Skip to Content

Complementarias

Obradoiros en 1º e 2º de ESO: Sexualidade, Ciberseguridade, Drogas e condutas aditivas

Iniciamos o 3º Trimestre retomando o ciclo de obradoiros inlcluídos no programa "Ti decides!",  que o Concello de Soutomaior oferta aos centros escolares do municipio.

En 2º de ESO tiveron lugar hoxe os Obradoiros de Sexualidade, que continuarán este venres coas actividades de Prevención de Drogas e Condutas Adictivas para aqueles grupos que aínda non as tiveran (2ºC-D).

 Ciberseguridade en 1ºESO-D.

En 1º ESO adicáronse 2 sesións a reflexionar sobre a Ciberseguridade (1ºC e 1ºB), actividade que remata mañá no resto dos grupos (1ºA e 1ºB). Tratáronse aspectos que preocupan na comunidade educativa (profesorado, familias e alumnado) como a privacidade en internet, o especial coidado das imaxes que subimos á rede (nosas e dos demais), a protección ante o roubo de identidade e outras fraudes, así como que pode facer o alumnado cando é vítima dun fraude ou situación problemática en internet.

Efecto dominó, entre os ríos Verdugo e Oitavén

Rematamos unha intensa semana de actividades coas charlas nas que onte e mais hoxe están a participar os alumnos e alumnas de 1º ESO no marco do programa "Efecto dominó. Entre ríos", unha iniciativa das Concellarías de Educación e Medio Ambiente acollida polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía do noso centro.

Aproveitando que o pasado 22 de marzo celebrouse o Día Mundial da Auga  iniciamos a campaña "Efecto Dominó, entre ríos", o alumnado de 1º ESO participa no deseño dos contidos dun material divulgativo e didáctico sobre valores ambientais dos espazos naturais que constitúen as ribeiras dos ríos Verdugo e Oitavén, que atravesan e dan vida ao noso concello.

Ao participaren no proxecto, os rapaces e as rapazas recuperan boas prácticas ambientais, poñen en valor os recursos medio ambientais e convértense en axentes sensibilizadores para achegar estes valores ao maior número de persoas.  

Nesta primeira sesión, o alumnado asistiu a unha charla preliminar para activar coñecementos xerais, que se completará cun roteiro de xornada completa polos ríos dende o centro ata a Presa do Inferno co obxectivo de coñecer o terreo e elaborar paneis de sensibilización.

Sintoniza coa túa melodía profesional

O alumnado de 4º ESO sumouse hoxe ao ciclo de obradoiros "Ti decides!", un programa de accións socioeducativas non formais que o Concello de Soutomaior oferta aos centros escolares do municipio. En concreto, os grupos de A e D participaron no obradoiro "Sintoniza coa túa melodía profesional" para descubrir, a través dunha experiencia de xogo, as habilidades e todas as oportunidades que se poden atopar no actual mundo laboral.

Así mesmo, 3º ESO pechou a acción "Sexualidade avanzada. Obradoiro de innovación", que ao longo de tres sesións traballou moitos contidos relacionados coa identidade de xénero, os estereotipos, a tolerancia, a igualdade e o bo trato cara un mesmo/a e cara ás demais persoas, etc.

Igualmente, da man de AMAINA, Asociación para a Promoción da Saúde, todos os grupos de 1º ESO están asistindo aos obradoiros de iniciación en material sexual e afectivo-sexual, que continuarán á volta das vacacións. E, por último, 2º ESO A e 2º ESO B abordan esta sermana a problemática das condutas aditivas de tiferente tipo: drogas, novas tecnoloxías...

A tecnoloxía das cousas pequenas

Esta mañá estivo connosco Francisco J. Fraga López, Profesor Titular de Universidade da Área de Física Aplicada e Decano da Facultade de Ciencias de Lugo (USC), para impartir a charla "Nanotecnoloxía, realidade ou ficción?", para o alumnado de 1º BACH B, co obxectivo de dar a coñecer os campos de investigación que se están abrindo dende hai anos neste campo e como xa hai logros que mudarán aspectos básicos das nosas vidas.

Esta actividade foi organizada polos Departamentos de Orientación e Tecnoloxía no marco do programa A Ponte entre o ensino medio e a USC, promovido pola USC para achegar aos centros de ensino secundario o traballo que se desenvolve na universidade.

 

O 8M no IES de Soutomaior

Para conmemorar o 8M, o Día da Muller, durante os días previos, o alumnado traballou nas titorías os valores da igualdade de xénero e do proceso de emancipación das mulleres na súa loita histórica para reverter as situacións de discriminación e rachar co patriarcado. Este traballo audiovisual é un dos froitos dese traballo colectivo.

Ademais, un grupo de alumnas e alumnos de 4º ESO D leu o manifesto desta xornada e animou á comunidade educativa a sumarse ás reinvindicacións desta data cunha marcha simbólica ao son das tarteiras e as palabras de orde durante o recreo.

megafonía recreo

Ademais, durante o mes de marzo, podemos ver os retratos da exposición "Mulleres sabias", cedida polo Centro de información á Muller do Concello. Esta mostra conta cos retratos de veciñas veteranas e acompáñase de pequenos obxectos propios de cada muller e procura proxectar o apoderamento, a visibilización e a concienciación das mulleres de mais idade, así como poñer en valor as oportunidades da idade e da experiencia vital como fonte de sabedoría e a ruptura dos estereotipos de beleza impostos por unha sociedade patriarcal.

Escaneado 3D de obxectos reais

O pasado venres 5 de marzo o alumnado de 1º de Bacharelato asistiu a unha charla-obradoiro sobre Escaneado 3D de obxectos reais, impartida por Juan Pedro Ortíz Sanz, profesor de Enxeñería Agroforestal da USC no Campus Universitario de Lugo. Na parte teórica desta actividade, o profesor explicoulle aos rapaces e ás rapazas que os modelos 3D son figuras virtuais tridimensionais que representan un obxecto real e que se están empregando xa en múltiples campos como a medicina, arquitectura, videoxogos, ou no deporte. Na parte práctica, o alumnado utilizou unha aplicación gratuíta para móbiles coa que crearon un modelo en 3D dunhas cunchas de vieira, a partir de 10 fotografías tomadas por eles mesmos.

A actividade foi organizada polos Departamentos de Orientación e Tecnoloxía no marco do programa A Ponte entre o ensino medio e a USC, promovido pola USC para achegar aos centros de ensino secundario o traballo que se desenvolve na universidade.

Supersorda de Cece Bell, nova recomendación lectora

O club de lectura Narrando con imaxes reuniuse esta mañá para facer unha posta en común de Supersorda, de Cece Bell, unha historia autobiográfica sobre a xordeira da protagonista que non deixou indiferentes aos mozos e mozas do club.

Por iso, queren partillar connosco as súas impresións e recomendar vivamente esta lectura que está dispoñible na Biblioteca do instituto.

Finanzas para mortais

O luns 22 de febreiro tivo lugar a derradeira charla impartida polo ponente do Banco de Santander, Juan Carlos Pérez Pazos, do programa "Finanzas para Mortais", ao alumnado de Economía de 4º ESO C.

Nesta ocasión faloulles dos préstamos e os créditos, de como manexar as tarxetas no estranxeiro e do destino que se lles pode dar aos aforros: depósitos, seguros, produtos de renda fixa como as Letras do Tesouro, Bonos e Obrigacións do Estado, e tamén dos produtos de renda variable, como as accións e os Fondos de investimento.

O alumnado participou activamente ao longo da sesión, preguntando as súas dúbidas e facendo as suas achegas. quedando moi satisfeitos tanto eles como o ponente. Ámbolos dous mostraron a súa intención de levar a cabo futuras colaboracións.

O programa encádrase no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo Eduemprende, no que colaboran a Consellería de Educación, a Fundación da Universidade de Cantabria para o estudo e a investigación do sector financeiro (UCEIF) e o Banco Santander S. A.

Un anaquiño de Uganda en Soutomaior

Emilio J. Puime tróuxonos un pouco de Uganda á clase de música. Un galego, etnomusicólogo e cooperante internacional, tratou de fortalecer o noso pensamento sobre os dereitos humanos relacionándoos coa música tradicional en Uganda. Ademais, Emilio coordina a ONG Destino Uganda, que se adica a mellorar a vida de nenos e nenas en situación de vulnerabilidade e pobreza extremas, sendo a música o que se converteu no medio de vida para estes rapaces.

Durante a charla con Emilio, púidose ver como a etnomusicoloxía pode traballar coa cooperación ó desenvolvemento, xa que garantir o cumprimento dos dereitos humanos e dos obxectivos da Axenda 2030 (ODS) é a maneira de convervar o patrimonio cultural inmaterial en áreas desfavorecidas.

Apareceron termos como a globalización, cultura, relativismo cultural ou tradición; este foi seguido da visualización de exemplos de música tradicional en Uganda, para entender que non é mellor nin peor, simplemente diferente.

De maneira conxunta, chegouse á conclusión da necesidade da conservación do patrimonio e o cumprimento dos dereitos humanos, xunto cos obxectivos de desenvolvementos sostible (Axenda 2030), pois así poderemos ter un mundo máis humano e habitable.

Qrt m8! O amor en tempos de pandemia

Non esaxeramos nada se dicimos que esta mañá foron necesarias moitas mans de alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato para repartir centos de mensaxes e cartas de amor polo centro.

O correo do amor fixo un grande traballo, moi dilixente, ben organizado e seguindo sempre as medidas de seguridade e hixiene que requiren estes tempos. Noraboa e grazas por encher os corredores e aulas de sorrisos e nervios, e moita alegría, que boa falta fai.

   
Distribuir contido


by Dr. Radut