Skip to Content

Complementarias

Finanzas para mortais

Esta mañá deu comezo o programa "Finanzas para mortais" no que participa o alumnado de Economía de 4º ESO C e que contará cunha segunda sesión o 22 de febreiro. A charla foi impartida por José Carlos Pérez Pazos e abordou cuestións financeiras básicas como activar contas e tarxetas bancarias, operar na banca on line, a seguridade nas operacións e novos modelos de pagamento como Bizum.

Esta actividade ten por obxecto fomentar o emprendemento e a cultura financeira no sistema educativo non universitario como motores da innovación, a competitividade e o crecemento da economía, e encádrase no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo Eduemprende no que colaboran a Consellería de Educación, a Fundación da Universidade de Cantabria para o estudo e a investigación do sector financeiro (UCEIF) e o Banco Santander S.A.

 

A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa

Entre a Candeloria (2 de febreiro), a data do amor na tradición, e o San Valentín (14 de febreiro), o alumnado de 2º de Bacharelato anima os seus compañeiros e compañeiras a declarar o seu amor en tempos de pandemia.

Anxo, Paula, Laura, Sabela, Xoel, Leticia, Juncal, Aia e Adriana encargaranse de recoller as cartas e entregalas ás persoas destinatarias, sempre de acordo coas medidas de seguridade e hixiene ás que obriga a crise sanitaria.

Participación no III Torneo de Debate Académico de Galicia

Dous equipos formados por Marta Alonso, Laura Lorenzo Comesaña, Miguel Velasco e Álvaro Domínguez (IES Soutomaior 1) e Laura Amoedo, Paula Estévez, Blanca Quiñones, Ángel Otero e Laura Lorenzo Meira (IES Soutomaior 2), respectivamente, participaron no III Torneo de Debate Académico de Galicia que se está disputando dende o 25 de xaneiro de forma non presencial coa participación de 44 equipos escolares de toda Galiza.

O torneo organizado pola Fundación Barrié ten como finalidade ofrecer aos máis novos e ás máis novas unha ferramenta excepcional para o seu desenvolvemento académico e persoal, a oratoria, e nesta edición formulou a pregunta: “Deben os países membros da Unión Europea limitar as liberdades fundamentais para salvagardaren o benestar colectivo?”.

O alumnado dedicou semanas á investigación e á preparación das posturas A Favor e En Contra desta pregunta, traballo que acadou unha intensidade importante no último mes e que foi premiado cuns resultados máis ca meritorios, tanto en puntuación como en vitorias. Pero, máis alá disto, é preciso felicitalos pola súa implicación e estamos seguros de que os moitos nervios e as moitas horas dedicadas foron compensadas coa convivencia, o progreso na súa aprendizaxe e a experiencia acumulada nos debates cos outros equipos, así como co aproveitamentos das observacións das xuízas que valoraron o seu desenvolvemento ao longo de tres xornadas.

Agora, comeza a preparación da próxima cita, o Parlamento Xove 2021, que propón o seguinte tema de debate: "Debería un estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación?"

Usos do compost: un futuro que xa é presente

Este pasado luns 1 de febreiro o alumnado de 4º ESO asistiu á charla "Usos do compost", que dá continuación á serie de actividades formativas que se desenvolven no centro no marco do Plan Revitaliza da Deputación por iniciativa do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía. 

Desta volta, os amigos e amigas de Teixugo S. Coop Ambiental voltaron ao noso instituto para abordar co alumnado como se pecha o ciclo da compostaxe, tendo en conta tanto os usos particulares coma os colectivos, dende a horta ata a aleboarción de abonos como en proxectos de rexeneración ambiental, no que os datos presentados resultan apabullantes e axudan a visualizar con claridade a necesidade de seguir apostando pola compostaxe como clave do noso desenvolvemento futuro, que xa é presente. Premede aquí ou na imaxe.

O contacto entre linguas, un atractivo campo de investigación universitaria

Este venres 29 de xaneiro contamos coa visita de Francisco Dubert, profesor do Departamento de Filoloxía Galega da USC, membro do Instituto da Lingua Galega e codirector da revista Verba, que nos aproximou ao apaixonante mundo das linguas en contacto nunha viaxe que nos levou dende a orixe da humanidade ata a realidade sociolingüística galega pasando por Estados Unidos, Papua Nova Guinea, Australia ou os idiomas de Europa. 

A actividade coorganizada polos Departamentos de Orientación, Lingua Galega e o Equipo de Normalización Lingüística, enmárcase dentro do programa A Ponte entre o ensino medio e a USC, promovido pola USC para achegar aos centros de ensino secundario o traballo que se desenvolve na universidade.

A conferencia, de ton ameno e salferida de exemplos e casos prácticos, achegou o alumnado ao contacto de linguas, unha situación que se dá de forma habitual ao longo de todo o mundo e que suscita a reflexión sobre as súas implicacións no noso día a día tanto a nivel individual como no que ten a ver coa forma en que nos relacionamos en socidade. 

Charlas Universidade e ABAU

  

Na mañá de hoxe, Vicente Moreno de las Cuevas, docente en distintos Graos e Mestrados da Universidade de Santiago de Compostela (Facultades de Física e Óptica), impartiu 2 charlas no centro sobre a Universidade e as ABAU para os dous grupos de 2º de Bacharelato.

A actividade enmárcase dentro do programa A Ponte entre o ensino medio e a universidade, que ten como fin achegar ao alumnado o acceso á Universidade e os recursos da USC (titulacións, plans de estudo, becas, residencias, actividades complementarias...).

Agradecemos o seu esforzo duplicando a actividade para ofrecela ao alumnado nos seus grupos (burbulla); unha das moitas medidas que procuramos manter, especialmente dada a alta incidencia do virus no momento actual.

Reencontrándose na lectura

Y entonces nos perdimos... Este foi o suxerente título do cómic de Ryan Andrews que reuniu unha vez máis o alumnado que forma parte do club "Narrando con imaxes".

É a Festa do Equinoccio e o pobo reúnese para lanzar ao río centos de farois. A lenda conta que unha vez que os perdes de vista, voan cara á Vía Láctea e se converten en estrelas, mais Ben e os seus amigos queren averiguar qué sucede realmente. O plan é ir en bici seguindo o río o tempo que faga falla ata descubrir a verdade.

E, para partillar esta emocionante aventura e moito máis, os rapaces e rapazas do club se reuniron nun lugar tamén orixinal para gardar as medidas de seguridade, o ximnasio, onde foron xurdindo conversas e ilustracións que vos animamos a ver no blogue da biblioteca. Para mostra, un exemplo.

Economía circular e novos modelos de negocio

A profesora Pilar Piñeiro García, do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, visitou o noso centro o pasado venres 22 de xaneiro para lle achegar ao alumnado de 1º BACH C e 2º BACH B os principios da economía circular e os novos tipos de negocio que se basean neste novo modelo produtivo.

Nas súas dúas ponencias, que forman parte do ciclo de charlas científico-divulgativas que as Universidades de Vigo e Santiago ofertan ao alumnado de Bacharelato para achegalo aos estudos universitarios, a profesora abordou os obxectivos deste modelo produtivo que ten por finalidade manter o valor dos produtos, materiais e recursos durante o maior tempo posible na economía e reducir ao mínimo a xeración de residuos. explicou, así mesmo, que para conseguilo, é preciso ir alén dos 3R (reducir, reutilizar e reciclar) e avanzar cara aos 9R (repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar, reciclar e recuperar enerxía). Presentou, así mesmo, numerosos exemplos e os principais modelos de negocio baseados na economía circular e, no formato de obradoiro-relatorio, guiou o alumnado para identificar boas prácticas na súa vida diaria e/ou no instituto e para propoñer boas prácticas de economía circular que poderían adoptar no seu día a día.

O alumnado de Bacharelato achégase á universidade

Onte deu inicio no noso instituto o ciclo de charlas científico-divulgativas que as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela ofertan ao alumnado de Bacharelato para achegalo aos estudos universitarios, ás investigacións que desenvolven nos seus centros e ás saídas profesionais que poden ter nun futuro non tan afastado. Así mesmo, estas xornadas organizadas polo Departamento de Orientación e os Departamentos Didácticos do IES tamén procuran informar e orientar o alumnado como futuro estudante universitario, para que poida elixir os estudos que máis se adapten ás súas preferencias.

Que se fai na Informática industrial?

Esta foi a temática que Manuel Pérez Cota, Catedrático do Departamento de Informática da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo, abordou onte co alumnado de 2º BACH A na primeira das charlas do ciclo. O profesor deu a coñecer os principais avances na informática industrial, desde a utilización dos computadores ata a impresión 3D, facendo ver como é posible que se deseñe calquera cousa utilizando unha computadora e seguindo o seu proceso ata que se fabrica con control por computadora. Entender o marabilloso mundo da programación para sistemas industriais de control, visión artificial, internet das cousas (IoT), robots, etc.

Quen vive aí?

Comecemos por fixarnos no chan que pisamos. Esa é unha terra viva. E así, os amigos e amigas de Teixugo S. Coop Ambiental voltaron ao noso instituto para, no marco do Plan Revitaliza da Deputación e grazas ao Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, seguir formando o alumnado de 1º ESO na compostaxe, unha estratexia colectiva que procura reducir a cantidade de residuos que acaban no colector e precisa de todos e todas nós coa finalidade de pechar o ciclo da materia orgánica, ademais de axudar a frear o cambio climático.

En concreto, os rapaces e rapazas identificaron os invertebrados presentes no composteiro, sinalando a súa función no proceso da compostaxe, a través de sinxelos capturadores de fauna e material de aumento e chaves dicotómicas.

Ademais, o alumnado de 1º ESO tamén está a coñecer mellor o mundo dos fungos grazas á plantación de cogomelos e shiitake en alpacas que temos no IES. Moito che nos presta esta colleita! A que si?

Distribuir contido


by Dr. Radut