Skip to Content

Achegámonos ao noso medio

O centro acolleu onte, mércores 15 de decembro, dúas charlas formativas que achegaron o alumnado ao noso medio, tanto ao medio natural como ás nosas formas de vida tradicionais.

Por unha banda, o alumnado de Ciencias da Terra e do Medio Ambiente (2º BACH) e de Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional (4º ESO) asistiu á charla "Experiencias co pH no solo" dentro do Programa Revitaliza, que impulsa a Deputación de Pontevedra. Nela, destacouse a importancia da compostaxe dende un punto de vista estratéxico para a reciclaxe de residuos orgánicos, e das propiedades e aplicacións do compost como enmenda orgánica para solos agrícolas e para restauración de solos degradados a causa dos incendios forestais. Ademais, mostrouse a importancia do pH do solo na dispoñibilidade de nutrientes para as plantas, e caracterizáronse dun xeito sinxelo e práctico un solo alcalino e un solo ácido.

Por outra banda, o alumnado de 4º ESO participou na segunda (a 1ª realizouse o venres 3) das charlas do programa Relevo 2. A mocidade Abordo, promovidas polos GALP (Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro). Nestas sesións achegámonos ao sector pesqueiro (pesca, marisqueo, acuicultura) dende o punto de vista laboral, é dicir, das diferentes posibilidades a nivel laboral que ofrece (mariscador, pescador, persoal administrativo, capitán de barco, mentemento de instalacións, persoal investigador...). Así mesmo, deuse a coñecer o abano de posibilidades formativas que hai en Galicia enfocado a estas profesións, dende ciclos de grao medio e superior ata graos universitarios.

Estas actividades foron organizadas polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía en colaboración con outros seminarios.



blog | by Dr. Radut