Skip to Content

Bioloxía

Charla da ADOS no IES de Soutomaior

O venres 14 de xuño o alumnado de 3º da ESO, 4º da ESO de Bioloxía e 1º de Bacharelato de anatomía tiveron unha actividade organizada polo Departamento de Bioloxía do IES de Soutomaior.

A ADOS é a Axencia de Doación de Sangue e Órganos do Sergas e xestiona estes recursos tan importantes para dar tratamento a persoas que precisan deles. Debido a que esta doación ten un carácter voluntario e altruista, unha das labores que debe facer esta axencia e a comunicación da importancia deste acto tan xeneroso.

Por esta razón trasladáronse ao centro un doutor experto en trasplantes e unha receptora dun órgano. O doutor aportou á charla os aspectos máis técnicos e a receptora explicou a súa experiencia como enferma, transmitindo como un órgano doado por outra persoa, salvou a súa vida.

Dende o IES queremos agradecer ao Departamento de Bioloxía a organización e ao equipo da ADOS por achegarse a Soutomaior a concienciar aos nosos estudantes da importancia deste xesto.

 

Horta escolar no IES de Soutomaior

Un ano máis, o Departamento de Bioloxía con Montse Escudero á cabeza, manteñen o espazo da horta do instituto en movemento.

Para a xestión deste espazo, a profesora traballou alí co alumnado da materia de Proxecto Competencial de 1º da ESO. Cómpre destacar que o traballo máis grande, o fixo un grupiño de voluntarios de 1º da ESO que sacrifican moitos dos seus recreos para coidar todas as especies plantadas.

A novidade deste ano foi aumentar a superficie do terreo anexando unha pequena parcela que está a ser habilitada como semilleiro.

Dende o centro queremos agradecer o traballo do alumnado voluntario e da profesora Montse que organiza esta actividade

Obradoiros Divulgaciencia: Comes con Ciencia

Dentro do programa de Divulgaciencia, o Concello oferta ao IES de Soutomaior Obradoiros para impartir no centro. Os Departamentos Didácticos escollen dentro destos os que máis se adecúan aos contidos que se estan tratando nas súas materias.

O mércores 3 de abril, o alumnado de anatomía de 1º de bacharelato disfrutou coa visita de David Ballesteros e o seu equipo, que expuxo de xeito moi inxenioso a relación da ciencia e dos sentidos cos alimentos. Os rapaces saíron sorprendidos da exposición e participaron de xeito activo e entusiasta.

 

Dende o centro queremos agradecer ao Concello as propostas e a David por ter mellorado un Obradoiro que xa trinfara o ano pasado.

 

 

Roteiro da Ostra

Tódolos anos a OMIX do Concello de Soutomaior traballa para deseñar unhas actividades o máis atractivas posibles, para que complementen as relacionadas coas que diariamente se realizan no instituto. Aquelas que están máis relacionadas coa ciencia, están enmarcadas dentro do programa de Divulgaciencia.

O mércores 3 de abril, recén chegados da Semana Santa, o alumnado de 1º da ESO puido disfrutar dunha caminata ata o peirao de Arcade, onde fixeron unha serie de actividades relacionadas coa flora e fauna da zona e de como preservar o noso ecosistema. Debido á proximidade dunha das festas máis queridas de Arcade, a temática dos contidos xiraron ao redor do noso bivalvo favorito; a ostra.

               

Ao día seguinte, as organizadoras da actividade viñeron ao IES de Soutomaior a completar a exposición dos contidos xa nas aulas e coa axuda dos medios audiovisuais cos que contamos.

                  

Coma tódolos anos, agradecer todo o traballo da OMIX pola coordinación e polos resultados acadados e tamén ao Departamento de Bioloxía e Xeoloxía por volcarse neste tipo de actividades tan interesantes para o alumnado.

Pódense ver o resto das imaxes colgadas na galería na seguinte ligazón

ACTUALIZACIÓN DAS PROGRAMACIÓNS BIOLOXÍA E XEOLOXÍA CURSO 2023/24

Premendo na seguinte ligazón pódese consultar as programacións didácticas actualizadas das materias do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía do curso 2023/24.

 

 

PROGRAMACIÓNS DO DEPARTAMENTO DE BIOLOXÍA E XEOLOXÍA CURSO 2023/2024

Premendo nos documentos adxuntos pódense consultar as programacións didácticas das materias do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía do curso 2023/24.

COMPOSICIÓN DO DEPARTAMENTO DE BIOLOXÍA E XEOLOXÍA NO CURSO 2023/2024

No curso 2023-2024 o departamento de Bioloxía e Xeoloxía está constituído polo seguinte profesorado:

- Lucía López Senín, xefa de departamento, imparte as seguintes materias: Bioloxía e Xeoloxía 1ºESO grupos A e B, Bioloxía e Xeoloxía 4ºESO, Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias ambientais de 1º bach, Anatomía aplicada 1ºbach. e prácticas de Bioloxía e Xeoloxía 3ºESO grupos A e B.

- Montserrat Escudero Fernández, titora de 3ºESO A, imparte as seguintes materias: Bioloxía e Xeoloxía 1ºESO grupos C e D, Proxecto competencial 1º ESO, Bioloxía e Xeoloxía 3ºESO e Bioloxía 2ºbach.

- Marta Martínez Silva imparte as prácticas de Bioloxía e Xeoloxía de 1º ESO.

- Iago Rodríguez-Doforno Paz imparte as prácticas de Bioloxía e Xeoloxía de 3º ESO C.

Proxecto competencial de 1º da ESO

Neste curso 22-23 o Departamento de Bioloxía cursou a materia de proxecto competencial en 1º da ESO atendendo contidos relacionados da materia dende un punto de vista máis práctico. Deste xeito procúrase que o alumnado adquira uns hábitos máis saudables de cara o coidado persoal, do grupo e do medio ambente.

Xa nos últimos días do curso, estiveron expostos no centro algúns dos traballos realizados visualizando problemas medioambientais como a xestión de residuos, como reducir o consumo enerxético, a presenza de microplásticos no ecosistema e nos organismos vivos e a proliferación sen control de especies invasoras introducidas no noso biotopo.

O Departamento de Bioloxía e Xeoloxía tamén leva uns anos traballando duro para manter o entorno do centro. E coa axuda do alumnado, ano a ano, vai conseguindo medrar unha horta que este curso tamén deu e dará os seus froitos.

Máis fotos na galería de imaxes do centro.

Saída didáctica A Coruña

Non podemos finalizar o curso sen lembrar a saída que realizou o alumnado de 3º da ESO e parte do alumnado de 4ºESO o 18 de maio á cidade Herculina.

Temos que agradecer ao departamento de Bioloxía e Xeoloxía, o Departamento de Educación Plástica e Visual e o Departamento de Xeografía e Historia a organización da actividade. Esta estivo motivada para darlles a oportunidade de coñecer unha das capitais máis fermosas da nosa comunidade. Pero tamén, sen dúbida, a visita estivo acompañada de elementos culturais e didácticos que xustificaron este esforzo.

Debido a que era un grupo ben numeroso, o alumnado dividiuse en grupos máis pequenos realizando pola mañá unha visita ao Castelo de San Antón (museo arqueolóxico) e un roteiro cultural por puntos importantes da cidade.

Xa pola tarde 3º da ESO dirixiuse ao museo do DOMUS e o alumnado de 4º da ESO aproveitou a presenza no museo de Belas Artes de Coruña da exposición "Picasso blanco en el recuerdo azul" e tiveron o privilexo de contemplar parte da obra de uns dos pintores máis influíntes do século XX.

Dende o centro queremos agradecer a Alba Loureiro, Lucía López Senín, Damián Otero e Ana Aguiar o seu esforzo acompañando e organizando esta fantástica aventura.

Máis fotos na galería

Distribuir contido


by Dr. Radut