Máis fotos no ENLACE
Na nosa terra, a noite máis máxica do ano está inzada de costumes para celebrar, cunhas orixes ancestrais. Di o noso refraneiro que “polo San Xoán, a sardiña molla o pan”. Así, quen desexe comezar o verán coa sorte da súa parte, existen unha serie de tradicións que ten que cumprir si ou si. Por iso, na noite meiga do 23 de xuño, a máis curta do ano, non poden faltar as crenzas.
Malia empezar sendo unha festividade pagá do solsticio de verán para honrar o Sol, despois converteuse na celebración do nacemento de San Xoán Bautista. Porén, co paso do tempo algunhas das tradicións xa se perderon, sendo mudadas por outros usos. Proba disto é que antigamente había a tradición de baleirar un ovo dentro dunha copa ou dun vaso á media noite da víspera de San Xoán, deixándoo á fresca ata o abrente da festividade do Bautista; e ao asomar o sol pódese ver o porvir. Pero nos nosos días, saltar as fogueiras, os baños baixo a lúa, realizar queimadas ou lavarse coas herbas de San Xoán, son as tradicións máis típicas da nosa terra.
Verbo de saltar as fogueiras cacharelas, lumaradas, ou cacheiras hai disparidade de opinións sobre o número de veces que hai que saltalas: tres, sete, nove, ....Iso si; sempre en número impar. En calquera caso, o lume é unha maneira de librarse do meigallo e escorrentar os malos espíritos, polo menos durante un ano máis.
E, estando en Galicia, non pode faltar unha saborenta gastronomía desta época. O San Xoán é época de sardiñas, feitas sobre a grella. De todas formas, co tempo, ás sardiñadas tamén se lles sumaron as churrascadas.
E xa, respecto dos rituais de purificación, compre apuntar outras tres crenzas: as queimadas, as herbas de San Xoán e o mito das ondas da Lanzada. Para acompañar a comida, non pode faltar a típica queimada. Esta beberaxe debe prepararse nunha ola de barro e ter, ademais da augardente, azucre, grans de café e carapela de froita, xaora acompañada da ladaíña do esconxuro.
Á mañá seguinte, a tradición manda lavar a cara coa auga do cacho de San Xoán, tras quedar a remollo durante a noche máxica. Non hai unha fórmula única para facer esta auga: en cada casa hai unha receita distinta. Pero hai sete plantas que se repiten practicamente en toda Galicia: a flor de San Xoán ou espantademos, o fiuncho, herba luísa, malva sivestre, fento macho, xesta e romeu. Para completar esta tradición, este ramo debe secarse e gardarse ata o seguinte San Xoán, cando se queimará na fogueira.
A auga tamén un claro papel protagónico na praia da Lanzada. Aquí, conta a lenda, o mar ten propiedades máxicas para as mulleres que busquen quedar empreñadas. O rito consiste en bañarse baixo o luar na noite de San Xoán durante nove ondas. Para que o desexo se cumpra, é necesario realizar o baño pasada a medianoche e de costas.
Esta tradición ten as súas orixes na mitoloxía grega, que relaciona a deusa Venus coa fertilidade e ten como símbolo unha cuncha mariña. E, unha vez máis, un número impar (neste caso o 9) encárgase de completar o rito máxico.
Aquí tedes algúns dos nosos rituais máis antigos que cómpre non esquecer e tamén llelos transmitir ás xeracións máis novas, por seren sinais indiscutibles da nosa identidade.
Teresa Pastor Novo
(coordinadora do EDLG)