Skip to Content

Complementarias

Brigadas Ecolóxicas Lixus Marítimus: pensamos globalmente, actuamos localmente

As Brigadas ecolóxicas: lixus marítimus, compostas polos mozos e as mozas de 2º ESO, realizaron unha acción de limpeza e reciclaxe de plástico os pasados 25 e 26 de maio para demostrar que os residuos que ameazan o noso planeta non están moi lonxe, senón que están na nosa contorna máis inmediata, que os xeramos nós mesmos e que somos responsables directos da súa redución, a súa reciclaxe e a súa reutilización.

A actividade, organizada pola Concellería de Educación de Soutomaior e acollida polos Departamentos de Bioloxía e Tecnoloxía, procura a sensibilización sobre o uso excesivo de plásticos nas nosas vidas e a súa posterior xestión, descontrolada, como residuo que afecta de maneira directa á nosa contorna e ao noso planeta. Despois dunha charla introductoria no propio instituto a cargo das educadoras medioambientais, o alumnado realizou a acción de limpeza e reciclado do lixo, cumprimentou unha ficha técnica e logo participou dun obradoiro de estampaxe de sumidoiros sobre bolsas de tea. E, por suposto, houbo tempo para a convivencia e para gozar dun día de sol na natureza, como ben se pode ver nesta galería de imaxes.

Coma sempre, agradecemos a proposta da Concellería de Educación e a implicación total das monitoras, da OMIX e Protección Civil por facer posible esta xornada formativa e de convivencia, xunto co profesorado implicado.

Remata o prazo para entregar traballos para a campaña "Penso, logo existo... en galego!"

Mañá, venres 28, remata o prazo para entregar traballos neste certame que convoca a Concellería de Cultura de Soutomaior. Botádelle unha ollada con atención ás bases e, s etedes dúbidas ou procurades unha supervisión do voso traballo, escribide ao departamento de Lingua Galega: linguadenegueiros(arroba)gmail.com.

Entre os ríos Verdugo e Oitavén

O mal tempo obrigou a adiar as saídas de 1º ESO A e C e do alumnado de Bioloxía de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, mais os rapaces e rapazas de 1º ESO B e D si que puideron gozar do roteiro polos ríos Verdugo e Oitavén que tivo lugar o pasado martes 4 de maio.

Esta andaina enmárcase no programa "Efecto dominó. Entre ríos", unha iniciativa das Concellarías de Educación e Medio Ambiente acollida polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía do noso centro e que xa no mes de marzo contemplou unha primeira fase formativa con charlas que tiñan como finalidade activar coñecementos xerais do alumnado.

Neste roteiro, o alumnado de 1º ESO coñeceu os valores ambientais dos espazos naturais que constitúen as ribeiras do Verdugo e do Oitavén, os ríos que atravesan e dan vida ao noso concello, da man das monitoras Carla e Nerea.

Máis imaxes da xornada neste álbum de fotos

O roteiro partiu da Ponte da Comboa e da Presa do inferno e rematou na praia fluvial da ponte colgante, na que o alumnado gozou do merecido xantar e da convivencia a carón das augas do Verdugo. Durante o roteiro fixeron diferentes actividades, como unha de orientación por parellas, na que aprenderon a ubicar as pontes, a confluencia dos ríos, etc. no mapa. Tamén fixeron unha actividade de identificación de fauna e flora, especies invasoras incluídas, tarefa que realmente os ocupou durante toda a andaina estimulados polos retos e xogos propostas polas monitoras.

Ao participaren no proxecto, os rapaces e as rapazas recuperan boas prácticas ambientais, poñen en valor os recursos medio ambientais e convértense en axentes sensibilizadores para achegar estes valores ao maior número de persoas. 

Encontro de Fernando Llor e Miguel Porto, autores da BD "Subnormal", cos lectores e lectoras

Esta mañá tivemos a sorte de partillar conversas e reflexións con Fernando Llor e Miguel Porto, guionista e ilustrador da banda deseñada sobre acoso escolar Subnormal, que leron os rapaces e as rapazas dos clubes de lectura Narrando con Imaxes e Aquí lemos tod@s. 

O alumnado coñeceu polo miúdo o proceso creativo do cómic, coñeceron máis de perto a historia, dura e real, do acoso escolar padecida por Iñaki Tellería na súa mocidade e participaron activamente coas súas reflexións e preguntas neste encontro cos autores da obra, a quen agradecemos que o fixeran posible.

Máis información no blogue da biblioteca.

Achegamento á actividade empresarial: Naturgy

O alumnado de Tecnoloxía Industrial de 1º de Bacharelato participou esta mañá nunha visita (virtual) á empresa Naturgy no marco do Programa EduTecEmprende, da Consellería de Educación, que ten como finalidade motivar e sensibilizar o alumnado de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover a súa achega ás áreas STEM.

Encontro con Miguel Porto e Fernando Llor, autores de "Subnormal"

As rapazas e os rapaces do Clube de Lectura Narrando con Imaxes manterán mañá un encontro cos autores do cómic "Subnormal", unha obra que os impactou e mesmo motivou esta intervención nos corredores do noso centro.

Denuncian as paredes...

"Se te sorprende ler estas palabras na parede do instituto, 
por que non actúas cando as escoitas na túa aula?"

Os rapaces e as rapazas do clube de lectura "Narrando con imaxes" fixeron esta mañá unha intervención nun espazo común do instituto para convocarnos ao resto da comunidade educativa á reflexión que encabeza esta entrada, reflexión motivada pola lectura e a posta en común da obra Subnormal, de Miguel Porto e Fernando Llor.  

Máis finormación e imaxes no blogue da biblioteca.

Programas socioeducativos non formais 2020-2021

Tralo regreso das vacacións, deuse continuidade ás diferentes accións do Programa Ti Decides!, que se organiza dende a Concellaría de Xuventude e a OMIX de Soutomaior en colaboración co Departamento de Orientación do IES: "Ciberseguridade e cidadanía dixital" para 1º ESO coas monitoras de KidCode, e de "Sexualidade" e de "Prevención de Condutas de Risco" con Amaina en 2º ESO.
O alumnado de 4º ESO tamén completou a liña formativa "Sintoniza coa túa melodía profesional", que procura descubrir, a través dunha experiencia de xogo, as habilidades e todas as oportunidades que se poden atopar no actual mundo laboral.

Subnormal

Parva, idiota, maricón, gordo, puta, marimacho, zombi, imbécil... subnormal! 

Subnormal, esta foi a lectura que este venres reuniu o alumnado que forma parte do clube "Narrando con imaxes". A obra, de Fernando Llor e Miguel Porto, baséase nas vivencias de Iñaki Zubizarreta, ex-xogador de baloncesto que cando tiña 11 anos sufriu acoso escolar, "ese monstro con cara de neno que estraga infancias, marca vidas e, nos casos máis extremos, chega a provocar que nenos de curta idade atenten contra si mesmos", tal e como afirma o protagonista no epílogo deste cómic.

Este libro xa esá dispoñible na nosa biblioteca para toda a comunidade educativa. Animámosvos a coñecer de primeira man as reflexións e a ollada dos rapaces e as rapazas do clube entrando no blogue da biblioteca

Participación no Parlamento Xove 2021

Recén rematado o último debate da categoría de Bacharelato do Parlamento Xove 2021, cunha vitoria para despedirse con bo sabor de boca, só resta darlle a noraboa ao equipo formado por Marta Alonso, Laura Amoedo, Paula Estévez e Laura Lorenzo polo gran traballo realizado nas últimas semanas.
Foron moitas horas de investigación, aprendizaxe e convivencia levadas con moi bo ánimo e compañeirismo. Hai que destacar tamén a colaboración dos seus compañeiros Blanca Quiñones e Álvaro Domínguez, así como de Montse e Manuel, da cafetería do centro, por axudarnos en todo o que lles pedimos.
Distribuir contido


by Dr. Radut