Skip to Content

Complementarias

Obradoiro de Teatro

Unha selección de alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato tivo ocasión de participar no taller de teatro impartido no IES por Saida Rkiek Sghiar. Saida, veciña de Soutomaior, cursou estudos de Arte Dramática na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo, e é directora de escena, actriz e autora de varios libros relacionados coa Arte Dramática.

A primeira xornada serviu de introdución teórica ao concepto de performance e rematou con prácticas e introdución a ferramentas básicas para preparar unha performance.

A segunda xornada foi adicada plenamente á interpretación, cunha actuación centrada no uso dos teléfonos móbiles, que pretende reflectir o "secuestro emocional" que estes ocasionan moitas veces, especialmente cando abusamos deles.

 

 

 

 

Na imaxe, o alumnado na súa representación "abducidos polos teléfonos móbiles".

 

De roteiro mediomabiental polo Verdugo e o Oitavén

O pasado martes o alumnado de 1º ESO participou nun roteiro medioambiental polas ribeiras dos ríos Verdugo e Oitavén, que vén dar continuidade ás actividades de coñecemento da nosa contorna que organizan a Concellería de Educación e a OMIX de Soutomaior en colaboración co Departamento de Bioloxía do IES.

O tempo acompañou nunha xornada que comezou na Ponte da Comboa e rematou na Ponte Colgante. Acompañados dos monitores e do profesorado, os rapaces e rapazas coñeceron máis polo miúdo as plantas e as árbores típicas dos bosques de ribeira mais tamén puideron observar en primeira persoa o impacto das especies invasoras pero tamén da contaminación que se fai visible por medio de numerosos refugallos (envases, latas, cabichas, microplásticos...) dos que nós somos responsables directos.

Día Internacional do Medio Ambiente

Máis imaxes neste álbum

O pasado venres sumámonos a unha nova edición da campaña "Unha árbore por Europa" con motivo do Día Internacional do Medio Ambiente, que se celebra cada 5 de xuño dende 1972 co obxectivo de sensibilizar a sociedade na necesidade dun desenvolvemento sostible para o planeta. 

A nivel local, Soutomaior comprometeuse con outros municipios para, a través da plantación simbólica de árbores e plantas, visibilizar a importancia do desenvolvemento sostible no ámbito local e involucrar os mozos e as mozas nos procesos de toma de decisións en materia de sustentabilidade.

Neste acto, no que participou o alumnado de 2º ESO B, non só se plantou unha árbore senón varias: unha limeira, un framboeseiro e un aguacate. E, ademais, sementes de diversos tipos de flores. 

Haille que agradecer ao Concello, que estivo presente na figura do alcalde Agustín Reguera, a dotación destas novas árbores e plantas que van humanizando aos poucos, xunto con outras plantacións anteriores, a contorna do edificio. E, como non, dámoslle as grazas a José, o mestre composteiro, por dirixir os traballos; á OMIX e ao Departamento de Bioloxía por organizalo; e, por suposto, os rapaces e as rapazas que se involucraron na actividade.

Entrevista a David Amor

O pasado martes 10 de maio Hugo Bouzón, Raquel Trabazo, Pablo Vidal e Christian Ramón, con Miguel Ángel Barral como técnico de son, alumnado do Obradoiro de Habilidades Comunicativas, entrevistaron o humorista e actor David Amor, que visitou o centro no marco do programa da Semana das Letras Galegas. Daquela conversa saíu este programa de radio que vos convidamos a escoitar. Noraboa ao alumnado polo traballo: hai madeira de xornalistas! E grazas a David Amor por brindarlles esta oportunidade.

A música que abre e pecha o programa é o tema "Oie, gayego", de Verto Temazos.

Torneo de Xadrez Intercentros en Redondela

Máis imaxes da xornada neste álbum fotográfico

   Alumnado de 1º e 2º de ESO acudiu á Alameda Castelao de Redondela para participar este vernes 20 de maio, no II Torneo de Xadrez Intercentros.

   Un total de 80 participantes de distintos centros da zona: os IES Mendiño, Floriani e Chapela; e os CEIP Santa Mariña, Cesantes, Quintela e Igrexa Chapela.

   Hai que destacar o carácter eminemente lúdico e educativo do torneo, que pretendía servir de iniciación e animar á práctica do xadrez, á marxe do resultado. Esto foi así, especialmente no caso do noso IES, no que acudimos cunha equipa pouco experimentada, que xogaban o seu primeiro torneo, coa premisa de pasalo ben e seguir aprendendo. A equipa formouse con alumnado que acudiu durante o curso a xogar os mércores á biblioteca. Ademais dos que puderon asistir nesta ocasión, hai outros alumnos/as que xogan ou queren aprender a xogar ao xadrez, polo que esperamos que este xerme vaia a máis.

   Ao rematar a actividade, entregáronse trofeos aos 3 primeiros alumnos/as clasificados e medallas a todos os participantes, e o Maestro FIDE  Xulio del Prado (de tan só 15 anos) deu unha pequena charla.

   Temos que destacar e agradecer a boa organización do torneo, a cargo da Concellería de Deportes de Redondela e o IES Pedro Floriani.

Contarmos o mundo dende Nós

A clausura da Semana das Letras do noso centro veu da man de María Obelleiro, directora de Nós Diario, único xornal diario de alcance galego publicado no noso idioma. A nosa convidada, natural de Arcade,  é licenciada en Xornalismo pola USC e conta co Grao en Educación Primaria e o Mestrado Universitario de Protcolo pola Universitat de Barcelona. Especialista en Igualdade, dirixiu o semanario Sermos Galiza e colaborou en diferentes medios como a Radio Galega ou Tribuna Catalana. Foi Premio Johan Carballeira de Xornalismo en 2017.  

Na súa charla co alumnado de 1º BACH, Obelleiro destacou a importancia de contarmos con medios de comunicación en lingua galega e a necesidade de transmitir o que está a acontecer aquí e mais no mundo cunha ollada propia. Non obstante, a realidade actual dos medios no noso país evidencian que non existe unha política real e efectiva de apoio aos medios en galego; moi ao contrario, os datos indican que quedan á marxe das convocatorias da Xunta.

Así mesmo, María Obelleiro foi repasando para o alumnado os contidos e seccións do xornal e destacou o importante espazo que lle dedica o medio que dirixe á información cultural, deportiva e de lecer, sobre todo no suplemento Sermos Galiza da fin de semana, que acolle contidos relacionados coa arquitectura, belas artes, gastronomía, cinema, teatro, rotas naturais, etc. Non pasou por alto a importancia da versión dixital hoxe en día e achegou o alumnado ao día a día do traballo na redacción, o que de seguro activou aínda máis o interese daqueles estudantes que todos os anos se deciden polo xornalismo ao remataren o Bacharelato.  

Boyhood. Momentos dunha vida

O próximo martes 24 de maio terá lugar a última sesión da Escola de Familias de Soutomaior deste curso. A cita será ás 18:30 na Aula de Usos Múltiples do IES e está aberta a todas as familias que se inscriban a través deste formulario.

Contidos: “Boyhood. Momentos dunha vida” (o cinema como experiencia de aprendizaxe).

Previamente, facilitarase o acceso ao filme para as familias inscritas para que poidan visionalo para esta sesión. Durante a sesión, traballarase sobre a evolución das vivencias dunha familia e os seus compoñentes ao longo dos anos.

Canteira de artistas

aaaa

Teatro e cinema na Semana das Letras Galegas

O venres 13 foi o día grande da Semana das Letras Galegas no instituto e houbo actividades para todos os niveis, como a representación teatral e a proxección cinematógrafica ás que asistiron os 3 primeiros cursos da ESO. 

Máis imaxes neste álbum

O alumnado de 2º ESO representou unhas breves pezas teatrais para os compañeiros e compañeiras de 1º ESO. A representación de clásicos da literatura infantil, de fábulas grecolatinas ou doutras pezas menos coñecidas fixéronnos pasar un bo momento no que non faltaron xiros sorprendentes e humorísticos que arrincaron risos e aplausos do publico. Cone sta posta en escena, o alumnado de 2º ESO púxolle o ramo a semanas de traballo en Educación Física co seu mestre José Luís.

Mentres, nunha aula de música reconvertida en sala de cinema, 3º ESO asistiu á proxección do filme Cuñados, ópera prima de Toño López protagonizada por Federico Pérez, Miguel de Lira e Xosé Touriñán e recoñecidas actrices como María Vázquez, Mela Casal, Iolanda Muíños e Eva Fernández. As disparatadas ocorrencias deste trío de grandes cómicos e actores galegos provocaron as gargalladas do alumnado e demostraron que a comedia é máis necesaria ca nunca. A alumna Marta Alonso fixo unha reseña sobre a película, que podedes escoitar aquí.

Somos un pobo de artistas

Máis imaxes neste álbum fotográfico

Nunha Semana das Letras que deu espazo a diferentes expresións artísticas e aos formatos audiovisuais non podía faltar unha panorámica da escena musical actual en lingua galega, que veu da man de Clara Seco e Rodri Suárez. Clara é veciña de Arcade, fundadora da produtora cultural Toxo Verde, formada en Imaxe e Son na Escola de Vigo, Estudos lingüísticos e Literarios e Xestión Cultural pola Universidade de Vigo e a Universitat Oberta de Catalunya. Pola súa banda, Rodri Suárez é licenciado en Xornalismo pola Universidades de Santiago e Carlos III, está especializado en música e traballa no campo da comunicación e a produción musical.

Con eles, o alumnado de 3º e 4º ESO B e C e 1º BACH B tivo a oportunidade de achegarse a esta auténtica eclosión de estilos, xéneros, bandas e solistas que están a protagonizar o momento actual da música en galego. Clara e Rodri repasaron os antecedentes, que arrancan na música das verbenas dos anos 50 e teñen continuidade nos Andres Dobarro, Juan Pardo ata o movemento Bravú ou o Xabarín pasando por Ana Kiro e Suso Vaamonde. Tamén fixeron repaso polo case infinito calendario de festivais que enchen a axenda, sobre todo veraniega, e que serven de plataforma para coñecer moitos grupos e nomes e para vivir con intensidade a experiencia de coñecer xente e o país a través da música.

Houbo tempo, menos do que tiñamos, para abordar a escena dende unha perspectiva de xénero, pois neste campo tamén hai moito que sachar, e, por suposto, para escoitar algúns temas de diferentes bandas e artistas e para coñecer os gustos musicais da rapazada e, deste modo, confirmar que a música galega precisa moita visibilidade e de moito apoio privado e insticuional, porque calidade e diversidade haina a esgalla. 

E que podemos recomendar das músicAs galegAs actuais? Primeiro, abrir as orellas e arrombar os estereotipos e deixarse levar nesta playlist do Spotify e outras recomendacións que nos pasaron Clara e Rodri. E, como non, acudir a escoitar a música ao vivo nos mil e un concertos e festivais que temos na comarca (Millo Verde en Redondela, o Soutomareiro na casa o 9 de xullo ou o Canteira Fest en Paredes-Vilaboa) e por todo o país. Non precisades brúxula se tedes á man este fío completísimo de Rodri Míguez no Twitter.

Distribuir contido


by Dr. Radut