Skip to Content

Complementarias

Voltaron as Regueifas

Non podemos esquecernos do Obradoiro de Regueifas ao que se anotaron alumnos e alumnas voluntarios de 2º ESO A, 2º ESO B e 2º ESO C.

O profesor convidado foi Luis "O Caruncho", gaiteiro, zanfonista, cantante e incluso aprendiz de actor. Sen dúbida todas estas dotes artísticas fan del un dos máis requeridos traballadores da música en Galiza. Leva anos dinamizando esta rica tradición oral nos medios, en escolas específicas e nos certames que se celebran a todos os niveis.

Este obradoiro organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, grazas a un programa da Asociación Oral de Galicia de Valadares e a Deputación, tivo dúas partes. Na primeira (19 outubro)  participou todo o alumnado voluntario e na segunda (9 de novembro) xa participou únicamente alumnado seleccionado polo seu bo traballo na primera sesión.

                               

Galería de fotos

Na segunda parte deste vídeo, o noso protagonista actúa en Villanueva de Tapia, municipio de Málaga xunto con arcadio Camano onde estableceron un duelo poético marabilloso, cada un na súa lingua e tonada diferente.

 

 

Magosto 2022

Neste curso 2022, o Magosto estivo marcado pola ameaza de choiva. Iso non impediu que o alumnado do IES de Soutomaior puidera disfrutar dunha cata do froito máis querido nestas datas: as castañas.

Queremos agradecer ao alumnado, ás familias e os profesores que coa súa xenerosidade contribuiron a xuntar unha boa morea, permitindo que non houbera ninguén no centro que quedara sen elas.

 

                          

 

 

 

Nós decidimos!

aaa

Memoria de Barcelona

Álbum de fotografías

Neste curso 2021-2022 puidemos recuperar a tan desexada viaxe de fin de etapa de 4º ESO. De acordo coas familias e con moita cautela por mor da alerta sanitaria, aló por novembro puxemos mans á obra, organizamos as actividades de financiamento e escollemos o destino. Por fin, despois de moitos meses de espera impaciente, o 5 de abril 50 alumnos/as, acompañados por Nieves, Fernando e Lucía Galván, saíron rumbo a Barcelona para compartir 5 días de experiencias en León, Burgos, Calafell, Tarragona, Logroño e a capital catalá. O programa combinou visitas de interese cultural (Museo da Evolución Humana, Sagrada Familia, Parque Güell, a visita ás cidades, ruínas romanas de Tarragona, etc.) e moitos lecer. Pero é mellor que o expliquen as alumnas coas súas propias palabras:

Lucía Castrillo

O primeiro de todo agradecervos a Román e ao profesorado que nos acompañou na viaxe a vosa implicación para facela posible. Gustoume moitísimo e gocei cada minuto para gardar por sempre todas as lembranzas que vivimos. Ademais gustoume que, á parte de momentos de diversión, tendas etc. tamén houbo un turismo cultural que nos permitiu disfrutar e coñecer moitas cidades e o seu patrimonio histórico. 

Paula Vila

A viaxe pareceume inesquecible e impresionante, xa non só polas actividades que fixemos e todo o que visitamos, que foi precioso, senón polo compañeirismo que tivemos entre todos e o bo rollo que houbo, acabamos xuntándonos todos con todos e iso foi incríble, como a confianza que tiñamos entre todos e cos profes. A Fernando e a Nieves xa os coñeciamos de clase pero a Lucia non e encaixamos moi ben con ela dende o primeiro día, caeunos xenial e houbo moi bo rollo con ela e con Nieves e Fernando... E vacile e bromas entre todos pero sempre con respecto, e iso encantoume e pareceume esencial. Sen dubida repetiría a excursión con eles e todos os compañeiros. E darlle as grazas a Román por organizar todo e ter tanta paciencia con nós. 

Festival de fin do curso 2021-2022

O mércores 22 de xuño despedimos o curso cunha xornada festiva e de convivencia entre o alumnado e o profesorado que se desenolveu entre o campo de fútbol e o centro.

Máis imaxes das actuacións de Acrosport aquí

O día comezou coa mostra de acrosport, actividade na que participaron os grupos de 1º, 3º e 4º da ESO que, despois de moitos días de preparación e ensaios coordinados por Modesto e Vanesa, realizaron os seus números para os seus compañeiros e compañeiras que os seguían dende as bancadas.

Máis imaxes do partido e o ambiente das bancadas aquí

Ao remate, foi a quenda do partido de fútbol amistoso, pero non por iso menos competitivo, entre unha selección de alumnado de 1º ESO e outra selección de profesores e profesoras. Brincos, caneos, carreiras, goles e moitos risos e ningunha lesión que lamentar, así que xa estamos para outra! 

Máis imaxes das actuacións musicais aquí

Finalmente, xa de volta no Instituto, Carla, Libertad e Uxía (2º ESO C) presentaron o festival musical que coordinou a profesora Paula. En primeiro lugar, actuou 4º ESO con tres cancións coñecidas e dous temas de composición propia.

A continuación, o grupo formado por Lucía (2º ESO A) e Joaquín, Gael, Chechu, Jesús e Breogán (2º ESO B) interpretaron un mix de cancións rockeiras, como "Zombie", de Cramberries, e "Soldadito marinero", de Fito, ademais doutras como "La Llorona". E xa con Lucía ao piano, chegou "Alive", de Sia, con Rui (2º ESO B), e "Lovely", de Billie Ellih. Por último, Leo Porto rapeou tres temas propios. 

Non queda máis que desexarvos un bo verán e que gocedes das vacacións. Vémonos en setembro!

Graduación da Promoción 2020-2022 de Bacharelato

Galería de imaxes

Acompañados polas familias e o profesorado, o pasado domingo 12 de xuño celebramos a Graduación da Promoción 2020-2022 de 2º de Bacharelato. O acto foi conducido por Álvaro Domínguez, Laura Alonso, Abril Alves, María Orge e Alejandro Bouzón, e contou coas palabras que o alcalde e o director do centro lle dedicaron a estes alumnos e alumnas que xa voan alto logo dun curso esixente e intenso, de nervios e dúbidas, mais tamén de risos e ilusións.

Noraboa a todos/as e moita sorte!

Agardando pola II Feira da Ciencia de Soutomaior

Álbum de imaxes da Feira

Do 11 de febreiro ao 5 de maio o noso centro tivo a oportunidade de formar parte do proxecto Divulgaciencia, promovido pola OMIX e a Concellaría de Educación de Soutomaior e apoiado pola FECYT e o Ministerio de Ciencia e Innovación. Este programa educativo procura espertar a curiosidade pola ciencia e difundir contidos científico-tecnolóxicos usando unha metodoloxía dinámica, experimental e lúdica que motive a participación e interacción do alumnado e da poboación en xeral.

Ademais das actividades abertas a toda a veciñanza, os tres centros educativos do municipio acollemos unha serie de actividades formativas previas para o alumnado de diferentes cursos e para o profesorado:

Durante todo ese tempo fóronse desenvolvendo diferentes proxectos no centro, coordinados por Lucía López, Menchu, Gabriel e Manuel Cuervo, e que foron presentados polos rapaces e as rapazas ante o alumnado do noso e doutros centros e ante as familias e as centos de persoas que ateigaron durante toda a xornada a carpa que acolleu a I Feira da Ciencia. O evento, que se desenvolveu o 5 de maio na Alameda Talo Río, mostrouse a aplicación práctica dos proxectos levados a cabo no centro e supuxo unha oportunidade extraordinaria como experiencia para o profesorado e un alumnado entusiasmado polo que tivo de motivador, de xornada de convivencia e de apoderamento do alumnado, que demostrou as súas habilidades comunicativas, como se pode ver na crónica fotográfica e mais na cobertura que fixo TV Soutomaior. Proxectos do centro:
- Invernadoiro con tensegridade.
- O lavado das mans protéxenos dos fungos que nos rodean?  Premio Revelación Secundaria.
- Foguete de bicarbonato. Premio Divulga ESO.
- Regulador de luz baseado en Arduino (Premio Innova).
- Proxector de hologramas. Premio Comunica.
- Vehículo con rodas “mecanum”. Premio Revelación Secundaria.
- Plastórganos.
- As augas do noso pobo: a auga é vida e a auga limpa é saúde. Premio Rigor Científico.
- Estudo da investigación sobre a situación da muller no mercado laboral no contorno do IES de Soutomaior. Premio Divulga BACH.

Así pois, cómpre felicitar á OMIX, Concellaría de EDucación e a Ceo Aberto por nos permitiren gozar desta experiencia e mais polo formato e a organización profesional do encontro, que vai ter unha moi agardada segunda edición no ano 2023. E, por suposto, hai que lle dar a noraboa ao profesorado e o alumnado participante polo traballo e os resultados acadados.

Despedida do club de lectura de 1º ESO

A posta en común dun novo cómic e unha xincana detectivesca serviron de broche de ouro para a última sesión do Club de Lectura de 1º da ESO, que tivo lugar o pasado martes 14 de xuño na Biblioteca. A obra escollida foi A proba de auga, da escritora e debuxante viguesa Anémona de Río (Aldara Álvarez García).

Recomendámosvos repasar os títulos, coma a penúltima lectura deste grupo (La memoria del agua) que foron lendo os membros dos diferentes clubs de lectura do instituto, darlle os parabéns a tantos mozos e mozas por contaxiar e gozar a paixón da lectura e agradecer, especialmente á profesora Iria Cortegoso, a dinamización e o fomento da lectura e todo o traballo desenvolvido ao longo de todo o curso.

Que teñades boas e pracenteiras lecturas este verán!

Participación na Fase Final do Parlamento Xove '22

Máis imaxes das fases clasificatoria e final aquí

Marta, Sonia, Victoria, Brais e Rebeca participaron esta fin de semana na Fase Final do torneo de debate Parlamento Xove.

Nos cuartos de final tocoulles defender a postura a favor ante a pregunta "Debe a Unión Europea actuar militarmente en terceiros países na defensa dos dereitos humanos?" e, aínda que o debate foi gañado polo Colexio Peñarredonda, fixeron un bo papel, na liña das eliminatorias previas de marzo, cando se clasificaron en 4º lugar tras gañar os tres debates. 

Hoxe acudiron ao Parlamento de Galicia para presenciar as semifinais e finais das tres categorías (ESO, BACH e Universidade) e seguir aprendendo e compartindo esta experiencia con rapaces e rapazas de toda Galicia. 

Moitos parabéns! Estamos orgullosos/as do gran traballo que realizastes e do ben que representastes o noso centro. E tamén do compañeirismo e o apoio que destes ao equipo do Colexio Santiago Apóstol, que quedou 2º na categoría da ESO e gañou o Premio ao Mellor Artigo de Investigación. Noraboa a Iliana, Gabriel, María, Emilio e á súa profesora María Leal. Estivestes enormes!

Agradecemos tamén o apoio aos equipos de Soutomaior do deputado Manuel Lourenzo, que seguiu os debates no hemiciclo e participou na entrega de premios.

Encontro con Sara Vila, autora de 'Oito días sen Eva Cortes'

O Club de Lectura de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato mantivo o xoves 16 de xuño un encontro coa escritora e xornalista Sara Vila. A autora compartiu con todo ese alumnado lector as opinións e sensacións da novela "Oito días sen Eva Cortes", coa que gañou o Premio Illa Nova de Narrativa 2021.

Nunha animada e participativa sesión abordáronse temas, presentes na obra, de tanto atractivo e actualidade como os prexuízos sociais, a situación laboral, a liberdade, o concepto de xornalismo, etc.

Os distintos planos e voces narrativos (a de Eva Cortes, a moza desaparecida; a de Antía Ubeira, a xornalista; a do Correo de Pontevella, o xornal; ou aas dos demais personaxes... como Gael) combínanse nunha trama chea de intriga e suspense que logra seducirnos absolutamente.

En fin, convidamos a ler, quen non o fixo aínda, esta grande novela

Distribuir contido


by Dr. Radut