DÍA DA INFANCIA

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa celebra o Día da Infancia con varias actividades culturais para o desfrute dos escolares arzuáns.

Para conmemorar esta data, fomos convidados e convidadas a desfrutar de diferentes espectáculos aos que asistiu todo o alumnado do colexio no Multiusos Terra do Queixo.

O luns, 15 de novembro os rapaces e rapazas de Educación Infantil gozaron co espectáculo “De aquí para alá” de Lydia Botana.

Foi un espectáculo sobre o libro-disco publicado en 2015 pola editorial Cumio na súa primeira edición. É un proxecto de música infantil no que viaxamos arredor do mundo aprendendo, escoitando, bailando e cantando as músicas de cada lugar facendo partícipe ao público que nos acompañe na procura de novos sons!

                                  

O martes, 16 de novembro os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º asistiron ao espectáculo “Os Trotasongs” de Conticánticos.

Unhas misteriosas personaxes que se fan chamar os Trotasongs, aparecen en escea na súa nave, a Trotaceos, para compartir co público o seu máis preciado segredo: a maxia da maleta na que gardan as cantigas que recollen nas súa viaxes a través do tempo e do espazo.

                                      

O mércores, 17 de novembro, os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º gozaron do espectáculo “Galego: Maxia” de Dani Polo.

Trátase dun espectáculo didáctico onde grazas á maxia ponse en valor a diversidade lingüística e territorial do noso idioma. A través de diferentes ilusións e moito humor, descubriremos xuntos e xuntas o poder máxico que agocha a lingua.

                                 

Moitas grazas ao Concello de Arzúa por pensar nos máis cativos e cativas e convidarnos a desfrutar destes espectáculos tan marabillosos!

Powered by Drupal - Design by artinet