Skip to Content

Somos un pobo de artistas

Máis imaxes neste álbum fotográfico

Nunha Semana das Letras que deu espazo a diferentes expresións artísticas e aos formatos audiovisuais non podía faltar unha panorámica da escena musical actual en lingua galega, que veu da man de Clara Seco e Rodri Suárez. Clara é veciña de Arcade, fundadora da produtora cultural Toxo Verde, formada en Imaxe e Son na Escola de Vigo, Estudos lingüísticos e Literarios e Xestión Cultural pola Universidade de Vigo e a Universitat Oberta de Catalunya. Pola súa banda, Rodri Suárez é licenciado en Xornalismo pola Universidades de Santiago e Carlos III, está especializado en música e traballa no campo da comunicación e a produción musical.

Con eles, o alumnado de 3º e 4º ESO B e C e 1º BACH B tivo a oportunidade de achegarse a esta auténtica eclosión de estilos, xéneros, bandas e solistas que están a protagonizar o momento actual da música en galego. Clara e Rodri repasaron os antecedentes, que arrancan na música das verbenas dos anos 50 e teñen continuidade nos Andres Dobarro, Juan Pardo ata o movemento Bravú ou o Xabarín pasando por Ana Kiro e Suso Vaamonde. Tamén fixeron repaso polo case infinito calendario de festivais que enchen a axenda, sobre todo veraniega, e que serven de plataforma para coñecer moitos grupos e nomes e para vivir con intensidade a experiencia de coñecer xente e o país a través da música.

Houbo tempo, menos do que tiñamos, para abordar a escena dende unha perspectiva de xénero, pois neste campo tamén hai moito que sachar, e, por suposto, para escoitar algúns temas de diferentes bandas e artistas e para coñecer os gustos musicais da rapazada e, deste modo, confirmar que a música galega precisa moita visibilidade e de moito apoio privado e insticuional, porque calidade e diversidade haina a esgalla. 

E que podemos recomendar das músicAs galegAs actuais? Primeiro, abrir as orellas e arrombar os estereotipos e deixarse levar nesta playlist do Spotify e outras recomendacións que nos pasaron Clara e Rodri. E, como non, acudir a escoitar a música ao vivo nos mil e un concertos e festivais que temos na comarca (Millo Verde en Redondela, o Soutomareiro na casa o 9 de xullo ou o Canteira Fest en Paredes-Vilaboa) e por todo o país. Non precisades brúxula se tedes á man este fío completísimo de Rodri Míguez no Twitter.

AnexoTamaño
Música en galego.pdf17.39 KB


blog | by Dr. Radut