Skip to Content

Complementarias

O Magosto volveu co outono ao instituto

O pasado 16 de novembro puidemos volver gozar dunha das celebracións máis tradicionais do calendario festivo galego, o Magosto, que voltou ao noso centro dous anos despois coas castañas asadas, os xogos populares, a música popular e mesmo algún baile. Este ano contamos cun pasarrúas no que participaron Rebeca, Raúl, Noelia, Elisa e Marta. Ghaiteir@s!

Aínda que fose por un tempo moi limitado, e sempre cumprindo co protocolo COVID, o obxectivo era poder voltar a partillar dun momento de convivencia máis alá das aulas e os recreos, que boa falta fai.

Coma sempre, temos que agradecer a colaboración de Nati, a nosa castañeira, e de Luís, que nos achegou o tren-asador das castañas e tamén botou unha man no asado e reparto de castañas. Sen eles, e sen as familias que achegaron as castañas, non sería posible recuperar o magosto.

Moitas grazas!

Regueifeiras finalistas

Lembrades que no mes de outubro un grupo de alumnos e alumnas voluntarios de 2º da ESO coñeceron a regueifa de man de Lupe Blanco, a mestra regueifeira de Bergantiños? Pois daqueles obradoiros saíu unha representación de mozos e mozas decididos a subir ao escenario do II Certame Provincial de Regueifas para lle botar unhas coplas xunto con outros 100 rapaces e rapazas de 41 centros escolares de toda Pontevedra.

Lucía, Rosalía, Alexia, Javier, Hanae, Antía, Diego, Ashley e Héctor, acompañados polo profesor Fernando Blanco, demostraron boas dotes para a improvisación oral coas súas coplas pícaras e retranqueiras. Houbo un chisco de nervios, claro, pero demostraron seren ben afoutos e afoutas para pisar as táboas ante un público tan numeroso.

A mostra, que tivo lugar no Centro Cultural e Veciñal de Valadares o 19 de novembro, púxolle o ramo a este programa formativo organizado pola Asociación Oral de Galicia e a Deputación de Pontevedra, que foi desenvolvido no noso centro polo Equipo de Normalización Lingüística e o Dpto. de Lingua Galega.

Acto de graduación da Promoción 2019-2021 de Bacharelato

Ver álbum de imaxes da cerimonia

Botamos o telón a unha etapa da nosa vida e comezamos outra nova, na que cada un de nós tomará rumbos diferentes. Espéranos un futuro cheo de erros pero tamén de acertos que nos farán madurar aínda máis e formarnos como futuros profesionais, lembrando sempre o aprendido, tanto dentro como fóra das aulas, polos profesores que nos acompañaron todos estes anos.
Hai uns meses desexábamos con forza que este curso rematase canto antes, sabendo o moito que botaríamos en falta as experiencias vividas. Hoxe estamos aquí, despedindo esta etapa con alegría á vez que con nostalxia por deixar atrás o instituto, o profesorado, compañeiros e compañeiras e, en moitos casos, a vila onde crecemos.
Unha gran parte da nosa vida quedará para sempre gardada nas nosas lembranzas, ao igual que as persoas que formaron parte dela.

Con estas palabras, a Promoción de Bacharelato 2019-2021 do IES de Soutomaior despediu o acto de graduación que tivo lugar este mércores, véspera do San Xoán, antes de prender o lume novo.

Despois dun curso tan esixente e difícil, aínda tiveron tempo para autoorganizar un acto, sinxelo, fermoso e emotivo, no que,  arroupados polas familias, o profesorado e o Concello na persoa do alcalde, puxeron un punto e seguido nas súas vidas.

Noraboa e moita sorte! O mundo é voso!

Creando os nosos propios filtros de realidade aumentada

Esta mañá estanse desenvolvendo nos grupos de 3º ESO os obradoiros Social Pilgrims, unha actividade de introdución na creación de filtros de Realidade Aumentada para FB e IG utilizando o software Spark AR e creando os nosos  propios filtros para redes sociais.

Esta actividade é impulsada por CEO ABERTO no marco do programa Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Soutomaior e os Departamentos de EPeV e Tecnoloxía do noso centro.

  • Que é a realidade aumentada
  • Exemplos de contidos aumentados
  • As redes sociais.
  • Spark AR. Introducción ao seu uso
  • O meu primeiro filtro de AR
  • Integración nunha rede social
  • Deseño dun filtro sobre o Camiño de Santiago.

Despedida e avaliación dos clubs de lectura

Os mozos e mozas dos clubs de lectura do centro avalían a experiencia e despídense ata o curso que vén. Agora tócalles gozar dunhas merecidas vacacións... e das lecturas do verán!

E lembremos que non hai mellor recomendación dun libro que a que fan os propios lectores, así que non deixedes visitar o blogue da biblioteca e de inculcar o hábito da lectura no seo das familias.

Maquetas de ecosistemas

O alumnado de 1º ESO traballou a temática dos ecosistemas durante este último trimestre coa profesora Eloísa na materia de Bioloxía. Velaquí tedes unha selección das súas maquetas.

Sónchevos uns verdadeiros artistas!

Podemos vivir sen plástico pero non sen auga

O pasado venres o alumnado de Bioloxía e Debuxo Artístico de 1º BACH A inaugurou inaugurou o mural “Vida Submarina”, realizado no marco do proxecto DepoRuarte da Deputación.

O acto contou coa presenza da deputada de Turismo e Xuventude, Ana Laura Igrexas, a Concelleira de Igualdade de Soutomaior, Cristina González, ademais da artista Laura Navarrete, que guiou o alumnado neste traballo. As alumnas Marta Alonso e María Orge tomaron a palabra en representación dos seus compañeiros e compañeiras, que traballaron arreo e moi ben en equipo durante varias sesións anteriores para rematar a obra. Podedes ver as imaxes do seu traballo aquí.

A actividade comezou o 25 de maio cunha charla ben interesante e dinámica sobre a vida submarina, que impartiu a bióloga e educadora ambiental Ana Vázquez. Baixo o obxectivo de concienciar o alumnado de que os océanos moven sistemas que fan que a Terra sexa habitable para a humanidade, tomamos en consideración que elementos como as precipitacións, a auga potable, o clima, o tempo, as costas e gran parte dos nosos alimentos e mesmo o osíxeno do aire que respiramos proveñen, en última instancia, do mar e son regulados por este. E todo isto non acontece lonxe de nós senón ao noso arredor, por iso a nosa convidada achegou o alumnado aos ecosistemas da nosa enseada ou das Illas Cíes.

Baixo o lema 'Pensando no 2030', o programa DepoRúarte céntrase na importancia do cambio climático no marco da Axenda 2030 e foi acollido no noso centro polas profesoras Beatriz Fervenza e Ana Aguiar, dos Departamentos de Bioloxía e Educación Plástica.

Vive a túa pluma, vivamos a nosa pluma

Ter pluma (frase coloquial): afeminamento na fala ou nos xestos dun varón. 
Fonte: Dicionario da RAE.

Preguntámonos algunha vez pola orixe e o significado da expresión "ter pluma" que se lle aplicou historicamente aos homosexuais? Pois é unha expresión homófoba, ao igual que "machorro" e outros moitos termos despectivos, froito dos prexuízos que estigmatizan as persoas pola súa orientación sexual e identidade de xénero e revelan unha historia de desigualdade e discriminación social. 

Fronte a estas mostras de odio, o Comando Igualdade do instituto aprópiase da pluma para convertela nunha arma para rachar cos esteriotipos sociais e reinvindicar o dereito a vivir e expresar libremente como nos sentimos. Esta é a mensaxe que quixeron partillar con motivo do 17 de maio, Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia.

Educación ambiental nas ribeiras do Verdugo e o Oitavén

Logo do aprazamento desta saída, programada para finais de abril, os grupos de 1º ESO A e 1º ESO C puideron participar no roteiro da "Campaña efecto dominó, entre Ríos", que promoveu o Concello de Soutomaior en colaboración co Departamento de Bioloxía e Xeoloxía do noso centro.

Como xa fixeran antes os seus compañeiros de B e D, o alumnado puido coñecer e valorizar in situ os recursos ambientais dos espazos naturais que constitúen as ribeiras do Verdugo e do Oitavén da man das monitoras Carla e Nerea e acompañados polas profesoras Ana e Montse.

Máis imaxes nesta galería de fotos.

Un camiño para todos e todas

O alumnado de 4º ESO C exerceu de anfitrión da 2ª edición do proxecto "Xacobeo Autismo. Un Camiño de Todos", unha iniciativa enmarcada no programa de “O Teu Xacobeo” pola cal 20 persoas con trastorno do espectro do autismo viviron e compartiron a súa experiencia como peregrinos nun camiño xacobeo que os levou dende Nigrán a Pontevedra en 6 etapas entre o 11 e o 27 de maio.

Ao seu paso por Soutomaior, no que recalaron ao final da 5ª etapa, os mozos e as mozas de 4º ESO C déronlles a benvida e moito ánimo ás 20 persoas usuarias da Fundación Menela que están a vivir esta experiencia coa campaña de moitos colectivos, institucións e centros escolares, como se pode seguir a través do seu perfil nas redes sociais

O Castelo e os seus xardíns, a ponte medieval da Comboa, a ponte de Pontesampaio, a igrexa de San Salvador e a praia da Xunqueira foron os lugares de interese recomendados polos alumnos e alumnas do instituto, que ademais de seren uns excelentes embaixadores/as do Concello demostraron que son persoas solidarias e implicadas socialmente. Noraboa! E o agradecemento tamén para a titora Sandra e a orientadora Alba por acoller a proposta de Menelas. Mil grazas!

Distribuir contido


by Dr. Radut