protección e a mellora do medioambiente, con miras a facer máis profunda a conciencia dos problemas do medioambiente."

O alumnado do CEIP de Arzúa quixémonos sumar a este loita e elaboramos este mural colectivo que leva por título "ESTAMOS A TEMPO..."

                   

E como aínda estamos a tempo de protexer o que queda e reparar o danado, cada aula rotulou e debuxou diferentes lemas que axudarán nesta importante loita, creando así a forma dun reloxo:

1. Non tires lixo ao chan.

2. Reutiliza todo o que poidas.

3. Utiliza a auga de xeito responsable.

4. Recicla para xerar novos produtos.

5. Utiliza o papel reciclado.

6. Aproveita a luz natural.

7. Reduce o uso de envases.

8. Evita o uso das bolsas de plástico.

9. Aposta polo transporte público e as bicicletas.

10. Desconecta os aparellos eléctricos que non uses.

11. Planta árbores para reducir o quencemento global.

12. Evita utilizar produtos químicos.

 

 

 

EDUCANDO CON MALIBÚ, Ningún can sen fogar.

A "Casa Grande de Xanceda" trouxo ao noso colexio a iniciativa "Educando con Malibú" onde unha cadeliña que recibe este nome, Malibú, nos visitou co propósito de educar aos máis pequenos e pequenas na tenencia responsable de animais. Ela é o claro e triste exemplo de abandono de animais de compañía.

Pese a todo isto, Malibú está segura de que a educación en valores é moi importante para que os futuros donos e donas de animais sexan responsables, chegando así, a acabar co abandono. Esta cadeliña convirteuse no símbolo desta loita, fomentando en cada clase a adopción de animais abandonados, educando na solidariedade e no respecto aos animais.

Na visita que fixo ao noso colexio, dirixida ao alumnado de Primaria,  aprendemos algo máis sobre as escusas que os donos de mascotas poñen cando as abandonan, sobre os coidados necesarios ou sobre a importancia e obrigatoriedade de identificalas.

Pero o mellor de todo, foi poder desfrutar desta cadeliña tan boa, que nos deixou darlle unha caricia chea de esperanza. Grazas, Malibú.

 

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet