Skip to Content

Éntrache nunha lingua... e sáeche pola outra!

Como que nos entra nunha lingua e nos sae por outra? De que estamos a falar? De linguas! Si, de linguas, en concreto, dos estudos e do traballo de Tradución e Interpretación que nos veu presentar a doutora Lara Domínguez Araújo, profesora da Universidade de Vigo, no marco do noso ciclo de charlas divulgativas e temáticas das universidades.

Tras establecer as diferenzas que hai entre as actividades da tradución e a interpretación, esta docente e investigadora achegou o alumnado aos estudos que se imparten na Facultade de Filoloxía e Tradución viguesa e a multitude de ámbitos en que desenvolven o seu traballo estes profesionais unha vez licenciados: dende os filmes aos videoxogos pasando pola publicidade, o turismo e sectores económicos e artísticos de todo tipo.

Así mesmo, dende o coñecemento de quen tamén se dedica á tradución e interpretación profesional, salientou o papel activo que xoga a lingua galega como vantaxe competitiva no mundo globalizado e, como exemplo disto, mostrou unha extensa nómina de empresas tecnolóxicas, multinacionais de todo tipo, institucións e e asociacións locais e internacionais que demandan o traballo de tradutores/as e intérpretes galegos/as saídos da UVigo (Das Lagoas a Silicon Valley: vivir da tradución e a interpretación en Galicia). 

Finalmente, explicou os procesos cognitivos que interveñen na aprendizaxe da interpretación, unha habilidade que precisa de moito estudo e preparación continuos, dunha grande capacidade de concentración e coordinación... e moita práctica,, pero que tamén regala moitas satisfaccións, coñecementos e experiencias. E así rematou a charla, coñecendo as diferentes modalidades da interpretación e practicando nunha actividade na que os rapaces e rapazas fixeron de intérpretes e oíntes de inglés-galego e galego-castelán. E aínda houbo tempo para o coloquio con Lara, á que lle agredecemos todo canto aprendemos hoxe e que sementase o interese pola súa profesión entre o alumnado. Para máis información: Grao de T&I, AGPTI Rede Vértice



blog | by Dr. Radut