Skip to Content

Complementarias

A concienciación ambiental comeza pola casa propia

Máis imaxes neste álbum de fotografías

Como cada 26 de xaneiro, hoxe celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, que ten a súa orixe no Seminario Internacional de Educación Ambiental que se organizou en Belgrado en 1975. Naquel foro constituíronse os principios da Educación Ambiental recollidos na Carta de Belgrado: mellorar as relacións ecolóxicas, incluíndo as do home coa natureza e as dos homes entre si; concibir como un todo a educación ambiental dende un punto de vista ecolóxico, político, económico, tecnolóxico, social, lexislativo, cultural e estético; e considerar esta aprendizaxe como un proceso continuo e permanente tanto na escola como fóra dela.

Con estas premisas, o noso centro sumou dúas novas iniciativas ao labor de concienciación que nesta materia se veñen desenvolvendo este curso e os anteriores. Por unha banda, o autodenominado "Batallón de limpeza dos escarabellos de 1º ESO C" arremangou as mangas e lanzouse a recoller todo tipo de refugallos que atoparon nas beirarrúas e prazos lindeiros ao instituto: recipientes, plásticos, cabichas, máscaras... Os rapaces e rapazas de 1º ESO C e mailo seu titor José Luís completaron con éxito a misión, regresaron sen baixas e co deber cumprido: recolleron e separaron en bolsas o lixo atopado, que logo depositaron nos diferentes contedores que hai ás portas do centro. Ademais, tamén tiveron tempo para coñecer o noso compañeiro Luís, unha das tres persoas que se encarga da limpeza do centro. Así, non só comprenderon o importante que é reciclar senón tamén respectar o traballo que fan as persoas que fan que o noso centro estea limpo e sexa saudable. 

Por outra banda, o alumnado da materia Ciencias da Terra e do Medio de 2º de Bacharelato, coa súa profesora Montse, presentou e comezou unha nova campaña que procura concienciar o alumnado na correcta reciclaxe dos residuos. Como seguen observando que nos patios non se cumpren totalmente as normas, estes mozos e mozas supervisarán un día á semana a limpeza e os contedores dos patios na hora do recreo e farán unha valoración obxectiva, que servirá para mostrar uns resultados semanais da limpeza e reciclaxe nos diferentes patios que serán mostrados na pantalla do vestíbulo de entrada.

Feita a revisión semanal, elixirán un grupo de alumnas e alumnos para que recollan os residuos mal depositados e os coloquen no  contedor correcto; este alumnado colaborador irá alternando semanalmente. Como elas mesmos explican, todas sabemos que os residuos son un dos maiores problemas medioambientais que temos e que cómpre solucionar, sen esquecer que o mellor residuo é aquel que non se produce. 

Éntrache nunha lingua... e sáeche pola outra!

Como que nos entra nunha lingua e nos sae por outra? De que estamos a falar? De linguas! Si, de linguas, en concreto, dos estudos e do traballo de Tradución e Interpretación que nos veu presentar a doutora Lara Domínguez Araújo, profesora da Universidade de Vigo, no marco do noso ciclo de charlas divulgativas e temáticas das universidades.

Tras establecer as diferenzas que hai entre as actividades da tradución e a interpretación, esta docente e investigadora achegou o alumnado aos estudos que se imparten na Facultade de Filoloxía e Tradución viguesa e a multitude de ámbitos en que desenvolven o seu traballo estes profesionais unha vez licenciados: dende os filmes aos videoxogos pasando pola publicidade, o turismo e sectores económicos e artísticos de todo tipo.

Así mesmo, dende o coñecemento de quen tamén se dedica á tradución e interpretación profesional, salientou o papel activo que xoga a lingua galega como vantaxe competitiva no mundo globalizado e, como exemplo disto, mostrou unha extensa nómina de empresas tecnolóxicas, multinacionais de todo tipo, institucións e e asociacións locais e internacionais que demandan o traballo de tradutores/as e intérpretes galegos/as saídos da UVigo (Das Lagoas a Silicon Valley: vivir da tradución e a interpretación en Galicia). 

Finalmente, explicou os procesos cognitivos que interveñen na aprendizaxe da interpretación, unha habilidade que precisa de moito estudo e preparación continuos, dunha grande capacidade de concentración e coordinación... e moita práctica,, pero que tamén regala moitas satisfaccións, coñecementos e experiencias. E así rematou a charla, coñecendo as diferentes modalidades da interpretación e practicando nunha actividade na que os rapaces e rapazas fixeron de intérpretes e oíntes de inglés-galego e galego-castelán. E aínda houbo tempo para o coloquio con Lara, á que lle agredecemos todo canto aprendemos hoxe e que sementase o interese pola súa profesión entre o alumnado. Para máis información: Grao de T&I, AGPTI Rede Vértice

Que se fai na informática industrial?

Con este título, "Que se fai na Informática Industrial?", deu comezo onte no noso centro o ciclo de charlas científico-divulgativas das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

O relator, Manuel Pérez Cota, Catedrático do Departamento de Informática da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo, abordou co alumnado de 2º BACH de TIC, Física e Química e Ciencias Medioambientais e da Terra, os principais avances na informática industrial, desde a utilización dos computadores ata a impresión 3D, facendo ver como é posible que se deseñe calquera cousa utilizando unha computadora e seguindo o seu proceso ata que se fabrica con control por computadora. O mundo da programación para sistemas industriais de control, a visión artificial, a internet das cousas (IoT), os robots, etc. foron outras das áreas de investigación e traballo que presentou ante os estudantes.

Este ciclo, organizado polo Departamento de Orientación e os Departamentos Didácticos, ten como finalidade achegar o alumnado aos estudos universitarios, ás investigacións que desenvolven nos seus centros e ás saídas profesionais futuras. Ademais, estas xornadas  procuran informar e orientar o alumnado como futuro estudante universitario para que poida elixir os estudos que máis se adapten ás súas preferencias.

Do espazo exterior ao IES de Soutomaior coa exposición AstrónomAs

Máis imaxes da exposición e a charla nesta galería fotográfica

“Esta historia comezou hai miles de anos, cando as nosas antepasadas miraron o ceo e observaron o sol, a lúa e as estrelas...”.

Con estas liñas comeza a exposición Astrónomas, unha serie de 16 paneis que destacan o papel da muller na Astronomía, e que temos á nosa disposición no centro desde o pasado 9 de decembro, e ata o próximo 15 de xaneiro, dentro das actividades organizadas polo Departamento de Matemáticas.

A exposición AstrónomAs, patrocinada pola FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía ) e a SEA (Sociedade Española de Astronomía), está dispoñible en formato físico e dixital, e atópase traducida a varias linguas (castelán, catalán e galego). Pódese visitar na ligazón AstrónomAs, onde ademais de atopar os descargables que temos no centro encontramos actividades e información adicional.

Con motivo desta exposición, tivemos a sorte de contar, o pasado venres 17 de decembro, con Josefina F. Ling Ling, profesora na Facultade de Matemáticas da USC, investigadora no Observatorio Astronómico Ramón María Aller Ulloa (Santiago de Compostela) e unha gran divulgadora científica.

Durante a súa visita, Josefina Ling convidounos a reflexionar sobre o papel da muller na Astronomía e na ciencia, tomando como marco de referencia a exposición AstrónomAs. Por outra banda, puidemos coñecer da súa man a figura de Antonia Ferrín Moreiras, que foi a primeira astrónoma galega, a primeira muller española en defender unha tese sobre a Astronomía e tamén a primeira persoa en defender unha tese na Facultade de Matemáticas da USC.

Dende o noso centro, felicitamos a astronomas.org por esta extraordinaria exposición e agradecer a Josefina Ling o seu labor a prol da divulgación científica e do recoñecemento da muller na ciencia.

Entrega da Cesta de Nadal Pro-Excursión 4º ESO

 
Xa temos gañadora da Cesta de Nadal que sorteamos onte! Trátase de Laura Santoro Santoro, que lle comprou a rifa nº 3088 ao alumno Breixo Cernadas. Modesto, o noso director, fixo entrega do obsequio, que recolleu a sogra de Laura. Noraboa e... bo proveito!

 

Teatro no clube de lectura: Coraje, de Raina Telgemeier

 
Empatía, coraxe, prexuízos, medo e festa... De todo isto e máis falaron onte os rapaces e as rapazas de 2º ESO (e mais dúas fichaxes de 1º) na posta en común da novela gráfica Coraje, de Raina Telgemeier.
 
 
A partir de distintas escenas do cómic, desmostraron ser grandes actores e actrices nun xogo de dramatización que guiaron as profesoras Iria e Xiana. Non deixedes de coñecer máis polo miúdo a actividade entrando no blogue da biblioteca do instituto.

Número premiado no sorteo dunha Cesta de Nadal Pro-Excursión 4º ESO

No recreo de hoxe celebrouse o sorteo da cesta de nadal que axuda a sufragar a viaxe de fin de etapa do alumnado de 4º ESO. As mans inocentes de Cristina e Paula escolleron os seguintes números:

  • Premio: nº 3088, vendido polo alumno Breixo Cernadas.
  • Suplente nº 1: nº 2329, vendido polo alumno Samuel López.
  • Suplente nº 2: nº 842, vendido pola alumna Noelia Rodríguez.

De non aparecer a persoa gañadora antes do 24 de decembro poñéndose en contacto co IES nos teléfonos 886159801-886159804 ou a través do correo ies.soutomaior@edu.xunta.gal, a cesta pasará á 1º suplente ou á 2ª suplente, que tamén poden ir poñéndose en contacto con nós.

 
Moitas grazas a todas as persoas que colaborastes coa rapazada de 4º ESO.

Achegámonos ao noso medio

O centro acolleu onte, mércores 15 de decembro, dúas charlas formativas que achegaron o alumnado ao noso medio, tanto ao medio natural como ás nosas formas de vida tradicionais.

Por unha banda, o alumnado de Ciencias da Terra e do Medio Ambiente (2º BACH) e de Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional (4º ESO) asistiu á charla "Experiencias co pH no solo" dentro do Programa Revitaliza, que impulsa a Deputación de Pontevedra. Nela, destacouse a importancia da compostaxe dende un punto de vista estratéxico para a reciclaxe de residuos orgánicos, e das propiedades e aplicacións do compost como enmenda orgánica para solos agrícolas e para restauración de solos degradados a causa dos incendios forestais. Ademais, mostrouse a importancia do pH do solo na dispoñibilidade de nutrientes para as plantas, e caracterizáronse dun xeito sinxelo e práctico un solo alcalino e un solo ácido.

Por outra banda, o alumnado de 4º ESO participou na segunda (a 1ª realizouse o venres 3) das charlas do programa Relevo 2. A mocidade Abordo, promovidas polos GALP (Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro). Nestas sesións achegámonos ao sector pesqueiro (pesca, marisqueo, acuicultura) dende o punto de vista laboral, é dicir, das diferentes posibilidades a nivel laboral que ofrece (mariscador, pescador, persoal administrativo, capitán de barco, mentemento de instalacións, persoal investigador...). Así mesmo, deuse a coñecer o abano de posibilidades formativas que hai en Galicia enfocado a estas profesións, dende ciclos de grao medio e superior ata graos universitarios.

Estas actividades foron organizadas polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía en colaboración con outros seminarios.

25N - Día Internacional contra a violencia machista

Neste 25N, o Comando Igualdade do IES de Soutomaior achegou a problemática da violencia machista ao centro mediante unha intervención interactiva chamada "Aulas violetas".

Na aula violenta 1, mentres un corazón violeta feito con leds latexaba na parede, nun audio -co latexo do corazón de fondo- porporcionábanse datos estatísticos sobre a violencia de xénero e escoitábanse testemuñas de vítimas. 

Na aula violeta 2, empregando luz negra, o alumnado e o profesorado do IES participou activamente buscando a información agochada nas paredes e achegando un "desexo de cambio" para a sociedade.

Pola súa banda, durante as últimas semanas, o alumnado de Plástica (4º ESO) e de Debuxo Artístico (1º BACH) realizou diferentes intervencións artísticas en varios espazos do centro con motivo desta data reinvindicativa e de denuncia.

Máis imaxes nesta galería fotográfica.

English Culture Class

O pasado mércores 22 de novembro o Departamento de Inglés e a editorial Burlington Books organizaron a "English Culture Class", ou sexa, un obradoiro no que Damien, o noso convidado, introduciu o alumnado de 1º e 2º da ESO en diversos aspectos da cultura e  a realidade dos países anglófonos dunha maneira amena, moi divertida e participativa, o que facilitou a interacción en inglés co alumnado. En febreiro, haberá unha segunda quenda para os grupos de 2º C e 1º C.

Distribuir contido


by Dr. Radut