Skip to Content

A concienciación ambiental comeza pola casa propia

Máis imaxes neste álbum de fotografías

Como cada 26 de xaneiro, hoxe celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, que ten a súa orixe no Seminario Internacional de Educación Ambiental que se organizou en Belgrado en 1975. Naquel foro constituíronse os principios da Educación Ambiental recollidos na Carta de Belgrado: mellorar as relacións ecolóxicas, incluíndo as do home coa natureza e as dos homes entre si; concibir como un todo a educación ambiental dende un punto de vista ecolóxico, político, económico, tecnolóxico, social, lexislativo, cultural e estético; e considerar esta aprendizaxe como un proceso continuo e permanente tanto na escola como fóra dela.

Con estas premisas, o noso centro sumou dúas novas iniciativas ao labor de concienciación que nesta materia se veñen desenvolvendo este curso e os anteriores. Por unha banda, o autodenominado "Batallón de limpeza dos escarabellos de 1º ESO C" arremangou as mangas e lanzouse a recoller todo tipo de refugallos que atoparon nas beirarrúas e prazos lindeiros ao instituto: recipientes, plásticos, cabichas, máscaras... Os rapaces e rapazas de 1º ESO C e mailo seu titor José Luís completaron con éxito a misión, regresaron sen baixas e co deber cumprido: recolleron e separaron en bolsas o lixo atopado, que logo depositaron nos diferentes contedores que hai ás portas do centro. Ademais, tamén tiveron tempo para coñecer o noso compañeiro Luís, unha das tres persoas que se encarga da limpeza do centro. Así, non só comprenderon o importante que é reciclar senón tamén respectar o traballo que fan as persoas que fan que o noso centro estea limpo e sexa saudable. 

Por outra banda, o alumnado da materia Ciencias da Terra e do Medio de 2º de Bacharelato, coa súa profesora Montse, presentou e comezou unha nova campaña que procura concienciar o alumnado na correcta reciclaxe dos residuos. Como seguen observando que nos patios non se cumpren totalmente as normas, estes mozos e mozas supervisarán un día á semana a limpeza e os contedores dos patios na hora do recreo e farán unha valoración obxectiva, que servirá para mostrar uns resultados semanais da limpeza e reciclaxe nos diferentes patios que serán mostrados na pantalla do vestíbulo de entrada.

Feita a revisión semanal, elixirán un grupo de alumnas e alumnos para que recollan os residuos mal depositados e os coloquen no  contedor correcto; este alumnado colaborador irá alternando semanalmente. Como elas mesmos explican, todas sabemos que os residuos son un dos maiores problemas medioambientais que temos e que cómpre solucionar, sen esquecer que o mellor residuo é aquel que non se produce. 



blog | by Dr. Radut