Onte, martes 22 de abril, botou a andar o Clube de Lectura en Galego para Adultos do IES de Soutomaior con motivo da celebración da I Feira do Libro de Soutomaior e na véspera do Día do Libro.
Máis imaxes do encontro aquí.
Para esta estrea, tivemos a sorte de contar coa presenza de María Rei Vilas, autora da primeira lectura escollida, Flores de ferro, coa que mantivemos unha agradable conversa sobre o proceso da escrita, sobre como se xestou a historia e aínda máis: o trasfondo histórico do golpe de estado franquista e a ditadura que abriron a porta de inferno da violencia e a represión, os silencios e os traumas que arrastramos sobre esa época nas familias e na sociedade, a evolución dun mundo rural en desaparición... e, sobre todo, dos personaxes nunha novela de marcado protagonismo feminino (Camila, Olga, Aurora, Helia, Lola, Matilde, Catarina, Esperanza, Nidia...) que nos arrastran cara á revelación dun segredo que vos convidamos a descubrir.
Horas antes, no acto de inauguración da I Feira do Libro de Soutomaior na Alameda Talo Río, algúns dos membros dos clubes de lectura do IES de Soutomaior improvisaron unha breve performance que incluíu unha solta de libros entre as persoas asistentes. Grazas Lucía, Sofía, Álvaro, Xiana e Clara por colaborar neste evento, no que tamén participaron tres alumnas do Colexio Santiago Apóstol que fixeron unha invitación á lectura a través dun texto de Xulio Verne e deron a coñecer o programa da feira acompañadas pola son excepcional do oboe.
A programación inclúe a presenza de dous profesores do centro, Irene Alonso, que estará presente cos libros A caca Cuca e As cicatrices do caranguexo, e Orlando Beares, con A historia do cómic en Galicia.